Novas

08-04-2022 -

Visita do alumnado do Taller de Emprego do Arquivo Naval de Ferrol ao Arquivo Municipal de Fene

Vinte alumnos traballadores pertencentes ao Taller de Emprego "Departamento del Norte" do Arquivo Naval de Ferrol, acompañados polos docentes e a directora do taller, visitaron esta mañá o Arquivo Municipal de Fene. O alumnado, que se está a formar como auxiliar de arquivo de maneira tanto teórica como práctica, puido coñecer de primeira man as instalacións e a dinámica de traballo deste departamento municipal do Concello de Fene. O grupo foi recibido no Salón de Plenos polo alcalde, Juventino Trigo, e a concelleira de Persoal e Seguridade, Sandra Permuy, xunto cos responsables do servizo, a arquiveira municipal Silvia Freire, e o auxiliar de arquivo Xan Morales.
07-04-2022 -

O Concello de Fene trasladará os restos do Bloque 8 da mazá B do cemiterio municipal aos novos nichos construídos o ano pasado

O Cemiterio Municipal de Fene presenta desde hai tempo deficiencias nun dos bloques de nichos situados na parte central do camposanto. Trátase do Bloque 8 da maza B, que comprende os ocos desde o número 673 até o 780, seriamente afectados por fendas e filtracións. O Concello xa lle comunicou ás familias a necesidade de trasladar os restos mortais a un dos bloques da ampliación rematada o ano pasado. 
06-04-2022 -

Cambio de horario na Casa da Cultura de Fene durante a Semana Santa

A concellería de Cultura informa do cambio de horario da Casa da Cultura de Fene (Biblioteca Municipal, aula de estudo, Museo do Humor e sala de exposicións temporais) durante a Semana Santa. Neste período, o horario da instalación será o seguinte:
  • Sábado 9 e domingo 10 de abril: pechado
  • Luns 11, martes 12, mércores 13 de abril: de 10.00 a 14.15 horas
  • Do xoves 14 ao domingo17 de abril: pechado
  • Luns 18 de abril: de 10.00 a 14.15 horas
O horario habitual da Casa da Cultura de Fene retomarase o martes 19 de abril.
06-04-2022 -

O programa Coidados porta a porta chegará a Fene no mes de maio

A Concellería de Servizos Sociais de Fene anuncia que o programa de Coidados porta a porta da Xunta de Galicia recalará en Fene (Paseo de San Valentín) os días 25, 26, 27 e 30 de maio para ofrecer consultas de audioloxía, podoloxía e estimulación da memoria á veciñanza. Destes servizos poderán beneficiarse gratuitamente todas as persoas maiores de 55 anos, con cita previa. A reserva de praza pode realizarse no teléfono 622 748 283 ou no correo electrónico coidadosportaaporta.politicasocial@xunta.gal.
05-04-2022 -

Non pasa nada, pasa algo?

Mellorar a información sobre as adiccións, de maneira precisa e axeitada, debido a baixa percepción do risco que existe na cidadanía sobre o consumo de substancias e comportamentos aditivos. É o principal obxectivo do programa "Non pasa nada, pasa algo?" que botou a andar este martes no CPI A Xunqueira de San Valentín, organizado pola Concellería de Benestar Social e Igualdade do Concello de Fene, coa colaboración dos Concellos de Neda e Mugardos (cos que está a desenvolver un proxecto de prevención de condutas aditivas, financiado pola Consellería de Sanidade). Logo desta primeira xornada, entre os meses de abril e maio realizaranse diversas charlas, tanto no CPI A Xunqueira, coma no IES Fene e no CPR Jorge Juan. Cada centro elexiu os cursos destinatarios cos que se desenvolverán un total de tres sesións por grupo, ata chegar ás 12 horas por centro.
04-04-2022 -

O Concello de Fene elimina desde este martes a cita previa

Van aló dous anos, tralo confinamento decretado polo Estado, desde que Fene implantase a cita previa obrigatoria para a atención presencial nas oficinas municipais. Agora, nun progresivo contexto de volta á normalidade, o consistorio decidiu tamén regresar á normalidade eliminando desde este martes 5 de abril a obriga de chamar antes para facer calquera xestión. Con todo,  séguese recomendando utilizar a Sede Electrónica para os trámites máis comúns e recordando que, de momento, é necesario seguir aplicando medidas preventivas dos contaxios como é a da hixiene de mans e respiratoria e o uso da máscara en espazos interiores.
04-04-2022 -

Xabier Díaz e as Adufeiras do Salitre voltarán a Fene este verán para abrir o ciclo Xullo, mes da Patria

A concellería de Cultura de Fene ultima as actividades que se desenvolverán ao longo do mes de xullo no marco da conmemoración do Día da Patria Galega. O ciclo botará a andar o venres 1 de xullo no paseo de San Valentín co concerto As catedrais silenciadas, de Xabier Díaz e as Adufeiras de Salitre, e prolongarase até o día 23 con distintas actividades para todos os públicos. Salientan no programa as actuacións de Pepo Suevos, Trópico de Grelos, Blues do País e Sindicato da Verbena, Ruxe-ruxe e Boyanka-Kostova. A maioría dos espectáculos, agás o primeiro e o pasarrúas de Trópico de Grelos, terán lugar na Praza do alcalde Ramón José Souto González, con entrada de balde e aforo limitado.
31-03-2022 -

Obradoiros medioambientais nos colexios de Fene

O Colexio O Ramo de Barallobre acolleu este luns o primeiro dos obradoiros que a Concellería de Medio Ambiente de Fene levará aos centros educativos de Fene entre os meses de abril e maio. A actividade consistiu na construción de refuxios para morcegos por parte do alumnado de Primaria do centro que tamén recibiu unha charla sobre a importancia deste mamífero voador no ecosistema. O obradoiro terá continuidade nuns meses cunha nova sesión na que os rapaces e rapazas poderán instalar no medio natural os refuxios para morcegos que elaboraron nas aulas.
31-03-2022 -

Fene acolle estes días un curso de Técnicas de Busca de Emprego da Mancomunidade

Dez mulleres participan dende este martes no Curso de Técnicas de Busca de Emprego que organiza a Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol coa colaboración da área de Formación e Emprego “Pancho Allegue” de Fene, no marco do Programa Integrado de Emprego. Cunha duración de 20 horas, esta acción formación ten por obxectivo “adquirir as técnicas e estratexias necesarias en relación ao proceso de procura de emprego”.
31-03-2022 -

O Concello licita en 54.000 euros a reparación dos principais parques infantís de Sillobre e Limodre

Os parques infantís da Hortiña, en Limodre, e do Souto, en Sillobre, contarán dentro de pouco tempo con novo equipamento de xogos e unha mellor accesibilidade. Así se recolle o proxecto licitado polo Concello co obxectivo de rehabilitar estes dous espazos e adaptalos á normativa autonómica de seguridade. O investimento previsto inicialmente ascende a 54.041,16 euros, impostos incluídos, que seguramente se vexa reducido na oferta gañadora do contrato. Ao procedemento, dividido en dous lotes, presentáronse nove firmas do sector. A adxudicación é inminente, despois de que este mesmo martes se reunise a Mesa de Contratación para facer a valoración técnica e económica das propostas rexistradas.