Novas

21-05-2021 -

Tardes activas dende a casa

Xa se pode descargar a entrega do mes de maio dos exercicios cognitivos deseñados polo Departamento de Servizos Sociais para persoas maiores de 55 anos. O documento, elaborado no marco do programa "Tardes activas dende a casa", estrutúrase nun reto á memoria para lembrar lugares do territorio por medio de fotografías, un conxunto de adiviñas e varios pasatempos imprimibles que teñen por finalidade manter o cerebro en forma.
19-05-2021 -

O Pleno dálle luz verde ao cambio de uso da antiga Escola do Pedrón

Un dos asuntos tratados no pleno do pasado 6 de maio foi o cambio da cualificación urbanística da antiga escola unitaria do Pedrón, en Magalofes, co obxectivo de pasala de equipamento educativo ao equipamento social que xa viña tendo desde hai case 30 anos como sede do Radio Club Fene Alfa-Charlie. A mudanza na cualificación -aprobada por unanimidade- foi precedida da desafectación do inmoble como escola por parte da Xunta, de maneira que a partir de agora se poderá facer calquera intervención sen necesidade de autorización previa da Consellaría de Educación.
18-05-2021 -

O Concello de Fene conmemora o Día de Rosalía cunha representación teatral no Círculo de Perlío

O Concello de Fene lembra esta semana á escritora galega máis universal co espectáculo “Rosalía, o lugar onde medran as poetas”. A función terá lugar o domingo, 23 de maio, ás 12.00 horas no CCRD de Perlío e vai dirixida ao público familiar, aínda que está especialmente recomendada para nenas e nenos maiores de 8 anos. Entrada de balde até completar o aforo (55 persoas), atendendo á normativa Covid.

Rosalía, o lugar onde medran as poetas é unha obra realizada por unha equipa de mulleres “intensamente vencelladas ao teatro de palabras para espectadores e espectadoras que viven no país da infancia”. Dirixe a peza a actriz e directora Fina Calleja, responsable de moitas das montaxes infantís e xuvenís da premiada compañía Sarabela. Dúas actrices forman o reparto, Rocío González e Cristina Collazo, as dúas imprescindibles nos últimos anos nos escenarios máis variados e nas pantallas da televisión e do cine de Galicia.
14-05-2021 -

O Concello de Fene ultima a renovación das carpintarías e a adaptación dos baños da casa consistorial

Durante esta última semana completouse a instalación dos novos ventanais da Casa do Concello de Fene, como parte dun proxecto financiado con cargo ao POS+ que persegue mellorar o illamento térmico do edificio e adaptar os aseos dos distintos andares á normativa de accesibilidade. Os traballos, executados por Desarrolla Obras y Servicios, adxudicáronse en 176.787 euros, ive incluido. Un importe que, porén, se verá incrementado finalmente en arredor de 14.000 euros debido a varios aspectos que non ían recollidos no deseño técnico e que agora cumprirá corrixir. En calquera caso, desde o Goberno local agárdase que as obras finalicen en breve, de cara a recuperar o normal funcionamento dos distintos servizos que se viron afectados, ao igual que as persoas usuarias, polo desenvolvemento destas melloras.
13-05-2021 -

O Museo do Humor conmemorará o Día dos Museos co espectáculo Papar sen cancelas, con Isabel Risco, Fran Rei e Pedro Brandariz

Baixo o lema “O futuro dos museos: recuperar e reimaxinar”, o vindeiro martes 18 de maio conmemórase o Dia Internacional dos Museos 2021, xornada, promovida polo Consello Internacional dos Museos (ICOM) para sensibilizar ao público sobre o papel destas institucións culturais no desenvolvemento da sociedade. E un ano máis, o Museo do Humor de Fene súmase á celebración, desta vez cun espectáculo humorístico, “Papar sen cancelas”, protagonizado por Isabel Risco, Fran Rei e Pedro Brandariz. A función será o mesmo martes ás 20.00 horas con entrada libre e de balde, ate completar o aforo (50 persoas). Ademais, nesa mesma semana, o xoves 20, terá lugar o obradoiro de debuxo ao vivo impartido por Calros Silvar, actividade que se encadra tamén no proxecto “Viñetas do Camiño” (O Teu Xacobeo).
12-05-2021 -

O Concello de Fene abre a inscrición na Andaina Debuxada polo Camiño Inglés

O Concello de Fene abre o prazo de inscrición na “Andaina Debuxada” que terá lugar os días 12 e 13 de xuño polo Camiño Inglés ao seu paso por Ferrolterra. Trátase da actividade central do proxecto “Viñetas do Camiño”, que as concellerías de Cultura e Turismo están a desenvolver no marco do programa O Teu Xacobeo da Xunta de Galicia, e consistirá en percorrer a ruta en dúas etapas, durante a xornada do sábado 12 e na mañá do domingo 13 de xuño, de Ferrol a Fene e de Fene a Pontedeume, con paradas para debuxar ou ver debuxar a diferentes artistas.  
12-05-2021 -

Obradorios dixitais para familias con crianzas

A Área de Benestar e Igualdade do Concello de Fene abre a convocatoria de inscrición en obradoiros dixitais dirixido as familias con crianzas.

Obradoiros ao abeiro do convenio para a xestión compartida cos concellos de Mugardos e Neda do proxecto de prevención de condutas adictivas no eido local para o cofinanciamento de proxectos de prevención de condutas aditivas promovidos por concellos ou agrupacións de concellos da Comunidade Autónoma de Galicia.



12-05-2021 -

O alumnado de atención sociosanitaria do obradoiro de emprego Reinicia VII comeza as súas prácticas laborais

As dez persoas que participan no curso de certificación da profesionalidade "Atención sociosanitaria a persoas dependentes en Institucións sociais" iniciaron hoxe mesmo as súas estadías prácticas nos centros de día de Ares, Caranza e Esteiro, dependentes do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar. Durante os próximos catro meses terán a oportunidade de ver como é o traballo diario e, ao mesmo tempo, aplicar os coñecementos adquiridos na formación impartida dentro do obradoiro de emprego Reinicia VII, compartido polos concellos de Ares, Cabanas, Fene, Mugardos e Neda. No marco deste programa intermunicipal de mellora das competencias e da empregabilidade tamén están facendo prácticas desde marzo as persoas inscritas na acción sobre traballos de carpintaría e moble.
11-05-2021 -

Fene xunto con outros catro concellos promoverán o comercio xusto a través de feiras, encontros e unha obra teatral

A Comisión Executiva do Fondo Galego vén de resolver a selección de municipios participantes no proxecto O movemento social do comercio xusto como exercicio de cidadanía global: unha contribución á consecución da Axenda 2030 desde Galicia.

O Concellos de Burela, Fene, Moaña, Pontecesures e Viveiro son os municipios seleccionados para participar nesta iniciativa, que conta con financiamento autonómico e que se deu a coñecer na véspera do Día Mundial do Comercio Xusto, que se celebrou o primeiro sábado de maio.
04-05-2021 -

Campaña #MachismoEsViolencia


O Concello de Fene, a través da Concellería de Benestar e Igualdade súmase á difusión da campaña de concienciación social dirixida á poboación xeral #MachismoEsViolencia que ven de poñer en marcha a Delegación do Goberno contra a Violencia de Xénero do Ministerio de Igualdade (DGVG).

O obxectivo principal é dar cumprimento ao Convenio de Estambul e ao Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, concienciando á cidadanía para identificar violencias contra as mulleres que poden normalizarse e pasar desapercibidas

Controlar é violencia
Humillar é violencia
Berrar é violencia
Acosar é violencia
Someter é violencia

Convidamos á cidadanía a colaborar na difusión desta campaña nas redes sociais e/ou imprimindo o cartaz para expoñelo nun lugar visible.