Novas

18-06-2020 -

Reapertura da aula de estudio da Casa da Cultura

A biblioteca municipal Xosemaría Pérez Parallé anuncia para o vindeiro luns 22 de xuño a reapertura da aula de estudio ubicada no primeiro andar da Casa da Cultura. Para prestar novamente este servizo coa máxima seguridade, as persoas usuarias deberán solicitar cita previa nos teléfonos 981 34 23 02 / 607 625 346 (a atención telefónica será en horario de luns a venres, de 09:00 a 14:00 horas) ou enviar un correo a
fene.rbgalicia@eidolocal.es

Unha vez confirmada a cita, os/as usuarios/as do servizo só poderán facer uso da mesa e a cadeira que lles asigne o persoal no mostrador da biblioteca, que garantirá a distancia mínima de separación entre elas. Ademais, controlarase o aforo á aula de estudio e habilitarase unha única mesa por persoa, que se hixienizará logo de cada uso.
 
18-06-2020 -

Fene entrará este ano no certame "Vilas en flor"

O Concello de Fene intensificou nos últimos días os labores de acondicionamento dos xardíns municipais e doutros espazos públicos do territorio. Durante o Estado de Alarma a maior parte dos recursos técnicos e humanos dedicáronse a tarefas de mantemento, prevención e hixiene. Porén, a medida que foi avanzando a desescalada, a área de Obras e Servizos foi retomando os traballos de conservación das áreas verdes, con dúas finalidades básicas: eliminar plantas e árbores secas ou que supuñan un perigo e, por outra banda, deixar os lugares preparados para acometer unha completa reordenación con novas variedades e, nalgúns casos, cunha nova distribución. Ademais, o consistorio acaba de presentar a súa solicitude para participar desde este ano no certame "Vilas en flor", que recompensa en todo o Estado as accións ambientais e de conservación en espazos públicos.
O repaso xeral que se lles está dando a todos os xardíns, parques e outras áreas verdes do municipio ten como obxectivo conter as medras da vexetación que se produciron nos últimos meses, pero tamén eliminar plantas e árbores secas ou en mal estado.
De feito, no parque liñal do Cádavo e tamén en San Valentín foi necesario cortar varios exemplares que comprometían a seguridade. Por outra banda, no barrio ribeirao cumpriu talar unha palmeira e retirar pés de camelias que practicamente tocaban nas fachadas dos primeiros andares e que, ademais, reducían considerablemente a entrada de luz nos baixos e nas vivendas inferiores.
Noutros puntos do municipio, o persoal municipal -apoiado por un equipo externo- está levando a cabo un repaso xeral dos espazos consistente na limpeza de herbas ventureiras, no segado e no control do volume de vexetación, xunto coa revisión do estado de saúde de árbores, flores e outras plantas ornamentais.
A intención de Obras e Servizos é facer unha especie de "reseteo" das zonas axardinadas para reordenalas todas de novo. Para iso eliminaranse especies secas ou difíciles de recuperar e incluso se planificarán plantacións novas que lle dean máis vigor e vistosidade á trama verde do municipio.
O programa atende ao obxectivo de mellorar a imaxe xeral de todo o concello, pero tamén á finalidade de que os parques e xardíns cumpran coa súa misión de reservas ambientais e lugares que contribúan á mellora da calidade de vida da veciñanza.
 
18-06-2020 -

Admitidas todas as persoas preinscritas no programa “Un verán diferente”, o 22 de xuño comeza a fase de matriculación.

As concellerías de Cultura e Deportes informan que, unha vez rematado o período de preinscrición, todas as persoas que a formalizaron e que figuran no listado que aparece no apartado de Descargar, resultaron admitidas en “Un verán diferente”.
A segunda quincena deste programa, do 3 ao 20 de agosto, non se vai levar a cabo ao non acadarse o mínimo do 50% das prazas ofertadas.

Como consecuencia da supresión da quincena de agosto, increméntase tanto o número de prazas na quenda de xullo (de 40 a 47) coma o de monitores/as á fronte da actividade para garantir a ratio de 1 monitor/a por cada 7 nenos/as que recomenda a Consellería de Política Social.
As persoas preinscritas teñen que efectuar a matriculación entre o 22 e o 30 de xuño. 
16-06-2020 -

O Concello prepara varios proxectos ambientais por un importe próximo aos 390.000 euros

 A Concellaría de Servizos e Medio Ambiente de Fene concorre con tres solicitudes ás axudas convocadas pola Xunta de Galicia para levar adiante distintos proxectos de tipo ambiental no territorio. Trátase de iniciativas que apostan por unha xestión máis eficiente e responsable dos resíduos -implicando para iso á veciñanza- pero tamén pola renovación de equipamentos para a recollida e o tratamento. Ademais, o consistorio tamén se sumou ao Pacto europeo das Alcaldías para o Clima e as Enerxías sustentables con intención de reducir nun 40% as emisións de  CO²  e gases de efecto invernadoiro ao longo dos próximos dez anos. Como primeira medida -para a que tamén se agarda financiamento autonómico- farase unha diagnose do territorio acompañada dun plan estratéxico que marque o camiño que cumprirá seguir para cumprir ese obxectivo.
16-06-2020 -

Con motivo do 28 de xuño, Día das Diversidades Sexuais, a Deputación da Coruña organiza o concurso "Balcóns da Diversidade"

Como vimos informando o Concello de Fene adhírese un ano máis á Campaña “LIBERDADE DE SER E SENTIR!”, campaña de sensibilización impulsada pola área de Políticas de Igualdade da Deputación da Coruña con motivo da conmemoración do 28 de xuño “día da diversidade sexual”.

E entre as actividades programadas, está o Concurso "Balcóns da Diversiade"
16-06-2020 -

Que a memoria non pare

O departamento  Servizos sociais do Concello de Fene segue a traballar nas "Tardes activas dende a casa". Proposta para dinamizar  e estimular dende a casa, a toda a poboación maior de 55 anos .
Nesta entrega  do 15 de xuño propoñemos retos, actividades de cálculo,  actividades de memoria verbal, visual, .. unha chea de actividades para entreterse dende a casa. Participa!
Lembrade compartir estes exercizos entre as vosas compañeiras e compañeiros e  participade!
As vosas achegas e solucións podedes envialas á conta de correo electrónico servizos.sociais@fene.gal.
16-06-2020 -

16 de xuño, Día da atención temperá

O Concello de Fene súmase e comparte, neste 16 de xuño Día da atención temperá, ao manifesto da  Asociación Galega de Atención Temperá .
13-06-2020 -

A Xunta de Galicia dá por superada a fase 3 e levanta o estado de alarma a partir do vindeiro luns

Publicado no DOG do sábado 13 de xuño a resolución sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade.

O que implica que queden sen efecto as medidas extraordinarias derivadas do estado de alarma, pero mantén a declaración de situación de emerxencia sanitaria.

Neste sentido procede salientar que, ben que se superou a fase aguda da pandemia, debemos manter aquelas formas de vivir que se mostraron eficaces na loita contra a dita pandemia e cambiar aquelas outras que nos prexudicaron.

É necesario un comportamento social de cautela e autoprotección asentado fundamentalmente nas seguintes premisas: hixiene frecuente de mans; hixiene respiratoria (evitar tusir directamente ao aire e tocar a cara, o nariz e os ollos); distancia interpersoal mínima de 1,5 metros; uso de máscaras cando non sexa posible manter a distancia mínima interpersoal, así como cando se estea en contornos con moita xente, especialmente en espazos pechados; preferencia por actividades ao aire libre e de pouca duración; limpeza, hixiene e ventilación dos espazos utilizados e, especialmente, adopción de medidas de illamento e comunicación cos servizos de saúde tan pronto como se teñan síntomas compatibles co COVID-19 (febre, tose ou dificultade para respirar) ou outros síntomas, como falta de olfacto ou gusto.

As medidas preventivas publicadas , terán vigor desde o vindeiro luns 15 de xuño e recollen entre outros: a obrigatoriedade de medidas de hixiene e prevención esixibles a todas as actividades, tales como: labores de desinfección e limpeza; especial atención nas zonas de uso común; que se promova o pago con tarxeta; tarefas de ventilación periódicas; e medidas específicas dirixidas a centros comerciais, establecementos de hostalería e restauración, lugares de culto, piscinas ou actividades culturais, entre outras. Consulte a resolución aquí

Limitacións do aforo
Establécense limitacións de aforo: un límite de 60 persoas en espazos abertos e de 30 en pechados no caso de velorios, cun máximo de 75 na comitiva fúnebre. O mesmo 75% que será o máximo permitido en boa parte dos establecementos regulados, como locais e centros comerciais, onde as zonas comúns quedarán limitadas á metade do aforo. Mentres que nos bares, restaurantes, hoteis e aloxamentos turísticos o aforo será de 75%, salvo nas terrazas que se eleva ao 80%. E tamén se regulan museos, equipamentos culturais, actividades deportivas, bibliotecas ou piscinas, entre outros.

Os cines, teatros, auditorios, circos de toldo e espazos similares poderán desenvolver a súa actividade, contando con butacas preasignadas, sempre que non superen o setenta e cinco por cento da capacidade permitida en cada sala.

No caso doutros recintos, locais e establecementos destinados a espectáculos públicos e actividades recreativas distintos dos previstos no parágrafo anterior, poderán desenvolver a súa actividade sempre que o público permaneza sentado e que non se supere o setenta e cinco por cento da capacidade permitida, cun límite máximo de trescentas persoas para lugares pechados e de mil persoas tratándose de actividades ao aire libre.

No que se refire aos parques infantís, soamente se autorizarán os que se atopan ao aire libre por cuestións de precaución. E, no que respecta ás actividades deportivas (excepto a ACB e a Liga de Fútbol Profesional, que se reserva ao Goberno central), o aforo será do 75% cun límite de 300 persoas no caso de recintos pechados e de 1.000 no caso de recintos abertos.
13-06-2020 -

O Concello de Fene autoriza a reapertura das instalacións deportivas ao aire libre

Tralo anuncio de que as instalación deportivas municipais cubertas continuarán pechadas durante o verán, a Concellería de Deportes de Fene informa hoxe da reapertura das instalacións deportivas ao aire libre. A medida afecta ás pistas polideportivas de Centieiras (Perlío), A Xunqueira (San Valentín), Fene, Limodre, Sillobre, Magalofes e Maniños, xunto coas pistas de atletismo do Pazo (Barallobre).

As instalacións deportivas ao aire libre do Concello de Fene poderán empregarse “sempre que os/as deportistas e demais usuarios das mesmas cumpran os requisitos e as normas básicas de seguridade establecidas polas autoridades sanitarias para previr os contaxios da COVID 19”.
12-06-2020 -

San Xoán 2020

O Concello de Fene, en consecuencia da pandemia e situación de excepcionalidade provocada pola COVID-19, e de cara a garantir o cumprimento das medidas de prevención e distancia social previstas na normativa de transición cara á nova normalidade, comuníca os seguintes feitos:
1. Prohíbese neste ano 2020 a celebración das tradicionais fogueiras de San Xoán en solo público municipal, espazos de titularidade municipal e praias durante a noite do 23 de xuño ao 24 de xuño.
 
2. Permítese a realzación de luminarias en terreos particulares, debendo respectarse as condicións que se recollen no plan para a trasición cara unha nova normalidade, e tamén amaiores as medidas preventivas e de seguridade que se detaian no Bando da alcaldía achegado.
As comunicacións deben presentarse antes das 14 h do 22 de xuño de 2020 a través da Sede Electrónica ou ben de maneira presencial, aínda que nese caso será obrigatorio solicitar cita previa a través dos teléfonos 981 061 034 ou 671 508 166, no correo citaprevia@fene.gal ou a través do sitio https://sede.fene.gal/opencms/gl/cita/

Podes descargar aquí o modelo de comunicación e o bando informativo coas condicións xerais e específicas para a realización das luminarias.