Novas

14-12-2020 -

Abre o prazo de reserva de entradas para as actuacións de Rilo&Penadique e Happy Gospel no Concello de Fene

En vísperas do Nadal, a compañía de “Rilo&Penadique” achégase este xoves á Casa da Cultura de Fene para presentar “Arrerú”, espectáculo para crianzas até os 4 anos. A función comezará ás 18 horas con entrada de balde e aforo limitado (15 nenos/as acompañados dunha persoa adulta). Para asistir a esta actividade cómpre reservar entradas na Biblioteca Municipal de Fene (tfno 981 342 302) até o mércores desta semena, en horario de tarde (de 16.00 a 21.00 horas).

Tamén esta semana terá lugar o tradicional concerto de Nadal que organiza a Concellería de Cultura e que este ano terá como protagonista ao quinteto vocal “Happy Gospel” que actuará o venres 18 ás 20.00 horas na igrexa grande de Maniños. Novamente, a entrada será de balde e o aforo limitado. Reserva de entradas, até o propio venres no Departamento de Cultura do Concello de Fene, chamando ao 981 340366 en horario de 8.00 a 14.00 horas. Atendendo aos protocolos para facer fronte á Covid 19, recoméndase que as persoas que asistan a calquera destas funcións cheguen, alomenos, con 20 minutos de antelación ao comezo das mesmas.
10-12-2020 -

O Concello de Fene mantén os obradoiros para persoas maiores a través da web e a radio municipal

A pesar de que a situación sanitaria obrigou a suspender a programación presencial do Programa de Envellecemento Activo municipal "Tardes Activas" , a área de Benestar e Igualdade de mantén unha intensa actividade a través da web e das redes sociais, co obxectivo de manter no posible as rutinas que había antes desta crise.

"Tardes activas dende a casa" é un paquete de exercicios cognitivos ao que se pode acceder desde a web municipal estruturado nun reto á memoria para recordar lugares do territorio por medio de fotografías, un conxunto de adiviñas e, como remate, varios pasatempos imprimibles que teñen por finalidade manter o cerebro en forma.
09-12-2020 -

Cultura segura para un “Nadal diferente” no Concello de Fene

A Concellería de Cultura ultima a programación de actividades que se desenvolverán do 17 de decembro ao 5 de xaneiro no marco da programación de Nadal 2020-2021. Baixo o lema “Un Nadal Diferente”, o ciclo incluirá unha sesión de contacontos para bebés, o tradicional concerto de Nadal e un segundo concerto a cargo de Nuevo Plan e finalizará coa recepción das SS MM Os Reis Magos de Oriente. Tódalas actividades estarán condicionadas ás restriccións derivadas da pandemia provocada pola Covid 19 e desenvolveranse baixo estritos protocolos de seguridade e hixiene. Neste senso, a través deste web municipal (www.fene.gal), o Concello de Fene informará en vísperas de cada unha das actividades das datas e procedementos a seguir para a adquisición das entradas, no caso de ser preciso.
07-12-2020 -

O Concello e ADIF acordan a actualización dos proxectos dos pasos a nivel de Perlío

Representantes municipais e do Administrador de Infraestruturas Ferroviarias achegáronse o xoves pola mañá aos dous pasos a nivel que hai nas inmediacións do centro urbano, co obxectivo de retomar o proxecto de mellora da seguridade peonil sobre a liña férrea Ferrol-Betanzos. O encontro prodúcese menos dun mes despois de que a Subdelegación do Goberno e mailo Concello acordasen darlle o pulo definitivo a un acordo que levaba dez anos sen avances e que agora será necesario actualizar para adaptalo aos novos requisitos técnicos e de seguridade, pero tamén no relativo ao custe económico. ADIF pon como condición que a renovación dos pasos se faga con colaboración municipal, unha proposta que desde o Executivo local non se desbota (sempre que os custes sexan asumibles) e que, en calquera caso, deberá estar suxeita a prazos concretos que se reflectirán no correspondente convenio de colaboración entre o consistorio e o administrador ferroviario.
07-12-2020 -

O Memorial Adolfo Ros posponse a 2021

O Concello de Neda ven de anunciar que tras manter diversas xuntanzas de traballo, os Concellos organizadores; Neda, Fene, Ferrol e Narón; acordaron unanimemente aprazar ata decembro de 2021 a celebración do Memorial Adolfo Ros “Volta á Ría” que, inicialmente, estaba previsto realizar o domingo 13 de decembro. A situación motivada pola covid-19 está loxicamente na raíz da decisión.

Organizada de forma conxunta polos catro concellos polos que discorre, este ano a dirección recaía en Neda. A Adolfo Ros cumpriría a súa XXXV edición, unha carreira en memoria do deportista que lle dá nome, falecido o 18 de agosto de 1985 nun acto de heroicismo ao tentar rescatar por segunda vez a varios bañistas na praia de Doniños.

Trátase cada ano dunha carreira secundada por centos de deportistas (federados e non federados) e, en 2019, alcanzaba os 700 participantes de todas as idades. Unha carreira con categoría adaptada e incluída no calendario da Federación Galega de Atletismo que é, na actualidade, un referente non só na comarca senón en Galicia.
05-12-2020 -

O Concello de Fene asina convenios por valor de 38.000 euros con oito entidades do municipio

O salón de plenos do Concello de Fene acolleu no mediodía de onte a sinatura dos convenios nominativos dirixidos a financiar distintos proxectos desenvolvidos polas entidades do territorio relacionados coa cultura, o deporte, o ensino e mesmo coa seguridade cidadá. Dos 13 colectivos para os que se reservaba crédito, finalmente só suscribiron convenio oito deles, mentres que os restantes se viron na obriga de renunciar á axuda ante a imposibilidade de levar adiante os proxectos subvencionados debido á pandemia. A contía total asignada hoxe ascende a 38.300 euros, con achegas que oscilan entre os 1.200 e os 10.000 euros, dependendo da actividade. Porén esta non será a única colaboración económica do Concello co tecido social, xa que proximamente tamén se farán efectivos os 119.500 euros da liña de concorrencia competitiva e, ademais, tamén se reservan axudas directas para actividades de promoción económica e Servizos Sociais por valor doutros 21.500 euros.

O Concello incrementou este ano con recursos propios o montante global que se dedica en cada exercicio a botarlles unha man ás asociacións socioculturais, clubes deportivos e colectivos do territorio que traballan no ámbito social.

De feito, a partida reservada en 2020 para este cometido situouse en 192.200 euros en dous grandes apartados: 119.500 para dotar economicamente a liña de subvencións para actividades e gastos de mantemento de asociacións, clubes e anpas e, por outra banda, 72.700 euros para convenios nominativos destinados a financiar eventos puntuais de especial relevancia e colaborar co labor que desenvolven varias entidades asistenciais.

Hoxe tocou rubricar os convenios relacionados con eses proxectos puntuais e de especial interese municipal relacionados coa cultura, o ensino, os deportes e a seguridade cidadá, dos que se beneficiarán oito colectivos. Son a AVV de Limodre -organizadora da Festa da Orella-, a AC Felicia -promotora do Felicia Pop-, o CMI Unidade de Fene -quen convoca o premio de poesía Xosemaría Pérez Parallé-, a asociación Airiños de Fene -organizadora da Xuntanza de Gaiteiros- e o Club Escudería Scratch Fene, quen desenvolveu recentemente o seu Slálom no Vilar do Colo.

Ademais destas tamén suscribiron convenio as ANPAs de Centieiras e dos Casais para cofinanciar o seu servizo de comedor escolar, e tamén a Asociación de Voluntariado de Protección Civil, quen levou a cabo un grande labor nos últimos meses colaborando con distintos departamentos municipais.
O importe total dos convenios asinados hoxe sitúase en 38.300 euros. Unha cifra inferior á prevista inicialmente, posto que debido á situación sanitaria non chegaron a se celebrar eventos como o Fenerock organizado polos Centolos, a Festa do Poldro de Magalofes organizada pola asociación veciñal da parroquia, a Romaría e maila Festa da Ameixa promovidas tradicionalmente pola ACRD O Pote, nin tampouco a Festa do Lagostino organizada polo CPS de San Valentín. Para estas citas o Concello tiña reservados, en conxunto, outros 13.400 euros.






04-12-2020 -

Fene pasará esta noite ao nivel de restriccións básicas

O subcomité clínico da Xunta acordou esta mañá aliviar aínda máis as restricións sanitarias que pesan sobre o noso concello, de maneira que a partir desta medianoite Fene pasará ao nivel básico de restricións, o mesmo que a maioría dos municipios galegos. A medida publicarase ao longo do día no Diario Oficial de Galicia. E... ¿que quere dicir isto?. O básico é o seguinte: -Remata o peche perimetral do concello, co que xa non haberá restricións á mobilidade salvo para ir a Ferrol ou Narón, que continúan pechados. -A hostalaría poderá atender a un 50% no interior dos establecementos (non na barra) e a un 75% nas terrazas. -A hora de peche para bares e restaurantes pasa ser agora ás 23.00h., coincidindo co inicio do toque de queda nocturno. -Os grupos en espazos públicos e privados, tanto abertos como pechados, poderán ser de 6 persoas.  -O comercio e outras actividades seguen coa limitación de aforos a un 50%. Insistimos, cómpre agardar a que se publique no DOG este cambio no nivel de restricións, que chega menos de 24 horas despois de decretar o paso ao nivel medio-alto. De feito, atendendo á evolución epidemiolóxica favorable, o subcomité clínico decidiu que Fene pasase directamente dese chanzo intermedio ao menos restritivo, que rexe en todos aqueles municipios de máis de 10.000 habitantes onde a incidencia dos contaxios acumulados nos últimos 14 días está por debaixo da ratio de 100 por cada 100.000h. No caso de Fene, segundo os datos do SERGAS, nas últimas dúas semanas só se diagnosticaron 17 positivos.
04-12-2020 -

Fene conta con novas medidas de prevención específicas, correspondentes a un nivel medio-alto de restrición

Os establecementos de hostalaría e restauración de Fene poden abrir dende hoxe venres 4 de decembro coas seguintes restriccións:

Non poderán superar o trinta por cento da súa capacidade para consumo no interior do local.

As terrazas ao aire libre dos establecementos de hostalaría e restauración limitarán a súa capacidade ao cincuenta por cento das mesas permitidas no ano inmediatamente anterior con base na correspondente licenza municipal ou do que sexa autorizado para este ano, no caso de que a licenza sexa concedida por primeira vez.

En todo caso, deberá asegurarse que se mantén a debida distancia de seguridade interpersoal entre as mesas ou, de ser o caso, agrupacións de mesas. A ocupación máxima será de catro persoas por mesa ou agrupación de mesas.

O horario de peche ao público será ás 17.00 horas. No obstante, poderán prestar servizos de entrega a domicilio ou para a súa recollida no local e consumo a domicilio. A permanencia nestes establecementos deberá ser a estritamente necesaria. En todo caso, evitaranse aglomeracións e controlarase que consumidores e empregados manteñan a distancia de seguridade establecida co fin de evitar posibles contaxios.
Por outra banda, destacar que na práctica da actividade física e deportiva non federada, ao aire libre, poderá realizarse de forma individual ou colectiva ata un máximo de catro persoas sexan ou non conviventes, excluído, o monitor.
Manténse un perímetro Fene-Ferrol-neda do que non se poderá entrar ou saír agás por razóns xustificadas.
Segue en vigor o toque de queda desde as 23.00 até as 06.00h., salvo nos casos previstos na normativa.

Desde o Concello pídeselle á veciñanza unha vez máis que se extremen as precaucións en canto a distanciamento interpersoal, hixiene de mans e respiratoria, ao tempo que se apela á responsabilidade individual para o cumprimento rigoroso das normas en vigor.

Recomendamos a lectura da orde do DOG 244-bis do 3 de decembro  relativa as medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia.
02-12-2020 -

Convocada unha nova xornada de formación online sobre o acompañamento dixital e a prevención de condutas adictivas

A área de Benestar Social e Igualdade desenvolverá o día 10 de decembro unha nova sesión formativa no eido da prevención das conductas adictivas. Sesión dirixida ás familias e equipas directivas das ANPAS por ser entidades dinamizadoras e mediadoras con un efecto multiplicador.

A acción formativa contará con límite de 15 prazas para poder garantir un espazo virtual dinámico e participativo, buscando a interacción e dominio de ferramentas tecnolóxicas .

O período de inscrición permanecerá aberto até o mércores 9 de decembro  través do enderezo electrónico: servizos.sociais@fene.gal.
30-11-2020 -

O Concello reabre a Oficina de Turismo ao público a partir do día 1 de decembro

A oficina está emprazada na Avenida Naturais e, nela, ofrécese un servizo de acollida, orientación e asistencia as persoas visitantes, facilitándolles información sobre os principais recursos do municipio.
A oficina comezará a funcionar o martes 1 de decembro até o 31 de decembro no seu horario habitual: de 8.30 a 14.00h. polas mañás e de 15.30 a 17.30h. polas tardes, de luns a venres.
A técnica especializada que atenderá as consultas -ademais de desenvolver outros proxectos municipais relacionados con este ámbito- traballará durante este mes de decembro a través da bolsa de contratación creada polo Concello para cubrir este posto temporal. Contratación subvencionada pola Deputación Provincial da Coruña.