Novas

15-07-2020 -

Presentación do libro gañador do XXXII Certame Premio Nacional de Poesía Pérez Parallé

As instalacións do CMI Unidade de Fene acollen este sábado, 18 de xullo, a partir das oito do serán, a presentación de Deriva, de Regina Touceda, libro gañador do XXXII Certame Premio Nacional de Poesía Pérez Parallé que ve a luz coa colaboración da editorial Espiral Maior e do Concello de Fene.  O acto, que ía celebrarse inicialmente o pasado 16 de maio, tivo que aprazarse por mor da pandemia provocada pola Covid-19.  O alcalde de Fene, Juventino Trigo, o fundador e director literario da editorial Espiral Maior, Miguel Anxo Fernán Vello e o coordinador do certame, o tamén escritor Eduardo Estévez, acompañarán este sábado a Regina Touceda na presentación do seu libro. O acto completarase coa actuación do grupo Encrucillada.
15-07-2020 -

O Concello dedica o plan de camiños da AGADER a mellorar as pistas de acceso a seis parcelas agrogandeiras en Sillobre

O Concello de Fene investirá algo máis de 31.300 euros na reparación de dúas pistas municipais situadas en Sillobre. As obras levaranse a cabo nun tramo de camiño situado no lugar do Picoto e nunha vía que discorre paralela á ladeira leste do monte Marraxón. En conxunto suman 615 metros de distancia e o seu arranxo acometerase con financiamento de fondos europeos, ministeriais e autonómicos xestionados pola AGADER a través do Plan de mellora de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas 2020-21. 
13-07-2020 -

Último día para inscribirse no programa “Mocidade activa”

Pilotaxe de drons, fútbol burbulla, fabricación dixital 3D, artesanía electrónica, habilidade maker, como ser Youtuber, radio, habilidades persoais e combate láser. Son as actividades que este ano ofertan os Concellos de Fene, Mugardos e Neda no marco do programa Mocidade Activa, dirixido a rapaces/zas de 11 a 16 anos. Os/as interesados/as en participar deben enviar a súa solicitude, hoxe como último día, ao Departamento de Servizos Sociais do Concello de Fene por correo electrónico servizos.sociais@fene.gal ou, excepcionalmente, entregala de forma presencial, previa cita nos teléfonos 981342607 / 981492706 (de luns a venres, de 10.00h a 14.00h). 
13-07-2020 -

O Concello investirá máis de 175.000 euros na reparación dun dos accesos a Vilar do Colo

O Concello de Fene ten listo desde principios de ano o proxecto de reparación da estrada que une o polígono do Vilar do Colo coa vía provincial DP-3501, en Limodre. E agora, ademais, tamén conta con financiamento para levar a cabo as obras, por medio dunha subvención autonómica dirixida á mellora de infraestruturas en parques empresariais. A actuación está cifrada en 175.605 euros cofinanciados pola Xunta nun 68%. O proxecto técnico recolle o aglomerado de toda a estrada co obxectivo de mellorar a súa durabilidade e tamén a súa seguridade. 
09-07-2020 -

O Concello prepara a Oficina de Turismo para reabrila ao público a partir do mércores que vén

O Concello de Fene traballa arreo estes días para poñer a punto o espazo da Oficina de Turismo. Unha limpeza e unha desinfección xeral en profundidade; a revisión do mobiliario, da instalación eléctrica e do equipamento informático... pero tamén o vernizado, a reparación da beirarrúa e o adecentamento do seu entorno, son algúns dos preparativos que se están levando a cabo na caseta situada en Naturais de Fene, co obxectivo de que todo estea listo para a súa apertura a partir do mércores 15.
08-07-2020 -

Retómase o servizo de transporte público ao cemiterio municipal de Fene

O Concello de Fene informa de que, a partir desta fin de semana, volve funcionar -co mesmo horario e percorrido- o servizo de autobús ao cemiterio municipal do Campo da Arca, Barallobre. O servizo interrompeuse en marzo por mor da pandemia provocada pola Covid-19.
Así a partir deste sábado, o autobús para o cemiterio municipal de Fene realizará un percorrido con saída ás 16.00 horas do cuartel da Garda Civil de Fene, pasando por Magalofes, Lubián, Fene, San Valentín, Perlío e Barallobre.
Posteriormente ás 17.30 horas realizarase o percorrido á inversa, con saída do cemiterio municipal, facendo paradas nas mesmas parroquias.






07-07-2020 -

Últimos días para participar no XXIV Concurso de Humor Gráfico “Curuxa do Humor”

Este venres 10 de xullo finaliza o prazo para presentar obras a unha nova edición dos “Premios Curuxa” do Museo do Humor. As persoas interesadas en participar, poderán enviar os seus debuxos até as 23.59 horas do venres ao Rexistro Xeral do Concello de Fene (Praza do alcalde Ramón Souto González, s/n, Fene). En próximas datas o Concello de Fene dará a coñecer a composición do xurado e a data na que se dará a coñecer o fallo.
07-07-2020 -

O vindeiro luns abre o prazo de solicitude de horas de adestramento de pretempada e tempada nas instalacións deportivas municipais

A Concellería de Deportes de Fene informa de que o luns 13 de xullo abre o prazo de solicitude de horas de adestramento para a pretempada no campo de Fútbol Os Pinares e   no pavillón polideportivo da Xunqueira, e para a  tempada 2020/2021  no campo de Fútbol e nos pavillóns municipais de “O Ramo” e “A Xunqueira”. As solicitudes poderán entregarse no rexistro Xeral de entrada do Concello de Fene, no primeiro andar da Casa do Concello (previa cita no teléfono 981 061 034) ou telemáticamente, no Rexitro Xeral do Concello de Fene (https://sede.fene.gal/opencms/gl).
03-07-2020 -

A Concellería de Servizos Sociais abre o prazo para participar no programa "Mocidade activa"

Favorecer a cohesión social e sensibilizar sobre as adicións con sustancias ou comportamentais, son os principiáis obxectivos do programa Mocidade Activa que poñen en marcha neste mes de xullo o Concello de Fene e a agrupación de Concellos de Mugardos e Neda. A iniciativa vai dirixida á mocidade de 11 a 16 anos e contempla actividades como pilotaxe de drons, fútbol burbulla, fabricación dixital 3D, artesanía electrónica, habilidade maker, como ser Youtuber, radio, habilidades persoais e combate láser. O programa desenvolverase do 15 de xullo ao 15 de agosto, con sesión de dúas horas e media, entre as 11.00 e as 13.30 horas.
03-07-2020 -

A Unidade Móbil do Centro de Transfusións de Sangue de Galicia achégase a Fene o xoves e o venres desta semana

A Unidade Móvil do Centro de Transfusións de Sangue de Galicia continúa o seu percorrido para achegar a campaña de doazón de sangue a todos os cidadáns. Esta semana visitará Fene, instalándose o xoves 16 de xullo, de 9.30 a 14.30 e de 16.00 a 21.00 horas, e o venres 17 de xullo, de 15.30 horas a 21.00 horas, diante do Centro de Saúde.