Novas

30-03-2021 -

O Concello repoboará 20.000 metros de chan público con especies autóctonas

A Concellaría de Urbanismo de Fene iniciou estes días a tala de piñeiros e eucaliptos en varias leiras pertencentes ao Concello, nuns casos lindeiras con equipamentos e, noutros, situadas á beira de estradas ou parcelas privadas. O obxectivo da medida, que lle afectará a uns 20.000 metros cadrados de chan público, é cumprir coa normativa de prevención de incendios, pero tamén deixar os terreos preparados para levar a cabo unha iniciativa de carácter educativo e ambiental en colaboración cos centros de ensino. O proxecto -coordinado polas concellarías de Medio Ambiente e Ensino- consistirá na repoboación ordenada dos predios con especies autóctonas.
29-03-2021 -

A exposición da pintora ferrolá Julia Pita continuará en Fene até o vindeiro 17 de abril

A mostra consta dunha trintena de óleos de temática variada, aínda que salientan as paisaxes, as mariñas, os pousados e unha serie sobre geishas. A exposición amosarase até o vindeiro sábado 17 de abril na sala de exposicións temporais da Casa da Cultura de Fene (Avda. de Conces, 20-22, Fene, A Coruña). Durante a Semana Santa -dias 28, 29, 30 de marzo e 5 de abril- o horario da sala de exposicións será únicamente de mañá, de luns a venres, de 10.00 a 14.15 horas. A partir desa data, o horario será de luns a venres, de 10.00 a 13.00 horas e de 16.00 a 21.00 horas, e sábados, de 10.00 a 13.00 horas. 
26-03-2021 -

O Concello prepara as praias para a Semana Santa

As concellarías de Obras e Servizos e de Medio Ambiente de Fene andan atarefadas estes días preparando as praias do municipio para que estean en perfectas condicións de cara ás vacacións da Semana Santa. Os traballos céntranse na limpeza dos areais -incluído o peneirado-, na retirada de lixo e crebas traídas polas mareas e no adecentado dos accesos. As actuacións xa comezaron e van levarse a cabo nas praias de Almieiras, Coído, Río Sandeu, Maniños, Carril e San Valentín. En todas elas séguese o mesmo esquema: limpar os accesos, as pasarelas e outras infraestruturas para, posteriormente, facer o propio ao pé da ría.
25-03-2021 -

Cambio de horario na Casa da Cultura de Fene durante a Semana Santa

A concellería de Cultura informa do cambio de horario da Casa da Cultura de Fene (Biblioteca Municipal, aula de estudo, Museo do Humor e sala de exposicións temporais) durante a Semana Santa.
24-03-2021 -

Fene celebrará o Día Internacional dos Bosques plantando castiñeiros en San Valentín

O domingo 21 de marzo está marcado no calendario como o Día Internacional dos Bosques -coñecido comunmente como "Día da Árbore", co que se pretende facer unha chamada de atención sobre a importancia ambiental das árbores e, neste 2021, sobre a recuperación das masas forestais como un dos factores clave para frear o cambio climático e preservar a biodiversidade. A Concellaría de Medio Ambiente de Fene adiou para este xoves a celebración da data, que terá lugar no paseo de San Valentín a partir das 12.00h. Será un acto simbólico no que se plantarán catro castiñeiros con axuda dos membros do obradoiro ocupacional de ASPANEPS.
24-03-2021 -

A Unidade Móbil do Centro de Transfusións de Sangue de Galicia achégase a Fene o 26 e o 27 de marzo

O venres 26 de marzo de 15.30 a 21.00 horas e o sábado 27 de marzo de 10.00 h a 15.00 h a Unidade Móvil do Centro de Transfusións de Sangue de Galicia estará diante do Centro de Saúde de Fene.

Nesta ocasión a Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS), fai un chamamento xeneralizado á participación da cidadanía e, moi especialmente, aos grupos A Positivo, Cero Positivo, A Negativo e B Negativo xa que as reservas destes catro grupos presentan niveis baixos.
As persoas que desexen doar sangue poden solicitar unha cita previa no teléfono gratuíto 900 100 828, sistema implantado para reforzar os protocolos de seguridade nas unidades móbiles e garantir unha afluencia axeitada e ordeada para cubrir as necesidades de sangue dos hospitais galegos.
22-03-2021 -

Hoteis de insectos e viveiros de prantas aromáticas nos colexios de Fene, promovidos polo Concello

As concellerías de Medio Ambiente e Educación do Concello de Fene veñen de poñer en marcha un programa de talleres de temática ambiental nos centros de ensino do termo municipal. A actividade, dirixida por monitores da empresa Ribeirán, ten como obxectivo “educar e concienciar ambientalmente aos nenos e nenas do noso concello para que aprendan na natureza sobre a natureza”.
17-03-2021 -

O Concello recepciona as obras do camiño da Lomba e das Picas

Nestes días púxoselle o ramo a dous proxectos relacionados coa mellora viaria e dos servizos básicos nos lugares do camiño da Lomba, en Barallobre, e no das Picas, en Magalofes, nos que o Concello de Fene investiu en conxunto algo máis de 115.000 euros. As actuacións no camiño da Lomba consistiron no aglomerado de todo o trazado xunto coa instalación das canalizacións sanitarias e de abastecemento, mentres que no entorno das Picas se fixo unha ampliación do saneamento seguida tamén da reparación da pista. Ambos proxectos fináncianse con fondos provinciais.
15-03-2021 -

Soledad Felloza actuará na Biblioteca Municipal de Fene no día da narración oral

Xa está aberto o prazo para anotarse na sesión de contactontos que terá lugar este sábado, 20 de marzo, ás 12.00 horas na Biblioteca Municipal de Fene para conmemorar o Día da Narración Oral. A actividade, que contará coa actuación da narradora Soledad Felloza, vai dirixida a público de Infantil e Primaria ate completar o aforo previsto de 30 persoas, entre nenos/as e pais/nais. Para apuntarse cómpre chamar á biblioteca de Fene (Tfno. 981 34 23 02) en horario de luns a xoves, de 16.00 a 21.00 horas.

O Día internacional da Narración Oral en Galicia está organizado polo Festival Internacional de Narración Oral Atlántica, coa colaboración do Festival de Narración Oral de Pontevedra “Sete Falares” e do Festival “Falando a Boca Chea” de A Coruña, así como coa participación do colectivo de narradoras e narradores orais de Galicia, NOGA
 
15-03-2021 -

Non pasa nada, pasa algo?

O alumnado do obradoiro dual de emprego Reinicia VII participará ao longo desta semana no programa  “Non pasa nada, pasa algo?”, subvencionado pola Consellería de Sanidade. Trátase dunha actividade encamiñada a manexar unha información obxectiva e veraz que lles axude a adoptar decisións autónomas e responsables en beneficio propio e no ámbito laboral, reforzando actuacións preventivas.