Novas

22-10-2021 -

O vindeiro luns abre o prazo de solicitude de axudas a entidades sen fins de lucro do Concello de Fene

Coa publicación no Boletín Oficial da Provincia do extracto das bases reguladoras da convocatoria de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, a entidades sen fins de lucro para o ano 2021, do luns 25 de novembro ao luns 8 de novembro ás 14.00 horas permanecerá aberto o prazo de solicitude destas axudas que teñen como finalidade: contribuír ao normal funcionamento do tecido asociativo (gasto corrente); mantemento de instalacións, así como a realización de actividades de carácter cultural, deportivo, educativo, de defensa dos dereitos da veciñanza e gastos de funcionamento. A contía que destina o Concello de Fene a esta convocatoria é de 105.800 €, incrementándose o importe máximo de subvención por entidade no caso das deportivas e culturais.
21-10-2021 -

O Concello asesora ás entidades para afrontaren a nova normalidade

Semella que pouco a pouco imos avanzando cara a unha nova normalidade que nos seguirá esixindo tomar certas precaucións para evitarmos repuntas da pandemia. A Xunta avanzou que en cuestión de días se desactivará a situación de emerxencia sanitaria e que mesmo poderían eliminarse as cabidas e outras restricións para certas actividades. Con todo, a incerteza sobre o futuro pesa, e moito, e a día de hoxe ninguén pode certificar que á volta dunhas semanas vaiamos estar como antes de marzo do 2020. Así as cousas, o Concello de Fene convocou esta semana a todas as entidades veciñais do municipio para facilitarlles pautas xerais que lles permitan retomar o seu pulso normal coas máximas garantías de seguridade. Nunha xuntana celebrada o pasado martes no salón de plenos, á que asistiron o alcalde e a concelleira de Seguridade, achegóuselles ás sociedades información sobre como aplicar os plans de continxencia contra a Covid19 e, ademais, o Goberno local tamén adquiriu o compromiso de proporcionarlles documentación de guía adaptada ás súas necesidades.
19-10-2021 -

Fene súmase ao movemento do comercio xusto

O comercio xusto chega a Fene da man de Solidariedade Internacional de Galicia coa fin de seguir espallando a súa mensaxe: promover unhas relacións comerciais máis xustas entre países, respectando os dereitos humanos. No marco da campaña "Aquí e Acolá O Xusto", nesta fin de semana realizarase en Fene a feira "Comercio Con Sentido", de produtos de comercio xusto. A cita terá lugar na Praza Verde (avd. Marqués de Figueroa, Perlío, Fene) o domingo 24 de outubro, entre as 11h e as 14h.
18-10-2021 -

Leo Leiño na Casa da Cultura de Fene

Aberto o prazo de reserva  para a derradeira función do ciclo “Ler conta moito” da Biblioteca Municipal de Fene. Para esta última sesión, a contacontos Leo Leiño propón un espectáculo, dirixido a nenos/as de 6 a 14 anos, “cheo de maxia e ilusión pola rota xacobea”. Reserva de praza na propia biblioteca ou no teléfono 981 342302 en horario de tarde (luns-venres) ou de mañá (sábados).
14-10-2021 -

Os traballadores de Electro Rayma solicitan o apoio do Concello de Fene para desbloquear unha situación que ameaza 150 postos de traballo na comarca

Traballadores e representantes do comité de empresa de Electro Rayma reuníronse esta mañá cos grupos municipais feneses para expoñerlles a situación que atravesa a empresa e solicitarlles o seu apoio de cara a desbloquear unha difícil situación económica que ameaza a continuidade de 150 postos de traballo na comarca. Segundo explicaron, ao parecer a firma naronesa ten pendentes de cobrar 4,7 millóns de euros debido ao desacordo de Navantia en canto aos sobrecustes dos traballos efectuados nos AOR australianos. Unha débeda que se tería traducido en impagos a Facenda -cos conseguintes embargos que lle impiden á empresa optar a novos contratos públicos-, pero tamén nos primeiros impagos de salarios aos traballadores. Así as cousas, a representación laboral solicitou o apoio da corporación fenesa e doutros concellos para exercer presión política de cara a que Navantia e Electro Rayma "senten falar" e atopen unha solución negociada á actual situación.
13-10-2021 -

O Concello de Fene abre o prazo de solicitude das axudas do Bonobús Universitario 2021-22

Coa publicación no Boletín Oficial da Provincia das bases da convocatoria de subvencións ao transporte de estudantes universitarios/as que cursen estudos nos campus da Coruña durante o curso 2021-2022, dende o xoves 14 ao sábado 23 de outubro poden presentarse as solicitudes no Concello de Fene. O programa ten como obxectivo “facilitar o desprazamento diario de luns a venres no traxecto Fene-A Coruña-Fene para o estudantado universitario fenés nun campus da cidade de A Coruña durante o curso 2021-2022”. Para información ou consultas relacionadas coa subvención do Bonobús Universitario, a veciñanza pode chamar ao teléfono 981 340 366.
06-10-2021 -

O que debes saber do Bulling para no caer nas súas poutas

O Concello de Fene a través da Concellería de Benestar Social e Igualdade está a organizar unha Conferencia denominada “O que debes saber do Bulling para no caer nas súas poutas” que será impartida polo psicopedagogo Emilio Tresgallo, profesional con ampla experiencia no ámbito educativo e especificamente nos casos de acoso escolar. O obxecto desta iniciativa é concienciar á poboación e aos profesionais do eido educativo da problemática que está nestes momentos a ser unha verdadeira lacra social e que causa moito sufrimento as persoas que o padecen.
05-10-2021 -

Exposición do pintor J.M. Pereiro na Casa da Cultura de Fene

A Casa da Cultura de Fene acollerá durante o mes de outubro unha exposición de óleos do pintor fenés J.M. Pereiro. A mostra inaugúrase este venres, 8 de outubro, ás 19.30 horas na sala de exposicións temporais da Casa da Cultura (Avda. De Conces, 20-22) e poderá visitarse ata o vindeiro día 30. Horario de visitas: de luns a venres, de 10.00 a 13.00 horas e de 16.00 a 21.00 horas, e os sábados, de 10.00 a 13.00 horas. Domingos e festivos, pechado.
04-10-2021 -

O Memorial Adolfo Ros Volta á Ría celebrarase o 12 de decembro

O Memorial Adolfo Ros Volta á Ría celebrarase o vindeiro 12 de decembro. Así o confirmaban o pasado venres os concellos organizadores, Fene, Ferrol, Narón e Neda, que xa traballan na que será a XXXV edición da media maratón. Unha cita deportiva na que se lembra a memoria de Adolfo Ros, falecido o 18 de agosto de 1985 cando, nun acto de auténtico heroicismo, tentaba rescatar a varios bañistas en perigo na praia de Doniños
A semana pasada a casa consistorial de Neda, municipio no que recae este ano a dirección da organización, acollía unha primeira reunión entre os concelleiros de Deportes para marcar as liñas de traballo, que continuarán agora de forma periódica. Despéxanse así as dúbidas sobre a súa celebración, suspendida en 2020 pola situación sanitaria derivada da covid-19.

Tras analizar a evolución da situación, os catro concellos acordaban retomar o memorial, concentrando todos os esforzos organizativos no capítulo de seguridade e prevención, e comezando o traballo pola elaboración dos protocolos que rexirán o seu desenvolvemento.
04-10-2021 -

Continúa o prazo de inscrición para piano-solfexo e guitarra

Tal e como vimos informando, as persoas que desexen anotarse en calquera das dúas actividades, deberán solicitar cita previa do 1 ao 4 de outubro nos teléfonos 981 492 804 ou 607 626 812, de 8:30 e as 14:00.

Unha vez solicitada a cita, presentaranse nas dependencias administrativas do Pavillón “A Xunqueira” de San Valentín no día e hora sinalados, tendo en conta que os días 5 e 6 de outubro realizaranse as inscricións para os residentes en Fene e o día 7 para a totalidade da poboación. Este novo curso das escolas culturais de música do Concello de Fene prolongarase dende o luns 18 de outubro de 2021 ao 31 de maio de 2022. A incorporación farase no primeiro día fixado para cada actividade.