Novas

26-09-2020 -

Aínda quedan entradas para o concerto “De navallas e cumbias” de O sonoro maxín

A Concellería de Cultura informa de que aínda quedan algunhas entradas dispoñibles para asistir ao concerto que o grupo O sonoro maxín ofrecerá este sábado ás 22 horas en Fene, no marco do ciclo Cultura no Camiño. A actuación terá lugar na praza do alcalde Ramón José Souto González (Praza do Concello) baixo carpa. As entradas son de balde e poderán adquirirse a través da páxina de Ataquilla.com até as 20.00 horas deste sábado ou até completar aforo (146 localidades). Lémbrase ademais que cada persoa só pode reservar un máximo de dous pases, rexistrando os datos das 2 persoas que acudirán ao mesmo.
25-09-2020 -

A Unidade Móbil do Centro de Transfusións de Sangue de Galicia achégase a Fene o luns 28 de setembro

A Unidade Móvil do Centro de Transfusións de Sangue de Galicia continúa o seu percorrido para achegar a campaña de doazón de sangue a todos os cidadáns. O luns 28 de setembro estará en Fene, de 9.30 a 14.30 e de 16.00 a 21.00 horas, diante do Centro de Saúde.

As persoas que desexen doar sangue poden solicitar unha cita previa no teléfono gratuíto 900 100 828, sistema implantado para reforzar os protocolos de seguridade nas unidades móbiles e garantir unha afluencia axeitada e ordeada para cubrir as necesidades de sangue dos hospitais galegos.
24-09-2020 -

Xa está aberto o prazo de reserva de entradas para a primeira sesión de contacontos que correrá a cargo do grupo Tarabelos

"O Traxe novo do Rei" da compañía Tarabelos abrirá o vindeiro xoves, 1 de outubro, ás 18 horas, o ciclo Ler Conta Moito que organiza a biblioteca municipal de Fene no marco do programa para a dinamización da lectura que promove a Xunta de Galicia entre as bibliotecas da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia. O ciclo incluirá, ademais desta primeira sesión, as actuacións de Elefante Elegante (“O lobo bobo”) o xoves 8 de outubro e de Ghazafellos (“A máquina do tempo”) o 15 de outubro.
Todas as actuacións desenvolveranse no salón de actos da Casa da Cultura de Fene con aforo reducido a 20 persoas, 10 nenos e 10 adultos (1 adulto por neno), e para asistir será preciso reservar entrada chamando por teléfono á biblioteca de luns a venres, de 16 a 21 horas, ou os sábados, de 10 a 13 horas (teléfonos de contacto: 981342302 / 607625346). Segundo informan dende a biblioteca municipal de Fene, xa se poden reservar entradas para o primeiro espectáculo que correrá a cargo do grupo Tarabelos e que vai dirixido a nenos/as a partir de 3 anos.
 
24-09-2020 -

A Concellaría de Benestar e Igualdade retoma os obradoiros presenciais de "Tardes activas"

A declaración do Estado de Alarma a mediados de marzo interrompeu o desenvolvemento do programa anual de envellecemento activo, que se reinventou nun formato en liña e a través de Radio Fene para poder seguir coas actividades. Pasado o verán, e tendo ben claras as medidas preventivas que se deben adoptar, a área de Igualdade e Benestar volve poñer en marcha as "Tardes activas" dirixidas a maiores de 55 anos, nas que se combinan o lecer e o exercicio cognitivo para manter a mente en forma. As sesións, que terán lugar en locais de distintas entidades do concello, botarán a andar na semana do 1 de outubro. As inscricións poden facerse chamando ao Centro Municipal de Servizos Sociais -981 342 607 e 981 492 706- ou no correo servizos.sociais@fene.gal.
23-09-2020 -

Clausura do grupo de apoio emocional para mulleres

O Proxecto INDIRA-IV, desenvolvido pola Concellería de Benestar Social e Igualdade, clausurouse na xornada de onte. Un espazo para mulleres, onde experimentaron, coñecéronse, creceron acompañadas, relaxáronse e gozaron ao longo dos meses de agosto e setembro nun  total de 16 sesións.
22-09-2020 -

Deportes asigna as quendas de adestramento nos pavillóns municipais para equipos e sociedades do rexistro de entidades

O Concello de Fene acaba de publicar o cadrante de reservas nos pavillóns polideportivos da Xunqueira e do Ramo. Trátase da primeira asignación de quendas, que se efectúa habitualmente no mes de setembro co obxectivo de darlle prioridade no uso das instalacións aos equipos federados pertencentes a sociedades, clubes e entidades que figuran no rexistro municipal de asociacións. A distribución horaria estará en vigor desde o 1 de outubro até o 30 de xuño de 2021. Agora abre un novo prazo entre o 23 e o 30 de setembro para que poidan solicitar tempos de adestramento equipos non federados e particulares. Nese caso deberán achegar a solicitude correspondente -descargable ao pé desta nota-, ben por vía telemática ou de maneira presencial no Concello (pedindo cita previa no 981 061 034).
21-09-2020 -

O martes 22 abre o prazo de reserva de entradas para os espectáculos de David Amor e O sonoro maxín

A praza do alcalde Ramón José Souto González (Praza do Concello) será finalmente o escenario dos espectáculos de David Amor e O sonoro maxín incluídos no ciclo Cultura no Camiño 2020 que organiza o Concello de Fene. A Concellería de Cultura decidiu cambiar a ubicación prevista inicialmente para cumprir mellor co protocolo de seguridade á vez que ampliar o aforo e ofrecerlle a máis persoas a posibilidade de gozar dunha #culturasegura. O espectáculo de David Amor “Love está en el aire” terá lugar este venres 25 ás 22.00 horas e o concerto de O sonoro maxín “De navalla e cumbias” o sábado 26 á mesma hora.

As entradas para ámbalas dúas funcións poranse a disposición do público este martes 22 de setembro, ás 9.00 horas, na páxina de Ataquilla.com (https://entradas.ataquilla.com/ventaentradas/es/). As entradas serán de balde ate completar aforo (146 localidades en cada un dos espectáculos) pero cada persoa só poderá reservar un máximo de dous pases, rexistrando os datos das 2 persoas que acudirán ao mesmo.
18-09-2020 -

O Concello de Fene alíase co comercio local para fomentar a igualdade e a prevención da violencia machista

A Concellaría de Benestar e Igualdade de Fene acaba de poñer en marcha a campaña "Distintivo violeta. Fene tece igualdade" no que se quere implicar a todos os negocios do municipio e, por extensión, tamén a outros axentes sociais e ao resto da veciñanza. A iniciativa pretende unir forzas na defensa da igualdade de xénero e, ao mesmo tempo, promocionar aqueles establecementos que se sumen a ela. O Concello proporcionaralles material de difusión e, ademais, pídelles que apliquen no seu día a día o decálogo da campaña. Para iso só terán que contactar coa asociación comercial e hostaleira O Cruceiro ou ben co departamento de Servizos Sociais no teléfono 696 892 879 ou no correo fenevioleta@gmail.com.
17-09-2020 -

Esgotadas as entradas para o espectáculo “Circo de lume” de Asacocirco

Xa non quedan entradas para a primeira función do ciclo Cultura no Camiño que terá
lugar este sábado ás 22 horas nas inmediacións do CPS de San Valentín. A Concellería de Cultura lembra que para acceder ao espectáculo “Circo de lume”, de Asacocirco, os/as asistentes deberán presentarse con tempo suficiente de antelació á hora fixada para o comezo do mesmo (recoméndase acudir polo menos con media hora de antelación). O motivo é que a reserva de entradas perderá vixencia se non se está na fila de entrada 15 minutos antes do inicio da función. A partir dese momento admitirase a entrada sen reserva, por orde de chegada e sempre que haxa aforo dispoñible.
15-09-2020 -

Aberto o prazo de reserva de entradas para o espectáculo “Circo de lume” de Asacocirco

A Concellería de Cultura informa de que xa se poden adquirir a través da páxina de Ataquilla.com (https://entradas.ataquilla.com/ventaentradas/gl/varios/praza-do-cps-de-san-valentin/11632--compania-asacocirco-co-espectaculo-circo-do-lume.html) as entradas para asistir ao espectáculo “Circo de Lume”, de Asacocirco. Esta primeira función do ciclo Cultura no Camiño terá lugar este sábado ás 22 horas nas inmediacións do CPS de San Valentín (entre os bloques 11-12 do barrio fenés). As entradas son de balde ate completar aforo (80 localidades) pero cada persoa só poderá reservar un máximo de dous pases, rexistrando os datos das 2 persoas que acudirán ao espectáculo.