Novas

11-08-2021 -

As citas para apuntarse nas escolas deportivas municipais empezarán a darse o 1º de setembro

Nos últimos días foron moitas as veciñas e veciños que contactaron co departamento de Cultura e Deportes para interesarse polas inscricións nas escolas deportivas municipais de Fene, nalgúns casos coa intención de formalizar xa a matrícula. Porén, desde a Concellaría infórmase -e insístese- en que o prazo de matrícula presencial estará aberto do 9 ao 24 de setembro e será obrigatorio pedir cita previa para facer o trámite, que se centralizará no pavillón da Xunqueira. As veces poderán solicitarse a partir do 1 de setembro chamando ao 981 492 804 ou ao 607 626 812. As actividades comezarán ao longo da primeira semana de outubro.
09-08-2021 -

O Concello de Fene ofrece 10 contratos temporais para persoas desempregadas a través do PEL provincial e do APROL Rural

O salón de sesións do Concello de Fene acolleu hai uns días o acto protocolario da sinatura de contratos das 10 persoas desempregadas que este ano se beneficiarán dos programas PEL Reactiva Concellos, da Deputación da Coruña, e APROL Rural, financiado pola Consellaría de Emprego e Igualdade. Dentro do programa provincial xa están traballando na área de Servizos un total de 7 peóns e peoas de obras, ademais dunha auxiliar de biblioteca, mentres que no caso do programa autonómico tamén empezaron a finais de xullo dous operarios para realizar labores de mantemento forestal. O Concello de Fene percibirá algo máis de 151.000 euros para cofinanciar ambos programas de emprego.
03-08-2021 -

Fene, Ares, Cabanas e Mugardos preparan a oitava convocatoria do obradoiro dual de emprego Reinicia

O Concello de Fene volveu concorrer este ano -xunto con Ares, Mugardos e Cabanas- á convocatoria de axudas para o desenvolvemento do obradoiro de emprego dual Reinicia VIII, dirixido a persoas desempregadas maiores de 18 anos. Se se confirma a axuda autonómica, os catro municipios acollerán nove meses de formación e prácticas remuneradas en dúas accións con 20 prazas dispoñibles: 10 sobre atención sociosanitaria a persoas no domicilio e 10 sobre actividades auxiliares en conservación e mellora de montes. O Reinicia VIII non ten aberto de momento o prazo de inscrición, pero si é moi importante que as persoas interesadas teñan ao día a súa demanda no Servizo Público de Emprego de Galicia e, ademais, que estean anotadas cos códigos de referencia para estas dúas especialidades, que son o SSCS0108 no caso de atención sociosanitaria e o AGAR0309 para o obradoiro de conservación forestal. Para obter máis información pode contactarse coa Área de Formación e Emprego "Pancho Allegue" no 981 492 767 ou en orientacion.laboral@fene.gal.
02-08-2021 -

O Concello de Fene aproveita o verán para facer labores de mantemento nas instalacións deportivas

Os departamentos de Deportes e Obras do Concello de Fene están levando a cabo distintas actuacións en varias instalacións municipais co obxectivo de telas listas para o arranque da nova temporada 2021-2022 que botará a andar tralo verán. Durante o mes de xullo acondicionouse o perímetro do campo dos Pinares, en Perlío, e tamén se reparou parte do muro do campo de Maniños. Ademais fíxose unha revisión xeral da maquinaria da piscina de Centieiras e preto de alí, na polideportiva cuberta, xa se colocaron dispositivos para aparcar bicicletas. Os traballos continuarán durante os meses de agosto e setembro.
30-07-2021 -

Música, animación e sorteos na Festa da Cor que terá lugar en Fene o sábado 7 de agosto

Ate o vindeiro domingo, 1 de agosto, esta aberto o prazo para que os establecementos de Fene que queiran participar poidan rexistrarse e tomar parte na Festa da Cor que está a organizar a Concellería de Promoción Económica e Turismo de Fene para o vindeiro sábado 7 de agosto en distintas localizacións do termo municipal. As inscricións realizaranse por teléfono e/ou whatsapp no número 654 700 685. Aínda que o programa detallado da Festa da Cor se presentará nos vindeiros días, dende o departamento organizador avanzan que, ao longo da xornada, haberá actuacións musicais, sesións de animación infantil e para adultos e sorteos de vales de compra entre os clientes dos establecementos participantes.

ACTUALIZACIÓN 4 DE AGOSTO: Debido ás condicións climatolóxicas previstas para este sábado 7 de agosto a Festa da Cor organizada pola Concellería de Promoción Económica e Tuismo de Fene aprázase para o día 21 de agosto.
 
27-07-2021 -

A Mancomunidade remata as obras no refuxio de Mougá, que aumentaron un 70% a súa capacidade

A Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol, integrada polos concellos de Ferrol, Ares, Cabanas, Cedeira, Fene, Mugardos, Narón, Neda e Valdoviño vén de rematar as obras ampliación do refuxio de animais de Mougá —en funcionamento desde agosto de 2010—, que se atopa na parroquia de Esmelle. O proxecto foi adxudicado por 119.876,77 ive incluído e os traballos desenvolvidos fixéronse tendo en conta as indicacións da veterinaria responsable do centro e da veterinaria da consellería de Medio Ambiente, que previamente inspeccionou as instalacións. Os alcaldes de Ferrol; Fene, Juventino Trigo; Cabanas, Carlos Ladra; Ares, Julio Iglesias; Valdoviño, Alberto González; e o concelleiro Miguel Mahía, de Mugardos, visitaron esta mañá as novas instalacións. 
26-07-2021 -

A exposición de Viñetas do Camiño recolle unha ollada patrimonial ao Camiño Inglés en Ferrolterra

O alcalde de Fene, Juventino Trigo, inaugurou a exposición que recolle as obras realizadas polos artistas que participaron na “Andaina Debuxada” que se desenvolveu os días 12 e 13 de xuño dentro do proxecto “Viñetas do Camiño”, incluído no programa O Teu Xacobeo 21. O acto tivo lugar nas inmediacións do concello fenés, preto do río Cádavo, lugar onde quedou emprazado un dos seis cubos que compoñen esta mostra ao aire libre. Xunto con el, participaron na cerimonia a xefa territorial na Coruña da Vicepresidencia Primeira da Xunta, María Barreiro Lázare, así como os concelleiros de Cultura, Justo Martínez, e a de Turismo, Ana Basoa; e Calros Silvar, en representación dos artistas.
24-07-2021 -

"Seremos grandes cando cada amencer sexa da Patria, das nais, dos pais e do pobo"

Con estas verbas comezaba hoxe a súa intervención o director da banda de gaitas Airiños de Fene, Miguel Doval, autor da "Declaración Institucional" que o Concello encarga cada ano a persoas relacionadas con Fene que se significan pola súa traxectoria social e cultural. Durante a súa intervención, o músico e compositor serviuse da linguaxe musical para pedir que "sementemos identidade, que o noso latexo sexa a ritmo de muiñeira, que as alboradas aneguen as mañás da nosa música e que cada día sexa na nosa fala, sen traducións, sen tabues".
 
23-07-2021 -

Bando do Día da Patria Galega

Perante a proximidade do 25 de xullo, Día da Patria Galega, o alcalde de Fene, Juventino Trigo, vén de publican un bando municipal no que salienta que se achega "unha xornada de festa e reivindicación na que o pobo galego con identidade propia, con lingua de seu, co noso himno e bandeira reforza e se reafirma nestes símbolos que expresan a vontade colectiva dunha nación que, sen límites, procura o lugar que por dereito propio lle corresponde". Asemade, no documento anima á veciñanza de Fene a "darlle a este 25 de xullo o ambiente de festa grande", pendurando dos balcóns e fenestras de Fene as bandeiras galegas, "expresión hoxe de azos para nosa terra, un país que desexamos próspero e dono dun futuro mellor".
 
23-07-2021 -

O acto institucional do Día da Patria Galega trasládase ao Salón de Plenos do Concello

Por mor das previsións meteorolóxica que anuncian choiva na mañá deste sábado, 24 de xullo, o Goberno Municipal de Fene acordou trasladar o acto institucional do Día da Patria Galega ao Salón de Plenos Municipal. Comezará ás 13.00 horas e contará coas intervencións do autor da declaración institucional deste ano, o director da banda Airiños de Fene, Miguel Doval, do  concelleiro de Cultura, Justo Ardá  e  do  alcalde  de Fene, Juventino Trigo. Ao remate do acto soará o Himno Galego.