Novas

24-08-2020 -

Últimos días para visitar na Casa da Cultura de Fene a exposición do XVI Premio Isaac Díaz Pardo de artes plásticas

Nestes días celébrase o centenario do nacemento de Isaac Díaz Pardo. Un creador e activista cultural que, ademais, lle dá nome ao certame anual convocado pola Deputación da Coruña para promover e promocionar as artes plásticas na nosa provincia. En 2019 o primeiro premio foi para o ferrolán Mauro Trastoy coa peza "7" que se pode ver na mostra aberta desde finais de xullo na Casa da Cultura de Fene canda ás dos outros once creadores e creadoras seleccionadas polo xurado. Cómpre bulir, xa que a exposición do XVI Isaac Díaz Pardo -que leva case un mes en Fene- marchará este venres para Brión. Para percorrela fai falla cita previa no 981 341 451. O horario: de 10.30 a 13.30h.
19-08-2020 -

Galiza Mártir, no aniversario do asasinato de Ramón José Souto González

Os dereitos e liberdades nacionais do pobo galego foron recoñecidos xurídica e politicamente no marco da II República, coa ampla maioría social que permitiu plebiscitar en referendo o Estatuto de Autonomía Galego o 28 de xuño de 1936.
Poucas semanas máis tarde produciuse a sublevación violenta dun segmento das forzas armadas do Estado Español, instigada e apoiada pos sectores reaccionarios e organizacións políticas paramilitares de ideoloxía fascista, contra do réxime da II República e do seu lexítimo goberno, saído das eleccións democráticas que tiveron lugar en febreiro de 1936, gañadas polo Frente Popular.

Logo desta sublevación antidemocrática, milleiros de persoas foron asasinadas sen xuízo previo ou executadas por sentenzas de tribunais títeres das forzas sublevadas. Outras formaron parte da resistencia armada na guerrilla antifranquista, outras persoas foron para o exilio onde seguiron loitando polo restablecemento das liberdades individuais e colectivas do pobo galego e pola reconstrución dun réxime democrático en Galicia e no Estado Español.

Foi exilio galego en Buenos Aires quen en 1942, a iniciativa da Irmandade Galega, quen instaurou o17 de agosto como “Día da Galiza Mártir”, coincidindo coa data de fusilamento de Alexandre Bóveda no monte da Caeira, como data na que homenaxear a todas as persoas represaliadas polo franquismo.

Dende o 1979, as corporacións municipais democráticas do Concello de Fene vimos desenvolvendo políticas públicas dirixidas ao coñecemento da nosa historia e ao fortalecemento dos valores democráticos, para proporcionar verdade, xustiza e reparación de todas as vítimas da represión e ás súas familias.

O noso público recoñecemento ás corporacións da II República, ao alcalde Ramón José Souto González e ás máis de 70 persoas de Fene fusiladas ou paseadas nos días posteriores ao 18 de xullo de 1916, traducíronse no monumento “Á memoria”, no Paseo Marítimo de San Valentín ou na instalación “En movemento” que preside o salón de plenos da Casa do Concello; en ciclos como “Non des ao esquecemento”; no acordo plenario do 23.12.2006 polo que se revocaron os acordos das corporacións franquistas de Fene co obxectivo de difamar e condenar socialmente aos concelleiros e alcaldes das corporacións republicanas, así como nas homenaxes que na semana do 16 de agosto rendémoslle á Ramón José Souto González na praza que leva o eu nome.

Neste ano 2020, os datos da evolución da pandemia provocada pola COVID-19 e as previsións metereolóxicas para esta semana desaconsellaron que programaramos ningún acto público de homenaxe. Non obstante, non queremos deixar pasar estas datas sen convidar á veciñanza a honrar connosco a memoria dos mártires a través dunha visita virtual á obra de Castelao quen inmortalizou simbolicamente no seu álbum “Galicia Mártir” a todas as vítimas da represión fascista en Galicia; da lectura da acta da sesión plenaria de homenaxe ás corporacións da II República cun anaco do concerto que o prestixioso Grupo de Metales Santa Cecilia deu na sala de sesións da Casa do Concello no citado pleno extraordinario.
18-08-2020 -

Clausura mocidade activa

O pasado venres clausurouse o programa de Mocidade Activa, subvencionado pola Consellería de Sanidade e enmarcado no proxecto de prevención de condutas aditivas desenvolto polo Concello de Fene a agrupación de concellos de Mugardos e Neda.
 
O programa realizouse dende día 15 de xullo ata o 14 de agosto entre ás 11.00 ás 13.30h. Participaron 22 rapaces/as con idades comprendidas entre os 11 e 16 anos.

Mocidade Activa tivo como finalidade fomentar o uso saudable do tempo de lecer a través das actividades lúdico educativas que se indican. Aumentar as habilidades básicas e de resistencia para anticiparse aos problemas que poidan xurdir polo uso ou abuso das adicións.
14-08-2020 -

A Policía Local  investiga a vertedura de pneumáticos usados en varios puntos do municipio

O departamento de Servizos do Concello de Fene está atopando desde hai varias semanas unha grande cantidade de pneumáticos usados ciscados ao pé dos colectores do lixo e nalgúns casos incluso no seu interior. Os puntos máis afectados por esta vertedura son as vías principais de Limodre, Sillobre, Barallobre, a estrada da Armada e o Polígono do Vilar do Colo. O elevado número de rodas e o feito de que todas fosen aparecendo no mesmo intervalo de tempo levan ao Concello a sospeitar de que se trate dunha actividade regular e organizada, reflectida na Lei de Residuos Sólidos de Galicia como unha infracción moi grave. As sancións poderían chegar aos dous millóns de euros. A Policía Local de Fene investiga xa o caso e desde o Concello solicítase a colaboración veciñal para achegar calquera dato que permita dar coas persoas responsables.
11-08-2020 -

Bota a andar o proceso selectivo do proxecto de inserción laboral Inicia V

Os concellos de Fene, Ares, Mugardos, Neda e Cabanas levarán a cabo a partir do 15 de setembro a quinta edición do proxecto formativo e de inserción laboral Inicia, dirixido a mocidade desempregada que queira mellorar as súas competencias de cara á súa integración no mercado laboral. O proxecto está subvencionado pola Xunta e pola Unión Europea con fondos do FSE e a través del ofértanse 16 contratos de aprendizaxe para outras tantas mozas e mozos inscritos no programa de Garantía Xuvenil, pero tamén catro postos temporais para a dirección e a docencia do obradoiro. O proceso selectivo empezou estes días coa solicitude ao Servizo Público de Emprego dun listado de aspirantes que cumpren os requisitos da convocatoria. Os concellos participantes xa están contactando coas persoas preseleccionadas para que acheguen antes das 23.59h. do 19 de agosto a súa solicitude formal para participar nas probas e tamén a documentación acreditativa dos méritos que se han valorar. O trámite ten que facerse no Rexistro Municipal de Fene -con cita previa-, a través da Sede Electrónica ou por calquera das vías previstas na Lei de Procedemento Administrativo Común.
07-08-2020 -

O Goberno local aposta por axilizar a xestión do actual orzamento e comezar 2021 con contas adaptadas á nova situación socioeconómica

O Concello adiantou a este mércores pola mañá o pleno que debería celebrarse o xoves pola tarde, festivo local. Foi unha sesión longa marcada polas cuestións financieiras na que quedou patente a intención do Executivo local de continuar coa prórroga do orzamento de 2019 en vez de preparar unhas novas contas que, de aprobarse ao longo de agosto, só terían vigor durante o derradeiro cuadrimestre do ano. En vez diso, o tripartito avoga por preparar orzamentos para comezos de 2021 e continuar co actual facéndoo máis axil, reformulando partidas e trasladando de unhas a outras fondos dispoñibles. Iso foi o que se fixo precisamente na sesión do mércores por medio de dúas modificacións de crédito e tamén das bases de execución do orzamento prorrogado. Cambios que, entre outras cousas, permitirán incrementar nun 50% o importe das axudas destinadas ao tecido asociativo do municipio e darlle acceso ás achegas públicas a entidades asistenciais que foron e están sendo fundamentais na xestión da crise sanitaria.
 
04-08-2020 -

Ampliado o prazo para participar no grupo de apoio emocional para mulleres do Proxecto Indira IV

A Concellería de Benestar Social e Igualdade informa de que aínda quedan prazas para anotarse ao Proxecto INDIRA-IV, un espazo para mulleres onde poder experimentar, coñecerse, crecer acompañada, relaxarse e gozar.

Un proxecto para mulleres a través de encontros semanais, no que se abordarán diferentes temas e actividades relacionados co desenvolvemento persoal e a saúde en todas as súas dimensións. Haberá tamén tempo para compartir ás situacións vividas por cada unha e as experiencias derivadas da crise sanitaria motivada polo COVID-19. Espazo moi necesario, máis nestes momentos nos que se moveron tantas emocións
30-07-2020 -

O campamento “Un verán diferente” chega ao seu fin

Último día no campamento “Un verán diferente” que se está a desenvolver nas instalacións do Ceip Centieiras de Perlío coa asistencia de corenta e un nenos e nenas de Fene. Nesta derradeira semana, os/as participantes realizaron xogos de auga, actividades de equilibrio, xogos cooperativos e alternativos, obradoiros de volvoretas, herbarios e talleres de cociña saudable, entroutras actividades. Ademais, aproveitando o bo tempo, visitaron o parque Castelao. Para festexar a fin do campamento, os/as responsables da actividade programaron para hoxe unha xornada especial na que os nenos/as realizarán os seus xogos preferidos da programación.
30-07-2020 -

Clausura dos obradoiros de emprego Reinicia VI

Coa entrega das acreditacións e certificacións profesionais ao alumnado, concluíron este luns os obradoiros de emprego Reinicia VI nas modalidades de “Atención sociosanitaria a persoas no domicilio” e “Traballos de carpintería e moble”. O programa, financiado pola  Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia, foi promovido polos Concellos de Fene, Mugardos, Ares, Cabanas e Neda. Unha vintena de persoas, das cales oito foron de Fene, tomaron parte nestes cursos que se desenvolveron no centro de formación e emprego Pancho Allegue de Fene – Nave de San Marcos (“Traballos de carpintería e moble”) e no centro de formación Francisco Vizoso de Mugardos (“Atención sociosanitaria”).
24-07-2020 -

"Saúde e canta o paspallás"

Con estas verbas, a ceramista fenesa Carme Romero rematou esta tarde a lectura da declaración institucional do Día da Patria Galega, rememorando aqueles anos nos que "rematando a guerra do 36, o ser galeguista era tan perseguido que un grupo de amigos entre os que se atopaba Pérez Parallé", para se reunir usaban como contrasinal "Saúde e canta o paspallás". Durante a súa intervención, a impulsora da Escola de Cerámica do Muíño do río Va (Maniños), serviuse das súas experiencias vitais e profesionais para reivindicar o noso patrimonio material e inmaterial e, particularmente, a nosa lingua. No acto, que tivo lugar a carón do "Monumento 25 de xullo. Día da Patria Galega", no parque liñal do río Cádavo, a artista estivo acompañada polo alcalde de Fene Juventino Trigo, polo concelleiro de Cultura, Justo Ardá, membros da Corporación Municipal de Fene e numerosos veciños e veciñas.