Novas

24-12-2020 -

O Concello instala un novo ascensor na piscina municipal de Centieiras

Este mércores entrou en funcionamento o novo ascensor instalado polo Concello na piscina municipal, co que se mellora a accesibilidade e usabilidade das instalacións, especialmente para persoas que precisen cadeira de rodas ou que teñan a mobilidade reducida. No equipamento, con capacidade para 8 persoas, investíronse 22.827,22 euros e, ademais, supón a adaptación do elevador á normativa de obrigado cumprimento sobre dimensións mínimas e seguridade.
23-12-2020 -

Un Nadal Solidario

O Concello de Fene, en colaboración coa entidade Dignidade Ferrol repartirá o xoves día 24 de decembro 45 menús de Noiteboa para aquelas persoas e familias que están a pasar por unha situación de precariedade, que en moitos casos veuse agravada pola situación provocada pola COVID-19.

Ademais a Concellería de Servizos Sociais, Benestar e Igualdade do Concello de Fene quere agradecer a todas as persoas e entidades que colaboraron nestas datas dun xeito desinteresado có noso Concello, aportando solidariedade nun momento tan especial como é o Nadal. 
23-12-2020 -

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE, TERRITORIO E VIVENDA, CONCEDEU AO CONCELLO DE FENE UNHA AXUDA PARA A REALIZACIÓN DO PROXECTO “FOMENTO DO COMPOSTAXE IN SITU”.

Ao abeiro da ORDE do 5 de maio de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas a entidades locais de Galicia para o financiamento de actuacións en materia de residuos de competencia municipal, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional con cargo ao programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva para os anos 2020-2021 (código de procedemento MT975I), a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda concedeu ao Concello de Fene unha subvención dentro da Liña 2: actuacións destinadas á prevención, recollida separada e valorización dos biorresiduos destinados ao fomento da compostaxe in situ.
A instalación de compostadoras servirá con carácter principal ao entorno inmediato, a recollida selectiva de residuos atende a toda a poboación que se pode considerar nun total de 13.000 habitantes.
23-12-2020 -

O Concello de Fene e a asociación INDICAN emprenden a campaña de concienciación "As vidas non se compran" sobre a tenza responsable de cans e a prevención do seu abandono

O Concello de Fene, a través da Concellaría de Medio Ambiente, e maila asociación Iniciativa Dignidad Canina -INDICAN- acaban de poñer en marcha unha campaña de sensibilización cidadá con dous obxectivos principais: evitar a merca de cans durante o Nadal e concienciar sobre os coidados e a responsabilidade que implica facerse cargo dunha mascota que se converterá nun membro máis da familia. A iniciativa -que vai acompañada de material divulgativo- tamén pretende fomentar a adopción como alternativa, coa finalidade de aliviar o ateigamento da canceira de Mougá e doutras protectoras que traballan na comarca.
22-12-2020 -

O Concello imparte nos centros educativos obradoiros para fomentar o uso responsable das TICs

A Concellería de Benestar Social e Igualdade vén de poñer en marcha nos centros educativos de Fene unha serie de obradoiros para fomentar o uso responsable das novas tecnoloxías baixo o título “Desenrédate! Prevención de adiccións e bo uso das TIC”. Comezaron este mes de decembro e prolongaranse ata febreiro. En concreto, os centros educativos acollidos ao programa son o CPI Xunqueira;  IES Fene e CEIP Os Casais. 
22-12-2020 -

Este mércores abre o prazo de reserva de entradas para o concerto que ofrecerá Nuevo Plan en Fene

A praza do alcalde Ramón José Souto González acollera o mércores 30 de decembro, ás 20.00 horas, o concerto de Nuevo Plan “Os mellores hits do pop nacional”, espectáculo organizado pola concellería de Cultura no marco do ciclo “Un Nadal diferente”. As entradas para o concerto poranse a disposición do público este mércores 23 de decembro, ás 9.00 horas, na páxina de Ataquilla.com (https://entradas.ataquilla.com/ventaentradas/es/). Serán de balde ate completar aforo (146 localidades) pero cada persoa só poderá reservar un máximo de dous pases, rexistrando os datos das 2 persoas que acudirán ao mesmo.
21-12-2020 -

Cambio de horario na Casa da Cultura durante o Nadal

A concellería de Cultura informa do cambio de horario da Casa da Cultura de Fene (Biblioteca Municipal, aula de estudo, Museo do Humor e sala de exposicións temporais) durante o Nadal. Así, a partir deste mércores 23 de decembro, as instalación da Avda. de Conces, 20-22, permanecerán abertas ao público de luns a venres de 10.00 a 14.15 horas (o préstamo na Biblioteca pecha 10 minutos antes). Os días 24 e 31 de decembro, sábados, domingos e festivos, a Casa da Cultura permanecerá pechada. Nesas xornadas, os materiais depositados no buzón de empréstitos constarán como devoltos o último día de apertura da biblioteca.

O horario habitual da Casa da Cultura de Fene retomarase o venres 8 de xaneiro.
18-12-2020 -

O Concello de Fene, a Confraría de Barallobre e a hostalaría levan ás nosas mesas polo Nadal os mellores sabores da ría

A Concellería de Promoción Económica acaba de poñer en marcha en colaboración co Galp Golfo Ártabro Norte e da Confraría de Barallobre o proxecto "O sabor do mar na túa mesa", co que se queren promocionar o sector marisqueiro e hostaleiro de Fene, dous dos máis afectados pola crise derivada da pandemia. A iniciativa promove sinerxias entre ambos, na liña de que en casas de comidas e restaurantes se oferten menús con materia prima da ría e, ao tempo, favorecer que nos fogares se aposte pola ampla variedade de produto -especialmente no Nadal- que colleita e depura o pósito de Barallobre. Esa oferta está xa recollida na web http://turismo.fene.gal/sabores/, a través da que incluso é posible facer reservas e encargas. Pero hai máis.
17-12-2020 -

Un calendario para “fardar de Fene”

Cunha escolma das fotografías realizadas pola veciñanza de Fene durante o confinamento do pasado mes de marzo, o Concello de Fene  editou un calendario de sobremesa para 2021 que se repartirá por todas as parroquias do termo municipal a partir deste venres. As imaxes, 13 en total, foron escollidas entre os centos de fotografías que se enviaron para participar na actividade “Farda de Fene dende a túa casa”, no marco do proxecto de dinamización sociocultural #Fenequedanacasa que impulsou o goberno municipal entre os meses de abril a xuño de 2020. A iniciativa foi desenvolvida polos Departamentos de Cultura, Deportes, Arquivo, Administración electrónica e Biblioteca Municipal de Fene, encargados agora da selección de imaxes que ilustran o calendario.
16-12-2020 -

O Concello de Fene anima á veciñanza a solicitar o servizo de acompañamento contra a soidade

Baixo o lema "En tempos de Covid botámoste un cable!", a concellería de Servizos Sociais desenvolve dende hai uns meses, coa colaboración da Asociación ASCM, un novo servizo que ten como obxectivo evitar ou combater o illamento social das persoas. A iniciativa vai dirixida á veciñanza de Fene, fundamentalmente ás persoas maiores ou en risco de illamento e consiste en ofrecer a quenes o demanden e precisen, acompañamento telefónico periódico: diario, semanal ou mensual, en función das súas necesidades. O servizo é completamente de balde e pódese solicitar chamando ao teléfono 981 34 26 07.

Unha vez recibida a solicitude e verificada por parte do Concello a "situación de soidade", elabórase dende Servizos Sociais unha ficha de derivación que se remite á asociación ASCM. Esta entidade conta na actualidade cun grupo de voluntarios/as que se encargan de realizan as chamadas aos/ás usuarios/as do servizo. Ademais, se detectan algunha posible urxencia que afecte a estas persoas, tamén o comunican ao Concello.

O Servizo de Acompañamento Telefónico funciona en Fene dende o pasado mes de abril. Foi unha das actuacións impulsadas polo Concello de Fene a raiz do comezo da pandemia da Covid 19.