Novas

30-04-2021 -

O Concello presenta este luns paseaporfene.gal, escaparate na rede para todo o comercio local

O vindeiro luns 3 de maio ás 12.30 h. presentarase no salón de plenos do Concello de Fene o proxecto "Pasea por Fene", que pretende axudar ás empresas locais a vender por internet e poder así adaptarse aos novos modelos de consumo. A iniciativa conta cunha axuda da Cámara de Comercio de España e permitiralles aos negocios e persoas autónomas do municipio poñer á venda os seus produtos na rede con tecnoloxía de última xeración para o comercio en liña. Ao mesmo tempo, o proxecto servirá de escaparate conxunto localizando toda a oferta do comercio e os servizos nun único punto, de tal xeito que non fará falla acudir a outros portais online ou a tendas de fóra do territorio para mercar grande variedade de produtos. Desde xa mesmo, todas as empresas do concello que queiran participar deste proxecto poderán facelo de xeito gratuíto. Para iso fará falla inscribirse previamente, ben accedendo a paseaporfene.gal ou ben acudindo á presentación do proxecto.
30-04-2021 -

Inscrición nos obradoiros de alimentación saudable

O concello de Fene dende a Área de Benestar Social e Igualdade, e agrupación de concellos de Mugardos e Neda, desenvolve o proxecto de prevención de condutas aditivas, no que se enmarca o programa familiar “Máis que un teito”, subvencionado pola Consellería de Sanidade.
Ao abeiro deste programa  no mes de maio desenvolverase o obradoiro de alimentación saudable, dirixido ás familias.
Esta proposta ten por obxecto conseguir a creación de hábitos saudables a través de coñecementos básicos sobre a influencia da alimentación ademais de concienciar sobre os beneficios que aporta o consumo consciente e responsable así como ofrecer estratexias de elaboración da lista da compra.
30-04-2021 -

Exposición de Novais na Casa da Cultura de Fene

Maria Luísa Grandío, coñecida artísticamente como Novais, amosará a súa obra en Fene ao longo do mes de maio. A mostra, titulada “Bailando entre pinceles”, inaugúrase o vindeiro martes, 4 de maio, ás 20 horas na sala de exposicións temporais da Casa da Cultura e poderá visitarse até o día 28 en horario: de luns a venres, de 10.00 a 13.00 e de 16.00 a 21.00 horas, e os sábados, de 10.00 a 13.00 horas. A exposición incluirá pezas realizadas ao óleo, acrílicos e tintas.
30-04-2021 -

Tardes activas dende a casa

Xa se pode descargar a último paquete do mes de abril de exercicios cognitivos deseñados polo Departamento de Servizos Sociais para persoas maiores de 55 anos. O documento, elaborado no marco do programa "Tardes activas dende a casa", estrutúrase nun reto á memoria para lembrar lugares do territorio por medio de fotografías, un conxunto de adiviñas e varios pasatempos imprimibles que teñen por finalidade manter o cerebro en forma.
29-04-2021 -

A Casa da Cultura acolle hoxe a presentación do libro Cosal

O libro “Cosal: Comité de solidariedade con América Latina. Unha experiencia solidaria en Ferrolterra 1979-1995” preséntase esta tarde, ás 20 horas, na Casa da Cultura de Fene. O acto, conducido polo xornalista Ricardo Sandoval, correrá a cargo dos autores da publicación, Antón Blanco, Xaquín Ros e Anxo Ferreiro e do alcalde de Fene, Juventino Trigo Rey. Ao remate, haberá unha actuación musical a cargo de Manolo Bacallau.

O Concello de Fene colaborou na edición deste libro, no que se recollen diversas experiencias solidarias con países de América Latina nas que se implicaron, entre outros, concellos de Ferrolterra como o de Fene. Na publicación figuran varios actos e mostras de solidariedade que se levaron a cabo no noso Concello como o Festival de Solidariedade con El Salvador que tivo lugar na sala Perla o 31 de outubro de 1981.

Por limitacións de aforo e protocolos COVI, a asistencia ao acto será mediante invitacións distribuídas polos autores.
29-04-2021 -

O Concello de Fene e a Cofraría de Barallobre fan balance do proxecto Fene Vivo II

28-04-2021 -

O Museo do Humor acollerá o 20 de maio o primeiro obradoiro de Viñetas do Camiño

O Museo do Humor de Fene conmemorará este 20 de maio o Día Internacional dos Museos coa celebración do primeiro dos obradoiros de Viñetas do Camiño, o proxecto que o Concello de Fene está a desenvolver, no marco do programa O Teu Xacobeo da Xunta, para potenciar o Camiño Inglés ao seu paso por Ferrolterra a través da creación artística. O artista Calros Silvar impartirá o taller, o único dirixido ao público adulto, no que se amosarán técnicas para o debuxo de natureza.
28-04-2021 -

Fene, Cabanas e Ares dánlle o pulo definitivo ao Punto Limpo de Vilar do Colo

Os alcaldes de Fene, Cabanas e Ares asinaron esta mañá o convenio de colaboración entre os tres municipios para a posta en marcha do Punto Limpo do Vilar do Colo. O acordo, ratificado polos respectivos plenos municipais, establece que os custes do servizo se sosterán con achegas proporcionais á poboación de cada concello, de maneira que a contribución económica de Fene se situará no 58,57%, a de Ares no 26,53 e a de Cabanas nun 14,9%. O resto de cuestións xa están definidas no regulamento de funcionamento do servizo aprobado a finais de 2018 e agora o único que queda pendente é licitar a súa xestión, algo que se conta facer en breve coa expectativa de que o Punto Limpo poida entrar en funcionamento antes do remate do ano.
27-04-2021 -

O Concello de Fene recepciona as obras de ampliación e mellora do cemiterio municipal

O Concello de Fene recepcionou esta mañá os dous proxectos de obra que se desenvolveron no cemiterio municipal de Barallobre con dous obxectivos básicos. Dunha banda a ampliación da súa capacidade con 378 novos nichos e dous módulos columbarios e, doutra, a mellora da accesibilidade dotando de  pavimento as rúas entre os bloques, axardinando os espazos libres e colocando billas de subministración de auga, bancos e papeleiras. Ademais, dentro das actuacións -cofinanciadas pola Deputación e o Concello- tamén se instalou un equipo para a incineración de refugallos.  De ambos proxectos encargouse a construtora Sergonsa Servicios SL por un prezo de 363.771,98 euros. Desde o Executivo local avanzan que o seguinte paso será a modificación da ordenanza reguladora dos servizos e prezos públicos do camposanto e que, unha vez efectuado este trámite -non antes-, abrirá o prazo de solicitude dos nichos, ao que se lle dará a debida publicidade chegado o momento. A intención municipal é que as concesións da ampliación se fagan por un período de 75 anos e non "a perpetuidade" como ocorre na actualidade.
23-04-2021 -

Tardes activas dende a casa

Xa se pode descargar os novos paquete de exercicios cognitivos deseñados polo Departamento de Servizos Sociais para persoas maiores de 55 anos. O documento, elaborado no marco do programa "Tardes activas dende a casa", estrutúrase nun reto á memoria para lembrar lugares do territorio por medio de fotografías, un conxunto de adiviñas e varios pasatempos imprimibles que teñen por finalidade manter o cerebro en forma.