Novas

30-11-2020 -

O Concello avanza na humanización de San Valentín

O barrio fenés de San Valentín vive estes días os últimos compases do proxecto de reurbanización dos bloques II e V, que supuxo tamén a renovación do firme en parte da Avenida da Cooperación. O obxectivo destas obras practicamente finalizadas é continuar avanzando na mellora da habitabilidade deste núcleo, o máis densamente poboado do concello e tamén un dos que requiren maior investimento en infraestruturas. De feito, á fase que agora se está desenvolvendo idestinaranse máis de 124.000 euros e hai escasos meses rematouse outra nos bloques III e IV por valor de 86.500. E a cousa non parará aí, posto que en breve se contratarán máis actuacións que buscan facer do barrio un lugar máis accesible, agradable e cómodo para vivir.
26-11-2020 -

A Unidade Móbil do Centro de Transfusións de Sangue de Galicia achégase a Fene o 27 e 28 de novembro

A Unidade Móvil do Centro de Transfusións de Sangue de Galicia continúa o seu percorrido para achegar a campaña de doazón de sangue a toda a cidadanía. O venres 27 de novembro estará en Fene, de 15.00 a 21.00 horas e o sábado 28 de 10.00 a 15.00 h, diante do Centro de Saúde de Fene.

As persoas que desexen doar sangue poden solicitar unha cita previa no teléfono gratuíto 900 100 828, sistema implantado para reforzar os protocolos de seguridade nas unidades móbiles e garantir unha afluencia axeitada e ordeada para cubrir as necesidades de sangue dos hospitais galegos.
25-11-2020 -

O comercio de Fene “tece igualdade” e comprométese na loita contra a violencia de xénero

Ao redor de 60 establecementos do Concello de Fene locen xa o seu “Distintivo violeta”, selo creado pola Concellaría de Benestar e Igualdade para recoñecer o compromiso deste sector coa igualdade e contra todo tipo de violencias por razón de xénero. Amais de colocar nos seus escaparates un distintivo que os recoñece como tal, os establecementos adheridos á campaña asumen a aplicación práctica de varias medidas no trato diario coa súa clientela, como por exemplo  o uso dunha linguaxe inclusiva en toda a información; a transmisión dunha imaxe igualitaria, plural e non estereotipada de mulleres e homes; non reproducir imaxes ou contidos sexistas que minusvaloren ou menosprecen ás mulleres e rexeitar as violencias por medio da posta en marcha de accións de prevención e denuncia.


25-11-2020 -

Manifesto Institucional 25 Novembro 2020, Día Internacional Contra a Violencia de Xénero

Este 2020 está marcado pola pandemia da Covid-19 e a crise social e económica. Esta situación, volve evidenciar as desigualdades de xénero que sosteñen a un sistema que non protexe, nin ofrece vidas dignas e seguras ás mulleres. A situación de confinamento, as limitacións á mobilidade e as consecuencias das medidas tomadas para facer fronte ao coronavirus, intensificaron as violencias machistas.
Moitas mulleres atopáronse encerradas cos seus maltratadores nunha especial situación de vulnerabilidade e incerteza. Durante o primeiras seis semanas de corentena realizáronse máis de 4.000 detencións por violencia machista, ademais vemos un aumento de máis do 50% do uso servizo telefónico do 016 e de máis dun 100% do seu uso online. Segundo os datos do Ministerio de Igualdade, as chamadas ao 016 incrementáronse no mes de abril un 60% con respecto a abril de 2019, e as consultas online incrementáronse ese mesmo mes case un 600% comparado con abril do ano anterior.

Así mesmo, a pandemia do COVID-19 resaltou as diferentes fendas de xénero que seguen existindo en todos os ámbitos da nosa sociedade. Durante este período, as mulleres foron as protagonistas, tanto no ámbito sanitario —sendo elas a inmensa maioría de persoas traballadoras— como no ámbito dos coidados, vivindo situacións de precariedade e risco para a saúde para as empregadas do fogar e atención domiciliaria.
24-11-2020 -

Non pasa nada, pasa algo?

O alumnado do obradoiro de emprego participará esta semana no programa “Non pasa nada, pasa algo?”, subvencionado pola Consellería de Sanidade. Trátase dunha actividade encamiñada a mellorar a información sobre as adiccións, de maneira precisa e axeitada debido a baixa percepción do risco que existe na cidadanía sobre o consumo de sustancias e comportamentos adictivos, as súas implicacións na sociedade e a desterrar prexuízos, así como a establecer un maior coñecemento nesta materia.
23-11-2020 -

O programa Cinensino volve ás aulas de Fene

Un total de 352 alumnos e alumnas de Educación Primaria de 9 centros educativos dos municipios de Fene, Mugardos e Neda  e 120 de 2 centros educativos de secundaria participan este mes no programa Cine e Saúde que impulsan os tres concellos ao abeiro do proxecto de prevención de condutas aditivas e promoción da saúde no eido local e co apoio da Consellería de Sanidade.

A ferramenta pedagóxica coa que se traballa é o cinema. Así, mediante a proxección dunha película vaise profundizando e traballando en diferentes temas de interese relacionados coa prevención do consumo de drogas. O programa vai dirixido á poboación escolar de Primaria, ao profesorado que imparte clases neste nivel como axentes executores do mesmo e ás familias que, mediante as ANPAS, teñen a posibilidade de organizar sesións para traballar os contidos da película e con esa información desenvolver habilidades educativas que provoquen un efecto multiplicador na promoción da saúde.
23-11-2020 -

A Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol convoca unha nova edición do Programa Integrado de Emprego de Galicia

Mulleres desempregadas do Concello de Fene poderán inscribirse até o día 25 de novembro no Programa Integrado de Emprego de Galicia.

O Programa Integrado de Emprego da Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol 2020/2021 ten unha duración de 12 meses e o seu obxectivo principal é achegar ferramentas ás participantes de xeito que melloren a súa empregabilidade e, por tanto, así como a inserción laboral.
20-11-2020 -

O Concello de Fene, ASPANEPS, Betula e a comunidade veciñal de Marraxón plantan no monte un cento de bidueiros

O Concello de Fene -a través da Concellaría de Medio Ambiente- colabora desde hai tempo coa Comunidade de montes veciñais en man común de Marraxón para poñer en valor a zona desde un punto de vista ambiental e turístico. En terreos do colectivo encóntrase o Coto do Rei, un dos miradoiros máis espectaculares da ría, e tamén se levaron a cabo actuacións como a colocación dunha pirámide de madeira que lle sirva de hábitat a insectos e larvas que cómpre conservar. Esta mañá escribiuse un novo capítulo nesa colaboración coa plantación de 100 bidueiros que contribuirán á incrementar o atractivo do espazo ao tempo que axudan a fixar CO2. Nesta acción ambiental subvencionada pola Deputación da Coruña tamén se implicaron a asociación para a custodia do bosque atlántico Betula e membros do centro ocupacional ASPANEPS.
20-11-2020 -

As familas e equipas directivas das ANPAS participarán o vindeiro xoves nunha xornada de formación online sobre o acompañamento dixital e a prevención de condutas adictivas

A área de Benestar Social e Igualdade desenvolverá a vindeira semana unha sesión formativa no eido da prevención das conductas adictivas. Sesión dirixida ás familias e equipas directivas das ANPAS por ser entidades dinamizadoras e mediadoras con un efecto multiplicador. 

Data: xoves 26 de novembro
Hora: de 16:30 a 18:30h.
Lugar: A través da plataforma: https://meet.jit.si/

Os contidos a abordar divídense en catro bloques :

Novas realidades e potencialidades das TICs.
Comunicación dixital na familia.
Regulación dos usos das TICs en tempos de pandemia.
Factores de protección familiar: educar e acompañar para previr adiccións.

Formación que complementa as sesións xa realizadas nas entidades sociais e nas que participaron as persoas con cargos directivos.

A acción formativa contará con límite de 15 prazas para poder garantir un espazo virtual dinámico e participativo, buscando a interacción e dominio de ferramentas tecnolóxicas .

O período de inscrición permanecerá aberto até o martes 24 de novembro a través do enderezo electrónico: servizos.sociais@fene.gal. 

As prazas cubriranse por orde de inscrición.
16-11-2020 -

Entrega virtual dos Premios Curuxa 2020

O Concello de Fene promoverá este venres, ás 20 horas, un encontro virtual cos gañadores do XXIV Concurso de Humor Gráfico “Curuxa do Humor”, adaptando así a cerimonia de entrega dos premios ás actuais circunstancias derivadas da pandemia da Covid 19. Tomarán parte neste encontro os gañadores: Sebastià Martí Benedí (1º Premio Curuxa), Robert John Holt Schmelzer (2º Premio Curuxa), Hugo Feal Dopico (1º Premio Curuxa Nova) e Luciano Ripio Molina (2º Premio Curuxa Nova), xunto co alcalde de Fene, Juventino Trigo, o concelleiro de Cultura, Justo Martínez Arda, e os voceiros dos distintos grupos municipais de Fene.

A entrega virtual dos Premios Curuxa 2020 retransmitirase en “streaming”, en tempo real, a través da páxina de Facebook do Museo do Humor (https://www.facebook.com/museodohumorfene/) e comezará cun percorrido pola exposición dos Premios Curuxa que se amosa na actualidade -até finais de ano- na sala de exposicións temporais da Casa da Cultura de Fene. O acto contará ademais cunha pequena intervención do actor e contacontos Avelino González (que ía actuar o pasado venres en Fene no acto de entrega “presencial” dos premios que o Concello de Fene suspendeu por mor do agravamento da situación sanitaria na bisbarra e das novas restricións implantadas pola Xunta de Galicia).

Trala retransmisión en directo do acto, a entrega dos Premios Curuxa 2020 colgarase na canle de Youtube do Concello de Fene e Museo do Humor e difundirase a través da web e redes sociais municipais.