Novas

26-09-2022 -

A Casa da Cultura acolle a presentación do libro “10 de marzo: un conflicto del movimiento obrero por la democracia”

Organizada pola AC Fuco Buxán e a Asociación Memoria Histórica Democrática, coa colaboración do Concello de Fene, terá lugar o mércores 28 de setembro ás 19:30 h. O acto principiará coa intervención do alcalde de Fene, Juventino Trigo Rey, quen dará paso á proxección do documental “10 de Marzo” con guión e dirección a cargo de Beatriz del Monte. De seguido, o xornalista Nico Vidal, conducirá un faladoiro baixo o título “10 de Marzo do 72. Presente e futuro” que contará coa participación de Rafael Pillado, cofundador das CCOO e do Partido Comunista de Galicia e Sari Alabau, profesora, militante do PCG e presidenta de Asfedro.
23-09-2022 -

A Concellería de Medio Ambiente anima á veciñanza a participar na XV Limpeza Simultánea de Ríos galegos

Sesenta e unha entidades e corenta e dous concellos galegos participan este domingo, 25 de setembro, na XV Limpeza Simultánea de Ríos galegos que promoven a organización ecoloxista ADEGA e Proxecto Ríos. O Concello de Fene participa un ano máis nesta iniciativa que implica a milleiros de voluntarios e voluntarias “que se mollan polos ríos galegos, para deixalos libres de lixo, nunha xornada de voluntariado ambiental e concienciación social”. No Concello de Fene, a limpeza centrarase no Río de Ba, establecéndose como puntos de encontro para os voluntarios/as o Parque do Piñeiro (na Armada) e o local de Aetna (muíño) o domingo ás 10.30 horas. As persoas que desexen participar, únicamente deberán presentarse ese día en calquera dos dous puntos de encontro, provistas de roupa e calzado cómodos e luvas.
22-09-2022 -

Fene acolle este domingo a VIII Ruta BTT Sendeiros de Fene

O Club BTT Fene organiza, coa colaboración da Concellería de Deportes de Fene, unha nova edición da Ruta BTT Sendeiros de Fene. Trátase dunha marcha cicloturista federada non competitiva, cunha lonxitude duns 45 kilómetros repartidos entre os concellos de Fene, Cabanas e Neda. A saída está prevista o domingo 25 de setembro ás 9.30 horas do Pavillón Municipal A Xunqueira de San Valentín e a chegada -ao mesmo punto- prevese ao redor das 14.30 horas. Segundo os organizadores, a participación estimada ronda as 200 persoas.
22-09-2022 -

O Concello adquire unha trituradora de restos vexetais para os departamentos de Servizos e Medio Ambiente

O Concello de Fene recepcionou este mércores unha nova biotrituradora que se utilizará a partir de agora para procesar os restos de poda dos parques, xardíns e avenidas municipais. O equipamento facilitaralle aos departamentos de Medio Ambiente e Servizos a valorización desta materia vexetal, cuxo destino final será a compostaxe ou o seu emprego como capa de cobertura en alcorques e outros espazos públicos. O investimento alcanzou os 24.200 euros e beneficiouse dunha subvención do 74% da Consellaría de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, en aplicación dos fondos Next Generation da Unión Europea para proxectos de reciclaxe e compostaxe.
21-09-2022 -

Noite de Morcegos

O Concello de Fene e Morcegos de Galicia convidan a veciñanza a participar na Noite de Morcegos. Actividade de divulgación na que aprenderemos a escoitar e identificar a actividade dos mesmos, así como as técnicas empregadas para o seu estudo. Celebrarase o venres 23 de setembro no Parque Lineal do río Cádavo, e precisa  inscrición previa no correo cultura.deportes@fene.gal ou no teléfono 981 340 366.
21-09-2022 -

O Concello de Fene abrirá o prazo de inscrición nas súas Escolas de Música o vindeiro 5 de outubro

A Concellería de Cultura publica a normativa xeral de matriculación para as escolas culturais municipais de piano-solfexo e guitarra, dirixidas a nenos/as a partir de cinco anos e poboación en xeral. As persoas que desexen anotarse en calquera das dúas actividades, deberán solicitar cita previa os días 3 e 4 de outubro nos teléfonos 981 492 804 ou 607 626 812, de 8:30 e as 14:00.
21-09-2022 -

Fin de semana de títeres e monicreques en Fene

O Concello de Fene xunto cos de Ferrol, Ares, Cabanas, Mugardos, Neda, Valdoviño, Miño, Sada e a A.VV de Canido, participa esta fin de semana na cuarta edición do Festival Internacional de Entes Animados. Espectáculos con títeres e monicreques que terá lugar dende o venres até o domingo nas parroquias de Maniños, Magalofes e Sillobre. A primeira das representacións terá lugar o venres 23, ás 20:00 h, no local da ACRD O Pote de Maniños e correrá por conta da Compañía Alex Marionettes (Dinamarca) que porá en escena a obra Mr. Barty Puppet Show.
16-09-2022 -

Quendas de adestramento nos pavillóns municipais para equipos e sociedades do rexistro de entidades

O Concello de Fene acaba de publicar o cadrante de reservas nos pavillóns polideportivos da Xunqueira e do Ramo. Trátase da primeira asignación de quendas, que se efectúa habitualmente no mes de setembro co obxectivo de darlle prioridade no uso das instalacións aos equipos federados pertencentes a sociedades, clubes e entidades que figuran no rexistro municipal de asociacións. A distribución horaria estará en vigor desde o 1 de outubro até o 30 de xuño de 2023. Agora abre un novo prazo entre o 19 e o 27 de setembro para que poidan solicitar tempos de adestramento equipos non federados e particulares. Nese caso deberán achegar a solicitude correspondente -descargable ao pé desta nota-, ben por vía telemática ou de maneira presencial no Concello.
15-09-2022 -

A conferencia do enxeñeiro naval e oceánico Raúl Villa Caro abre a segunda edición do ciclo Contandociencia

 Organizado pola Biblioteca “O Segrel do Penedo” do IES de Fene coa colaboración da Concellería de Ensino do Concello de Fene, volve Contandociencia, un programa que botou andar o curso pasado e que retoma a súa actividade co obxectivo de achegar a ciencia á poboación en xeral. Aberto ao público en xeral, todas as conferencias terán lugar na Casa da Cultura, un xoves ao mes (agás en xaneiro e maio que serán un martes) e sempre ás 19:30 con entrada gratuíta.
14-09-2022 -

O Concello de Fene ampliará a superficie de aparcamento fronte ao cemiterio de Sillobre

O Goberno local de Fene pechou recentemente o acordo de compra dun terreo duns dous ferrados de superficie situado xusto diante do cemiterio parroquial de Sillobre. A parcela, que xa está escriturada a nome do Concello,  supuxo un investimento de 18.000 euros e destinarase a ampliar a superficie de estacionamento na zona. Deste modo daráselle cumprimento a unha vella demanda veciñal no sentido de solucionar a falla de espazo dispoñible para aparcar cando hai cerimonias fúnebres, pero tamén en días de festa ou actividades desenvolvidas pola SCRD Agarimo que congregan numeroso público.