Novas

15-10-2020 -

A biblioteca municipal de Fene anuncia o aprazamento da actuación de Ghazafellos desta tarde


Por razóns alleas á organización, suspéndese a terceira e última función do ciclo “Ler
conta moito” que ía ter lugar esta tarde na Casa da Cultura de Fene. Segundo informan dende biblioteca municipal, o contacto dun dos membros da compañía cun positivo por Covid-19 motivou a corentena do elenco do grupo ao completo, razón pola cal non poderán actuar finalmente esta tarde en Fene.

Perante esta incidencia, a función de Ghazafellos co espectáculo “A máquina do tempo” adíase para o 29 de outubro ás 18.00 horas, manténdose a reserva de prazas para
as persoas que tiñan confirmada a súa asistencia esta tarde.
14-10-2020 -

A biblioteca municipal de Fene conmemora o Día das Escritoras cunha mostra bibliográfica

Até o vindeiro 19 de outubro, a biblioteca Xosemaría Pérez Parallé de Fene acolle unha pequena mostra bibliográfica adicada ás escritoras. A iniciativa encádrase na conmemoración do Día das Escritoras que promove a Biblioteca Nacional de España en colaboración coa Federación Española de Mulleres Directivas, Executivas, Profesionais e Empresarias (FEDEPE) e a Asociación Clásicas e Modernas. A exposición amósase nesta instalación municipal de luns a venres, de 16.00 a 21.00 horas, e o sábado, de 10.00 a 13.00 horas.

Dende o ano 2016, o Día das Escritoras “busca reivindicar a labor e o legado das mulleres escritoras ao longo da historia, a partir da lectura de fragmentos representativos das súas obras”. Cada ano, esta celebración ten lugar o luns máis próximo á festividade de Teresa de Jesús (15 de outrubro).
13-10-2020 -

Fene destina máis de 200.000 euros a colaborar co tecido cultural, deportivo e social do municipio

 O Concello de Fene xa ten en marcha tanto as convocatorias de subvencións en concorrencia competitiva como a distribución dos convenios nominativos deste ano. Delas beneficiaranse as entidades socioculturais do municipio, as anpas, os clubes e tamén colectivos que colaboran co consistorio no desenvolvemento de accións sociais, reforzadas nos últimos meses por causa da pandemia. A actual situación tamén levou ao Concello a facer unha redistribución de importes e incluso a modificar as condicións de xustificación das achegas, co obxectivo de que as entidades poidan adaptalas ás súas necesidades actuais. O montante global ascende a 202.200 euros, o que supón un importante incremento con respecto a 2019 -a convocatoria dirixida a Cultura, Deportes e ANPAS sobe un 50%-, para o que o Executivo local aprobou a finais de agosto unha modificación de crédito co obxectivo de incrementar a contía e darlle acomodo no orzamento municipal.
09-10-2020 -

O ciclo Ler conta moito finaliza o vindeiro xoves cunha actuación de Ghazafellos

Xa se poden reservar entradas para asistir o vindeiro xoves, 15 de outubro, á derradeira función do ciclo “Ler conta moito” que organiza a biblioteca municipal de Fene no marco do programa para a dinamización da lectura da Xunta de Galicia. Nesta terceira e última sesión, a compañía Ghazafellos presentará a partir das 18 horas o espectáculo “A máquina do tempo”, dirixido a nenos/as de 5 a 11 anos. A entrada será gratuíta pero con aforo limitado a 20 persoas (10 nenos/as e 10 adultos/as). Para asistir cómpre chamar por teléfono á biblioteca de luns a venres, de 16 a 21 horas, ou os sábados, de 10 a 13 horas (teléfonos de contacto: 981342302 / 607625346).

En “A máquina do tempo", “a doutora Mon e o seu axudante Pe, logran construir unha máquina do tempo coa que nos amosarán a verdadeira historia das civilizacións mandando a Pe e a algún voluntario ou voluntaria a distintas épocas da nosa historia”.
 
08-10-2020 -

Este venres abre o prazo de solicitude do Bonobús Universitario para o curso 2020-2021

Facilitar o desprazamento diario, de luns a venres, no traxecto Fene-A Coruña-Fene para o estudantado universitario fenés que estea matriculado en calquera dos campus da cidade de A Coruña durante este curso 2020-2021 é o obxectivo do programa Bonobús Universitario que convoca un ano máis a Concellería de Cultura do Concello de Fene. Trala publicación das bases da convocatoria no BOP núm. 168 do xoves 8 de outubro de 2020, o prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto dende o venres 9 ao luns 19 de outubro, ámbolos dous incluídos.
02-10-2020 -

O lobo bobo, de Elefante Elegante, protagonizará a segunda sesión de contacontos da biblioteca de Fene

O salón de actos da Casa da Cultura acollerá o vindeiro xoves 8 de outubro, ás 18.00 horas, unha nova función do ciclo “Ler conta moito” que organiza a biblioteca municipal de Fene no marco do programa para a dinamización da lectura da Xunta de Galicia.

Nesta segunda sesión, a compañía Elefante Elegante presentará o espectáculo “O lobo bobo”, dirixido a nenos/as a partir de 3 anos. A entrada será gratuíta pero con aforo limitado a 20 persoas (10 nenos/as e 10 adultos/as). Para asistir cómpre reservar entrada chamando por teléfono á biblioteca de luns a venres, de 16 a 21 horas, ou os sábados, de 10 a 13 horas (teléfonos de contacto: 981342302 / 607625346).
02-10-2020 -

Horarios tempada 2020-2021

A Concellería de Deportes publica os horarios de adestramento do pavillón polideportivo da Xunqueira en San Valentín e do Ramo durante toda a tempada 2020/2021.

Unha vez rematado o prazo de solicitudes de adestramento nos pavillóns polideportivos de O Ramo (Barallobre) e A Xunqueira (San Valentín) para equipos de fóra do Concello de Fene, asociacións e particulares; achégase o horario de adestramento, confeccionado segundo as solicitudes recibidas e o Regulamento de Réxime Interior de Instalacións Deportivas do Concello de Fene.
01-10-2020 -

En marcha a reparación da estrada entre a Rúa Travesa e Santa Ana

O Concello de Fene vai investir algo máis de 59.000 euros en aglomerar a pista que vai desde a confluencia da Rúa Travesa e Alcalde Gerardo Díaz coa estrada nacional 651, nas curvas de Santa Ana. Son exactamente 943 metros de distancia que, con esta obra, verán mellorada tanto a seguridade do tráfico como peonil, posto que nun dos tramos se instalarán canalizacións soterradas de pluviais que irán rematadas cunha plancha de formigón a xeito de cuneta axeitada para o tránsito de viandantes. As obras comezaron hai escasos días e non serán as únicas que se desenvolvan na zona, xa que en breve vai adxudicarse a terceira fase da reposición do firme e do saneamento na rúa Alcalde Gerardo Díaz, orzamentada en máis de 232.000 euros. Ambos proxectos fináncianse con fondos provinciais.

Os traballos que xa están en marcha centráronse nas últimas xornadas en limpar ben as cunetas de todo o eixo e na colocación por unha das marxes de tubos de drenaxe ao longo duns 240 metros, xusto na zona onde a estrada é máis estreita. Este equipamento busca mellorar a evacuación da auga da chuvia por dous motivos: asegurar que a auga non se acumule sobre a calzada e tamén garantir que corra sen filtrarse polas capas inferiores do firme, posto que esa é habitualmente a principal causa dos baches e irregularidades que se producen co paso do tempo.
30-09-2020 -

O Centro Médico de Maniños volve abrir as súas portas a escasos días de que comece a campaña de vacinación antigripal

O consultorio de Maniños volve abrir este xoves 1 de outubro despois de varios meses pechado por mor da pandemia. Persoal do SERGAS ultimaba esta mañá os preparativos, despois de que o Concello fixese tarefas de limpeza no edificio e no seu entorno. A reapertura prodúcese a escasos días de que comece a campaña de vacinación contra da gripe -o día 13-, polo que é moi recomendable ir solicitando cita previa tanto neste centro médico como no Centro de Saúde.

A campaña prolongarase até finais de ano e o Servizo Galego de Saúde volve insistir na importancia de que se vacinen as persoas de 60 ou máis anos -especialmente as que pasen de 65-, as embarazadas, rapazada e adolescentes -de 6 meses a 18 anos- con tratamentos prolongados de ácido acetilsalicílico, meniños e meniñas de 6 meses a 2 anos de idade que nacesen antes de tempo, convivintes con grupos de risco, así como profesionais de centros sanitarios, centros de maiores, servizos de atención domiciliaria e servizos esenciais. A vacinación tamén está indicada para persoas que traballen en explotacións porcinas ou avícolas.
30-09-2020 -

A exposición “Queridas donas” de Isabel Seco Espada amosarase na Casa da Cultura até o 10 de outubro

A exposición de pintura de Isabel Seco Espada amplía as súas datas na sala de exposición temporais da Casa da Cultura de Fene. A mostra, titulada “Queridas donas” poderá visitarse nesta instalación municipal até o vindeiro 10 de outubro en horario: de luns a venres, de 10.00 a 13.00 horas e de 16.00 a 21.00 horas, e os sábados, de 10.00 a 13.00 horas. A entrada ao recinto é libre, sen necesidade de solicitar cita previa, pero con aforo limitado (10 persoas).