Novas

15-09-2020 -

Adeus á antiga nave de Fondomar

Portos de Galicia rematou hai tan só uns días os labores de demolición e retirada de cascallos da antiga nave de Fondomar, situada ao pé do peirao de Barallobre. Case catro anos despois de que se iniciasen as negociacións entre o Concello e o organismo dependente da Xunta de Galicia, esta zona do lugar do Carril recupera preto de 3.300 metros cadrados de espazo diáfano mirando ao mar e cun grande potencial vencellado ao lecer ou ao seu uso futuro como parte da actividade marisqueira e deportiva. Agora só queda pendente outro traballo: derrubar tamén a vella EDAR de Maniños, situada a tan só uns metros. O Concello solicitará unha xuntanza con Portos de Galicia para tratar esta cuestión e tamén a dos usos que se lle poden dar á nova parcela dispoñible.
14-09-2020 -

Asacocirco, David Amor e O Sonoro Maxín protagonizan o ciclo “Cultura no Camiño” de Fene.

A Concellería de Cultura retoma a súa programación levando ás parroquias e locais sociais actividades que foron reprogramadas por mor da pandemia


Os espectáculos desenvolveranse baixo a premisa da CULTURA SEGURA, con reserva de entradas, aforos limitados e estrito cumprimento das medidas de seguridade.

A compañía Asacocirco, formada polos malabaristas Joao Alvim e Miriam Crespo, levará este sábado a San Valentín (fronte o local do CPS) o seu espectáculo Circo de Lume. Trátase da primeira función do ciclo Cultura no Camiño co que o Concello de Fene retoma a súa programación cultural tralo parón obrigado pola pandemia da Covid 19. E faino atendendo á máxima da “cultura segura” que garante a aplicación dos protocolos en materia de prevención da extensión da Covid definidos pola Xunta de Galicia para este tipo de espectáculos.
 
14-09-2020 -

O mércores 16 de setembro cambia o horario na Casa da Cultura de Fene, Biblioteca Municipal e Museo do Humor

Coa fin do verán, a Concellería de Cultura informa dos cambios no horario de apertura e atención ao público na Casa da Cultura, Biblioteca Municipal Xosemaría Pérez Parallé e Museo do Humor.

A partir deste mércores, 16 de setembro, a biblioteca de Fene abrirá as súas portas de luns a venres, de 16 a 21 horas, e os sábados de 10 a 13 horas. Ademais, o servizo municipal retoma ese día a atención aos usuarios/as sen necesidade de solicitar cita previa. Manteranse, iso si, as demais medidas de protección fronte á Covid 19 como a obrigatoriedade do uso de xel hidroalcohólico ao acceder á instalación, uso da mascarilla durante todo o tempo no que se permaneza nela ou a necesidade de manter a distancia interpersoal de 2 metros cos demais usuarios/as do servizo e co persoal da instalación.

Tamén cambia o horario este mércores na sala de exposicións temporais da Casa da Cultura, aula de estudo e Museo do Humor que abrirán as súas portas de luns a venres, de 10.00 a 13.00 horas e de 16.00 a 21.00 horas, e os sábados, de 10.00 a 13.00 horas. Tamén neste caso, poderá accederse á instalación libremente, sen necesidade de solicitar cita previa, pero deberán cumprirse todas as normas e recomendacións sanitarias derivadas da pandemia da Covid 19.
10-09-2020 -

O Concello de Fene inviste algo máis de 21.000 euros en obras de mantemento nos centros de ensino

Fene iniciou hoxe, igual que o resto de Galicia, o regreso escalonado ás aulas. Un primeiro día no que xa se empezaron a aplicar os protocolos deseñados por cada centro de ensino para minimizar a posibilidade de contaxios do coronavirus. Este primeiro día no que empezaron as crianzas dos primeiros cursos de Educación Infantil e Primaria -o resto farano mañá e en secundaria a partir do 16-, veu marcado tamén por unha convocatoria de folga que tivo un seguimento desigual nas escolas fenesas. Nelas o Concello levou a cabo traballos de conservación e mantemento cifrados en 21.337 euros que quedarán practicamente listos entre hoxe e mañá.
08-09-2020 -

O Concello de Fene iluminarase de verde con motivo da Semana das Enfermidades Mitocondriais

As enfermidades mitocondriais son un conxunto de doenzas xenéticas que lle afectan á produción de enerxía dentro das células do organismo. Están dentro das consideradas como enfermidades raras e, polo momento, non hai tratamento para elas malia ser orixe de problemas de saúde crónicos, dexenerativos e altamente discapacitantes que en boa parte dos casos teñen un desenlace fatal. As enfermidades en si teñen unha incidencia inferior a 5 casos por cada 10.000 habitantes, pero estímase que polo menos unha de cada 200 persoas ten a mutación xenética que incrementa o risco de padecelas. Do 13 ao 19 de setembro celebrarase en todo o mundo a Semana das Enfermidades Mitocondriais impulsada polas asociacións de persoas afectadas como demanda de maiores esforzos en investigación na procura dun tratamento. Para iso iluminaranse coa cor verde do movemento numerosos monumentos e espazos públicos, entre eles a fachada da Casa do Concello de Fene. 
02-09-2020 -

O Concello de Fene reabre as instalacións da piscina municipal de Centieiras con aforo limitado e estritas medidas preventivas

A piscina de Centieiras está aberta de novo ao público desde este martes 1 de setembro e adaptada ás medidas de prevención da COVID-19. Esa adaptación tradúcese en que se deberá seguir o protocolo de seguridade definido polo Concello para acceder e usar o equipamento, que reduciu o seu aforo ao 50%.  Durante este de setembro o horario de apertura das instalacións será de luns a sábado 17 a 22.00h. e tanto o nado libre como o uso do ximnasio deberán cinguirse a sesións de 45 minutos de duración, con posibilidade de combinar ambas opcións no mesmo día sempre que sexan consecutivas e haxa oco dispoñible. 
02-09-2020 -

As Queridas Donas de Isabel Seco Espada permanecerán na Casa da Cultura de Fene todo o mes de setembro

A sala de exposicións da Casa da Cultura-Museo do Humor de Fene acolle desde esta mesma semana o proxecto pictórico "Queridas Donas", da artista local Isabel Seco Espada. A colección, composta por pezas realistas e abstractas, reivindica a muller a través da figuración do sentimento e das situacións. Afouteza, valentía, resiliencia, paixón, ilusión, namoramento e liberdade, entre outras facetas, que se xuntan compoñendo unha mensaxe de plenitude feminina e feminista. A exposición pode visitarse en horario de 10.30 a 13.30h. de luns a venres até o 15 de setembro. Desde o 16 ao 29 os horarios serán de luns a sábado das 10 ás 13.00h. e de 16 a 21.00h. de luns a venres.
01-09-2020 -

A Unidade Móbil do Centro de Transfusións de Sangue de Galicia achégase a Fene o xoves desta semana

A Unidade Móvil do Centro de Transfusións de Sangue de Galicia continúa o seu percorrido para achegar a campaña de doazón de sangue a todos os cidadáns. Esta semana visitará Fene, instalándose o xoves 3 de setembro, de 15.30 horas a 21.00 horas, diante da Asociación Veciñal de Perlío.

As persoas que desexen doar sangue poden solicitar unha cita previa no teléfono gratuíto 900 100 828, sistema implantado para reforzar os protocolos de seguridade nas unidades móbiles e garantir unha afluencia axeitada e ordeada para cubrir as necesidades de sangue dos hospitais galegos.
28-08-2020 -

O Concello asigna os horarios de adestramento no pavillón A Xunqueira e no campo de fútbol dos Pinares

A área de Deportes do Concello de Fene mantivo aberto até o 24 de agosto o prazo para que as entidades do municipio puidesen solicitar horarios de adestramento tanto no pavillón da Xunqueira como no campo dos Pinares. No primeiro caso trátase da distribución de días e horas para clubes locais durante o mes de setembro, co obxectivo de que poidan preparar a pretemporada, mentres que para o campo de Perlío xa se publicou o cadrante para toda a liga. A información pode consultarse na aplicación en liña Deporxest, onde tamén figuran as medidas preventivas da COVID-19 que se deberán seguir en cada recinto.
26-08-2020 -

O comercio de Fene reedita esta fin de semana o seu outlet con descontos de ata un 70%

Arredor dunha trintena de establecementos de Fene ofrecerán durante toda esta fin de semana unha chea de oportunidades para facerse con todo tipo de artigos a prezos imbatibles. Será nunha nova edición do Outlet promovido polo comercio local -con colaboración da Asociación O Cruceiro e do Concello- coa que se quere darlle saída ao stock estival, pero tamén axudar á reactivación económica de moitos pequenos negocios afectados pola crise sanitaria. A diferenza doutros anos, neste 2020 a principal novidade vén dada precisamente polas medidas preventivas que se deberán poñer en práctica. As principais son que o xénero non poderá estar exposto na rúa e que tampouco se autoriza a instalación de carpas nas beirarrúas, senón que toda a atención ao público deberá prestarse no interior dos establecementos cumprindo cos aforos máximos e cos protocolos de hixiene.

A restrición no uso da vía pública vén recollida no informe de seguridade e prevención encargado polo Concello. Nel recoméndase que, na actual situación, se extremen as precaucións, evitando circunstancias que propicien as aglomeracións puntuais de persoas. A medida atende tanto á necesidade de protexer a quen acuda á chamada do Outlet como a residentes e transeúntes das rúas onde se vai desenvolver.

No interior dos negocios terán que seguirse tamén as normas preventivas no que se refire á hixiene de mans e respiratoria, aforos máximos e protocolos establecidos para cada actividade, resumidos nas guías sectoriais publicadas polo Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA).