Novas

29-04-2022 -

O Concello de Fene organiza para o domingo 8 de maio a súa XXVII Milla Escolar

A Concellería de Deportes abre o prazo de inscrición para a XXVII Milla Escolar que se desenvolverá o domingo 8 de maio na Avenida do Mar de San Valentín, a carón do pavillón da Xunqueira. Poderán participar nenos/as de 3 a 16 anos. As carreiras comezarán ás 11:00 horas e concluirán sobre as 12:30 horas, sendo os primeiros participantes os rapaces/as das categorías superiores (Cadetes) e os últimos os da categoría Prebiberón 1. No caso de mal tempo, a proba trasladarase ao interior do pavillón polideportivo da Xunqueira.
28-04-2022 -

O Concello de Fene adxudica en cerca de 183.000 euros unha nova fase de melloras no barrio de San Valentín

 A Xunta de Goberno Local do Concello de Fene aprobou hai escasos días a adxudicación provisional do proxecto de reurbanización das torres I, II e III de San Valentín. Os traballos, cuantificados en 182.710 euros -IVE incluído-, teñen por obxectivo serguir renovando os servizos básicos e mellorando a a accesibilidade do barrio, o máis populoso do municipio e tamén un dos máis avellentados. Esta será a terceira actuación de envergadura que se desenvolve na zona nos últimos anos, despois de levar a cabo a reurbanización dos bloques II e V e III e IV. 
27-04-2022 -

Remata o prazo de inscrición para o curso de “Mediadores/as sociais en prevención”

No marco do proxecto de prevención de condutas aditivas, o Concello de Fene e a agrupación de Concellos de Mugardos e Neda organizan un curso de “Mediadores/as sociais en prevención”, subvencionado pola Consellería de Sanidade. Terá lugar na Casa da Cultura de Fene entre os meses de maio e xuño (os luns 2, 9, 23 e 30 de maio, e 6, 13 e 20 de xuño), en horario de 18.00 a 20.00 horas. As sesións serán impartidas por persoal técnico de ASFEDRO e as prazas (ata un máximo de 15) cubriranse por rigorosa orde de inscrición. Para asistir cómpre entregar o boletín de inscrición no Centro Municipal de Servizos Sociais ou envialo por correo electrónico a servizos.sociais@fene.gal. O prazo finaliza mañá xoves 28 de abril.
25-04-2022 -

Presentación de “Estampas do mundo elegante”, edición tributo do libro de Chichi Campos, no Museo do Humor

O pasado 26 de febreiro cumpríronse 30+1 anos da morte de Chichi Campos, “pioneiro da banda deseñada, axitador cultural e cerebro dalgunhas das maiores gamberradas dunha TVG primixenia”. En homenaxe ao autor, o seu fillo Nico Campos coordinou unha nova edición de “Estampas do mundo elegante” (compilación de artigos e viñetas publicadas en A Nosa Terra entre decembro de 1983 e marzo de 1991) aos que se engadiron máis de trinta colaboracións. O volume, titulado “Estampas do mundo elegante (máis elegante ca nunca)” preséntase este xoves ás 19.30 horas no Museo do Humor de Fene nun acto no que estará presente, canda o fillo de Xesús Campos, o director de cine, productor, guionista e colaborador no libro Marcos Nine.
22-04-2022 -

Últimos días para visitar a exposición de Viñetas do Camiño a carón da pista polideportiva do CCRD de Perlío

A mostra recolle vinte e catro ilustracións, realizadas polos doce artistas que participaron na “Andaina debuxada” do pasado mes de xuño e que logo se expuxeron en distintos puntos do Camiño Inglés ao seu paso pola comarca de Ferrolterra. Unha vez finalizada a mostra orixinal, o Concello de Fene acordou reunir os cubos nos que se amosan os debuxos nun espazo céntrico para que a veciñanza puidera gozar das creacións de artistas da talla de Xaquín Marín, Beatriz Seijo, Hugo Feal, Laura Bouza, Elga Fernández Lamas, Blanca Escrigas, Carme Martín, Leandro Lamas, Calros Silvar, Cristian F. Caruncho, Dulce Anca e Juanma Rubio Lozano. A exposición mantívose nesta derradeira localización, a carón da pista polideportiva do CCRD de Perlío, dende principios de ano e retirarase o vindeiro luns, 25 de abril.
22-04-2022 -

O programa ContandoCiencia continúa o vindeiro mércores cunha charla do inmunólogo José Gómez Rial

A cuarta sesión do ciclo que organiza a Biblioteca do IES de Fene coa colaboración da Concellería de Ensino trae a Fene o mércores 27 de abril ao inmunólogo e membro do departamento de Inmunoxenética do Hospital Clínico de Santiago José Gómez Rial. A conferencia, titulada “A viaxe da vacina fronte a Covid19 no teu corpo”, terá lugar na Casa da Cultura de Fene, ás 19.30 horas, con entrada libre e aforo limitado.
21-04-2022 -

A Concellería de Deportes organiza as xornadas "Xogando co atletismo"

Ao redor de cincocentos rapaces e rapazas de 1º a 6º de primaria dos colexios O Ramo, Centieiras e Jorge Juan tomará parte a vindeira semana nas xornadas "Xogando co atletismo" que organiza a Concellería de Deportes de Fene. A actividade desenvolverase entre os días 25 (luns), 27 (mércores) e 28 (xoves) de abril nas pistas de atletismo do Pazo, en Barallobre. No caso de choiva, trasladarase ao pavillón do colexio O Ramo. "Xogando co atletismo" é unha xornada deportiva na que se realizarán diversas probas nun circuíto continuo, de xeito que todo o alumnado participe simultaneamente nas diferentes actividades.
20-04-2022 -

Abre o prazo de inscrición para o curso de “Mediadores/as sociais en prevención”

No marco do proxecto de prevención de condutas aditivas, o Concello de Fene e a agrupación de Concellos de Mugardos e Neda organizan un curso de “Mediadores/as sociais en prevención”, subvencionado pola Consellería de Sanidade. Terá lugar na Casa da Cultura de Fene entre os meses de maio e xuño (os luns 2, 9, 23 e 30 de maio, e 6, 13 e 20 de xuño), en horario de 18.00 a 20.00 horas. As sesións serán impartidas por persoal técnico de ASFEDRO e as prazas (ata un máximo de 15) cubriranse por rigorosa orde de inscrición. Para asistir cómpre entregar o boletín de inscrición no Centro Municipal de Servizos Sociais ou envialo por correo electrónico a servizos.sociais@fene.gal. O prazo finaliza o vindeiro 28 de abril.
20-04-2022 -

Aberto o prazo dos campamentos deportivos de verán da Deputación da Coruña

Dirixido á rapazada, o programa contará con diversas actividades deportivas e culturais do  26 de xuño ao 1 de xullo, no IES Rosalía Mera na Coruña.

Fene conta con 6 prazas , as persoas interesadas poderán anotarse ata o 20 de maio no departamento de Cultura e Deportes do Concello de Fene. 
20-04-2022 -

Contacontos na Biblioteca Municipal para conmemorar o Día do Libro

A actriz e contadora de historias Raquel Queizás leva “A maleta da avoa” este xoves, 21 de abril, á Biblioteca Municipal Xosemaría Pérez Parallé. Trátase dun espectáculo de contos e lendas tradicionais galegas no que se empregan obxectos e monicreques. A función, dirixida a nenas e nenos de tres anos en diante e as súas familias, comezará ás 18 horas. Para asistir, cómpre reservar praza na biblioteca de Fene ou por teléfono (981 34 23 02 ou 607 62 53 46), en horario de apertura da mesma: de 16.00 a 21.00 horas.