A empresa Ponciano Nieto S.L. iniciou esta semana as obras de renovación do pavimento na trama única formada polas rúas Doutor Francisco Malvar Vázquez e Muíños, onde tamén se aproveitará para cambiar a rede de saneamento. Os traballos desenvolveranse en tres fases. Unha, a xa iniciada, consistente en marcar o alcance da obra e en facer catas de comprobación da situación exacta das conducións soterradas. A seguinte fase cortará o tráfico na Rúa dos Muíños desde este luns até o día 19 de setembro -excepto para o acceso a garaxes- en ambas marxes entre o Forno O Cruce e aproximadamente o portal nº 83. O Concello solicita a colaboración veciñal para que este tramo concreto se deixe libre de vehículos a partir das 18:00h do domingo, de cara a que na mañá do luns o persoal da empresa poida traballar sen obstáculos. A terceira fase das obras, na outra metade da rúa, tamén restrinxirá o aparcadoiro e a circulación desde o 19 ao 30 de setembro. Para minimizar os inconvenientes, o Concello habilitará como estacionamento alternativo un terreo situado á beira da Rúa da Fraga.