Novas

09-05-2022 -

A XXVII Milla escolar reuniu en San Valentín a preto de 600 nenas e nenos

Logo de dous anos de paréntese por mor da pandemia, a Concellería de Deportes de Fene retomou este domingo a súa “Milla Escolar” cunha das participacións máis elevadas das últimas edicións. Ao redor de 600 nenos e nenas de 3 a 16 anos tomaron parte nesta proba coa que se pretende fomentar a práctica do atletismo e os hábitos de vida saudables entre a mocidade. O alcalde de Fene, Juventino Trigo, a concelleira de Deportes, Ángeles Coira e varios membros da Corporación Municipal achegáronse a San Valentín e participaron na entrega de medallas (que recibiron todos os/as participantes) e de trofeos, aos tres primeiros/as clasificados/as das categorías cadete, infantil, alevín, benxamín e prebenxamín.
09-05-2022 -

ContandoCiencia aborda este mércores en Fene o tema da adolescencia e a saúde mental

A quinta sesión do ciclo que organiza a Biblioteca do IES de Fene coa colaboración da Concellería de Ensino trae a Fene este mércores, 11 de maio, á psiquiatra e divulgadora científica Iria Veiga. A conferencia, titulada “Adolescencia e saúde mental”, terá lugar na Casa da Cultura de Fene o mércores ás 19.30 horas, con entrada libre e aforo limitado.
04-05-2022 -

A exposición antolóxica de Xaquín Marín inaugúrase este venres no Museo do Humor

O debuxante e humorista gráfico Xaquín Marín naceu en Ferrol no ano 1943 pero con tan só dous meses de vida trasladouse xunto coa familia á casa onde estaba o colexio vello, no sitio exacto onde hoxe se levanta a Casa da Cultura de Fene, sede do Museo de Humor. E vai ser este, precisamente, o lugar onde se amose a partir deste venres, 6 de maio, unha exposición retrospectiva cunha ampla selección da súa obra, dende as primeiras pinturas ao cómic, pasando polas viñetas publicadas en prensa ou as súas ilustracións. A inauguración será o venres ás 20.00 horas no Museo aínda que, previamente, ás 6 do serán, realizarase unha visita co artista á exposición instalada no Paseo de San Valentín con reproducións de viñetas de Isolino, un dos seus personaxes máis icónicos.
04-05-2022 -

O alcalde de Fene recupera provisionalmente as competencias en Servizos

O alcalde de Fene, Juventino Trigo, asinou este mediodía a resolución mediante a que recupera "de maneira provisional e transitoria" as competencias da subárea de Servizos, que ata este momento estaba delegada na concelleira socialista Mar Piñeiro Otero. A decisión tratouse onte martes ao remate da Xunta de Delegados -da que forma parte todo o executivo local- e agora faise efectiva "co obxectivo de mellorar a eficiencia e coordinación do departamento", tal e como indicou hoxe mesmo Juventino Trigo.  O rexedor puntualizou, porén, que  esta modificación non lle afecta a ningunha das outras competencias nin acordos recollidos no pacto de Goberno do tripartito fenés.
04-05-2022 -

Na primavera, trampeo contra a velutina

O concello de Fene súmase a campaña informativa da Asociación Galega de Apicultura relativa ao trampeo en primavera contra as velutinas

Isto é, segundo informa AGA Ferroltera, as velutinas principian a saída do seu letargo invernal dende marzo, e se non TRAMPEAMOS axiña teremos centos de niños no noso concello que xerarán problemas e mortes de colmeas, ao tempo que risco sobre as persoas.
Porén, a mensaxe da asociación deste ano é sinxelo e claro, e vai dirixido á xente do rural: SE NON QUERES UN NIÑO DE VELUTINA PRETO DA TÚA CASA, COLOCA UN PAR DE TRAMPAS PARA CAZAR RAIÑAS VELUTINAS NA HORTA OU XARDÍN.

Non debe haber ningún niño a menos de 100 metros das vivendas, e iso soamente se acada instalando un par de trampas próximas ás casas entre os meses de marzo a xuño (Decarga aquí o documento facilitado por AGA onde se describe como construir unha trampa). Só deste xeito aseguramos a eliminación de todas as raiñas de paso e os niños primarios existentes nun radio mínimo de 150 metros. 

Para rematar, dende o Concello lembrámoslles que se advirten a presencia dun niño de vespas asiáticas deben chamar ao 012 ou ao propio Concello para dar o aviso.

 
02-05-2022 -

Vacacións en paz 2022

O concello de Fene dende a Área de Benestar Social e Igualdade, leva a cabo o proxecto VACACIÓNS EN PAZ, ca Asociación Solidaridade co Pobo Saharaui. O Concello de Fene colabora neste proxecto sufragando os gastos derivados das viaxes dos nenos e nenas que sexan acollidos por familias deste Concello.

Este programa trata de ser un marco de solidariadade e axuda desinteresada aos nenos e nenas saharauis e para proporcionarlles unha estancia agradable e humanamente rica en Fene, sumando a colaboración das familias que queiran facer esta acollida.

A vida destes nenos e nenas, nados no exilio, transcorre nas mesmas circunstancias como o resto da poboación saharaui, privada do máis elemental, e sobrevive dificilmente grazas á axuda internacional.
Dende o punto de vista afectivo, España representa algo especial para as persoas saharauis polos lazos históricos, culturais e humanos. De feito, as persoas saharauis pertencen á comunidade de hispano-falantes e aínda conservan con esmero o español como segundo idioma.
29-04-2022 -

O Concello de Fene organiza para o domingo 8 de maio a súa XXVII Milla Escolar

A Concellería de Deportes abre o prazo de inscrición para a XXVII Milla Escolar que se desenvolverá o domingo 8 de maio na Avenida do Mar de San Valentín, a carón do pavillón da Xunqueira. Poderán participar nenos/as de 3 a 16 anos. As carreiras comezarán ás 11:00 horas e concluirán sobre as 12:30 horas, sendo os primeiros participantes os rapaces/as das categorías superiores (Cadetes) e os últimos os da categoría Prebiberón 1. No caso de mal tempo, a proba trasladarase ao interior do pavillón polideportivo da Xunqueira.
28-04-2022 -

O Concello de Fene adxudica en cerca de 183.000 euros unha nova fase de melloras no barrio de San Valentín

 A Xunta de Goberno Local do Concello de Fene aprobou hai escasos días a adxudicación provisional do proxecto de reurbanización das torres I, II e III de San Valentín. Os traballos, cuantificados en 182.710 euros -IVE incluído-, teñen por obxectivo serguir renovando os servizos básicos e mellorando a a accesibilidade do barrio, o máis populoso do municipio e tamén un dos máis avellentados. Esta será a terceira actuación de envergadura que se desenvolve na zona nos últimos anos, despois de levar a cabo a reurbanización dos bloques II e V e III e IV. 
27-04-2022 -

Remata o prazo de inscrición para o curso de “Mediadores/as sociais en prevención”

No marco do proxecto de prevención de condutas aditivas, o Concello de Fene e a agrupación de Concellos de Mugardos e Neda organizan un curso de “Mediadores/as sociais en prevención”, subvencionado pola Consellería de Sanidade. Terá lugar na Casa da Cultura de Fene entre os meses de maio e xuño (os luns 2, 9, 23 e 30 de maio, e 6, 13 e 20 de xuño), en horario de 18.00 a 20.00 horas. As sesións serán impartidas por persoal técnico de ASFEDRO e as prazas (ata un máximo de 15) cubriranse por rigorosa orde de inscrición. Para asistir cómpre entregar o boletín de inscrición no Centro Municipal de Servizos Sociais ou envialo por correo electrónico a servizos.sociais@fene.gal. O prazo finaliza mañá xoves 28 de abril.
25-04-2022 -

Presentación de “Estampas do mundo elegante”, edición tributo do libro de Chichi Campos, no Museo do Humor

O pasado 26 de febreiro cumpríronse 30+1 anos da morte de Chichi Campos, “pioneiro da banda deseñada, axitador cultural e cerebro dalgunhas das maiores gamberradas dunha TVG primixenia”. En homenaxe ao autor, o seu fillo Nico Campos coordinou unha nova edición de “Estampas do mundo elegante” (compilación de artigos e viñetas publicadas en A Nosa Terra entre decembro de 1983 e marzo de 1991) aos que se engadiron máis de trinta colaboracións. O volume, titulado “Estampas do mundo elegante (máis elegante ca nunca)” preséntase este xoves ás 19.30 horas no Museo do Humor de Fene nun acto no que estará presente, canda o fillo de Xesús Campos, o director de cine, productor, guionista e colaborador no libro Marcos Nine.