Fene interrompeu esta mesma semana o servizo de recollida de voluminosos. Unha medida adoptada por cuestións de hixiene pública e tamén de optimización de recursos de cara a centrar o persoal en tarefas máis urxentes, como por exemplo a desinfección de espazos e mobiliario urbano. Porén, e a pesar da suspensión da recollida, ao carón dos colectores seguen aparecendo tanto mobles e obxectos que si estarían encadrados dentro dos "voluminosos" como outros residuos que xa antes, cando o servizo funcionaba con normalidade, non deberían deixarse na rúa. Neste sentido, desde a Concellaría de Obras e Servizos vólvese apelar á responsabilidade e á colaboración da veciñanza para que non se bote fóra todo o vello que hai nas casas, pero tamén para evitar a proliferación de vertedoiros incontrolados onde se están tirando restos de pequenas obras e outros resíduos perigosos para o ambiente.
Un dos efectos colaterais do confinamento é a ansia que se está dando por baleirar a casa de mobles e tarecos vellos ou por facer pequenas chapuzas domésticas que se foron adiando por falta de tempo. Agora o tempo sobra, e xa desde o comezo da crise sanitaria a Concellaría de Obras e Servizos detectou un repunte na cantidade de restos que se depositaban na rúa os mércores e xoves, días fixados para a recollida de voluminosos.
Trala suspensión do servizo, a área responsable da limpeza segue atopando ao pé dos colectores obxectos que non deberían estar alí, unha porque o Concello xa avisou de que non se poden tirar e, outra, porque moitos deles nin sequera entrarían na definición de voluminosos. E o problema replícase tanto na vía pública como en distintos puntos do territorio -boqueiras de camiños, silveiras, montes, etc.- onde aparecen amoreados entullos e materiais perigosos para o ambiente que a Concellaría de Obras e Servizos ten xa identificados.