Novas

08-03-2022 -

Manifesto institucional 8M Día Internacional da Muller

O 8 de marzo, Día Internacional da Muller Traballadora, tamén chamado Día Internacional da Muller, reivindica e visibiliza a loita das mulleres polos seus dereitos, participación e recoñecemento, en pé de igualdade cos homes, na sociedade e no seu desenvolvemento íntegro como persoa.
Tras dous anos de pandemia do COVID-19 púxose de relevancia a precariedade estrutural do noso sistema tras anos de políticas neoliberais. Estamos diante dunha situación de crise social e económica, e as respostas artelladas non incorporaron como debesen a perspectiva de xénero, polo que se acentuaron as desigualdades que viven as mulleres.

Se algo nos deixou claro esta pandemia foi que, unha vez mais, son as mulleres as que asumen sempre o incremento de traballo. A maior parte das veces, en sectores que as fan aínda mais invisibles do habitual.

Neste momento, queremos facer fincapé no sector dos coidados, aínda que non é o único que invisibiliza o traballo da muller (o sector da limpeza é outro deses traballos que fai pasar ás mulleres totalmente desapercibidas, pese á importancia que tamén ten no noso día a día, especialmente na situación actual que vivimos).
Por iso é imprescindible abordar o debate sobre os coidados, cuxa actual organización supón un lastre para o desenvolvemento vital das mulleres. As mulleres vense forzadas a asumir un volume enorme de traballo de coidados, nalgúns casos non remunerados, o que as mantén atrapadas na parte máis baixa da pirámide económica e supón unha das causas directas da brecha salarial. Esta desigualdade é asentada e sostida polo sistema capitalista e patriarcal, cuxo obxectivo é obter beneficios e privilexios para uns poucos á conta das persoas máis vulnerables e oprimidas, que sempre son mulleres.

Este 8 M, debemos traballar para ocupar o espazo público doutra maneira, visibilizar os efectos da pandemia sobre a vida das mulleres, e incidir na transformación do sistema que posibilite corrixir as desigualdades que xera. A pandemia volveunos a relegar ás mulleres ao fogar, desplazándonos do espazo público. Non podemos permitir retroceder na relevancia de que a perspectiva de xénero impregne a reconstrución social, e que o teletraballo non supoña facernos desaparecer do espazo público e a toma de decisións. Seguimos sendo invisibles na historia polo que seguiremos potenciando todas as actuacións que recuperen a nosa memoria histórica e sirvan de referentes ás mulleres actuais e futuras.

Por estas e moitas máis razóns, é necesario que este Concello se comprometa a potenciar e implantar a perspectiva de xénero nas actuacións que desenvolve, e evitar que esta crise aumente as desigualdades e as discriminacións (especialmente nos sectores que fan as mulleres practicamente invisibles) para o que é necesario cambiar os modelos patriarcais e capitalistas por modelos de igualdade, xustiza, paridade, liberdade, diversidade e democracia. Hoxe, o feminismo segue sendo imprescindible para reverter a desigualdade, loitar contra a intolerancia e o odio e transformar a sociedade. Segue aquí
07-03-2022 -

Fene inicia os actos do 8M cunha homenaxe ás traballadoras do SAF e do servizo de limpeza

O programa co gallo do Día Internacional da Muller xa está en marcha no concello de Fene. O pleno do pasado xoves deulle o visto e prace por unanimidade a unha Declaración Institucional con quince puntos que, entre outras cuestións, pon o acento sobre a invisibilidade feminina en sectores tan fundamentais coma o dos coidados ou a limpeza. Neste sentido, o Concello homenaxeou onte no salón de plenos ás traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar e da limpeza das instalacións municipais, en recoñecemento polo labor que desenvolven día a día e, sobre todo, pola súa contribución nos momentos máis duros da pandemia.
03-03-2022 -

O remate do Entroido dálle paso a tres días de oportunidades no Outlet Merca en Fene

A Concellaría de Promoción Económica de Fene organiza desde o venres até o domingo unha nova edición do outlet Merca en Fene,  que ofrecerá unha chea de saldos e ofertas interesantes con descontos en todo tipo de produtos. Este primeiro outlet do ano pretende promocionar e fidelizar o consumo no comercio local, ademais de atraer clientela de fóra de Fene durante unha fin de semana ambientada con música na rúa na que se agarda bo tempo. Ao peche do prazo de inscricións anotáranse na cita un total de 22 establecementos. 
03-03-2022 -

Testamento entroido 2022

Oito comparsas desfilaron este ano polas rúas de Fene na xornada do Mércores de Cinza: Os Parrandolos, Os Argalleiros, Os Colludos, As Xoaniñas de Chao, A Revolta de Trasancos, Centieiras coa Ciencia, Semente de Trasancos e Paso a paso. Co desfile e cunha sesión de fogos de artifício, pechou este ano o ciclo de Entroido do Concello de Fene.

Despedimos así o entroido fenés, compartindo o Testamento de Don Falabarato, a mellor crónica satírica do acontecido en Fene, en Galicia e no mundo nos últimos meses.
02-03-2022 -

Un cordero bala entre dos montañas, de Sofía Piñeiro, en Fene

Este venres, 4 de marzo, inaugúrase na Casa da Cultura a nova exposición de pintura da ferrolá Sofía Piñeiro. A mostra, titulada “Un cordero bala entre dos montañas”, recolle unha serie de traballos realizados durante o confinamento no 2020. Trátase dunha “colección de pinturas onde represento ovellas sobre fondos abstractos que funcionan como paisaxes”. O acto, comezará este venres ás 19.30 horas e contará coa presenza, amais da artista, do alcalde de Fene, Juventino Trigo, e do concelleiro de Cultura, Justo Ardá. A mostra de Sofía Piñeiro poderá visitarse en Fene até o vindeiro 28 de marzo, de luns a venres, de 10.00 a 13.00 horas e de 16.00 a 21.00 horas, e os sábados, de 10.00 a 13.00 horas. Os domingos e festivos a sala de exposicións permanecerá pechada.
28-02-2022 -

Exit en concerto no entroido fenés

O entroido en fene continuará na xornada de mañá martes 1 de marzo, Martes de Entroido, co concerto "Tributo hard rock", a cargo do grupo EXIT. A actuación terá lugar na praza do alcalde Ramón José Souto González a partir das 20.00 horas, con entrada de balde, aforo limitado e reserva previa de localidades até as 14:00h do martes (prazo ampliado) no correo-e cultura.deportes@fene.gal, no teléfono/whatsapp 687 709 137 ou no teléfono 981 340 366.
28-02-2022 -

Fene aproba un orzamento de 12.185.600 euros

O Pleno municipal de Fene reuniuse este venres en sesión extraordinaria para debater e votar a proposta de Orzamento xeral para 2022. O Grupo de goberno presentou unha documento que se move en cifras lixeiramente superiores ás do ano pasado, marcando así un novo máximo histórico na correlación de ingresos e gastos previstos, que ascenden en ambos apartados a 12.185.600 euros. Cartos cos que, segundo defendeu o Executivo local, se pretenden garantir "servizos públicos eficaces e eficientes",  a execución de infraestruturas básicas, reactivar a economía e o emprego e reforzar toda a área de benestar e protección social, ademais de seguir apoiando o tecido comercial e asociativo do municipio. Na memoria orzamentaria destácase o incremento da financiación proveniente do Estado, ao tempo que se sinala a conxelación, un ano máis, da taxas e impostos municipais.
25-02-2022 -

Homenaxes, música e desfile de comparsas no Entroido 2022 do Concello de Fene

Cun acto institucional en lembranza de "Franki" e "Chalo", membros da Asociación Cultural "O Tadetas" de Fene que faleceron en 2010 e 2020, respectivamente, comezará o vindeiro luns o Entroido no Concello de Fene. Como xa se avanzou días atrás, o programa deste ano inclúe para o martes 1 de marzo un concerto "Tributo hard rock", a cargo do grupo Exit, e o tradicional desfile de comparsas que finalizará coa queima do Meco e cun espectáculo pirotécnico, o mércores día 2. Ao peche do prazo de inscrición aberto polo Concello, serán un total de 8 agrupacións as que protagonicen o pasarrúas do Mércores de Cinza, festivo local.
23-02-2022 -

Cambio de horario na Casa da Cultura durante o Entroido

A concellería de Cultura informa do cambio de horario da Casa da Cultura de Fene (Biblioteca Municipal, aula de estudo, Museo do Humor e sala de exposicións temporais) durante o Entroido. Coincidindo coas vacacións escolares, o vindeiro luns 28 de febreiro e o martes 1 de marzo a Casa da Cultura abrirá unicamente en horario de mañá, de 10.00 a 14.15 horas. Ademais, o sábado 26 de febreiro e o mércores 2 de marzo -mercores de cinza e festivo local en Fene- as instalacións da Avda. de Conces, 20-22, permanecerán pechadas ao público.
18-02-2022 -

Acto institucional e concerto de Roger de Flor e os Peregrinos para conmemorar o Día de Rosalía

O Concello de Fene lembrará a vindeira semana á escritora galega máis universal, sumándose ás distintas administracións e entidades culturais e educativas que conmemoran a efeméride do nacemento da poetisa. Aínda que, até o de agora, a data de celebración do Día de Rosalía era o 24 de febreiro, recentemente trasladouse ao 23, logo da presentación dun estudo que acredita a data de nacemento real da escritora nese día. Precisamente, será o vindeiro mércores, 23 de febreiro, cando Concello de Fene homenaxee a Rosalía cun acto institucional ás 20.00 horas, no parque adicado á escritora, en Perlío. Ao día seguinte, o xoves 24, o programa artellado pola Concellería de Cultura continuará cun concerto de Roger de Flor e Os Peregrinos co espectáculo "Lúa descolorida: tributo a Rosalía". A cita será ás 20.00 horas, na Casa da Cultura, con entrada de balde até completar o aforo. Actividades dirixidas a todos os públicos.