Novas

22-06-2021 -

Fabrica e utiliza o teu compost

O Concello de Fene, a través da Concellería de Medio Ambiente, ven de sumarse ao programa de compostaxe doméstica de Sogama. Froito desta inciativa, a empresa pública entregará ao Concello 30 composteiros que se distribuirán entre a veciñanza de Fene que queira participar no proxecto, recibindo ademais un manual e unha formación ao respecto. As persoas que queiran recibir o composteiro poden enviar xa un correo a fenemedioambiente@fene.gal, indicando os seus datos persoais e de contacto xunto co enderezo da finca (horta, xardín ou terra de cultivo) que, como único requisito, deberá estar ubicada no termo municipal de Fene.
 
22-06-2021 -

Semanas intensas para o alumnado do Inicia V

O alumnado do Obradoiro de emprego de garantía xuvenil Inicia V rematou a semana pasada a  instalación da varanda frontal, para a protección contra caídas, do graderío inferior do Campo de Fútbol Municipal de Prados Vellos no Concello de Ares (actuación do proxecto solicitado).

Ademais o xoves día 17, os 16 alumnos/as da especialidade de Fabricación e montaxe de instalacións de tubaxe industrial, realizaron unha saída didáctica ao CIFP Ferrolterra e ao Centro de Investigacións tecnolóxicas do Campus de Ferrol,  acompañados pola directora, o docente da especialidade e as docentes de formación empresarial e educación básica.

O alumnado deste Obradoiro pertenence aos concellos de Fene, Ares, Mugardos, Neda e Cabanas e rematarán o vindeiro mes de setembro, despois dun ano, o seu proceso de formación e aprendizaxe.
21-06-2021 -

A Casa do Concello de Fene iluminarase esta noite en verde por mor da conmemoración do Día Mundial da ELA

Atendendo ao chamamento da Asociación Galega de Afectados por Esclerose Lateral Amiotrófica para que se iluminen neste 21 de xuño monumentos, Concellos e lugares emblemáticos de todo o territorio nacional,  dende a Concellería de Servizos Sociais de Fene acordouse o alumeado en verde do edificio situado na Praza do alcalde Ramón José Souto González.
21-06-2021 -

Espectáculo de clown e malabares, este venres en San Valentín con Moc Moc Saltimbanqui

“Apuntando ao corazón” é o título do espectáculo que o clown Moc Moc Saltimbanqui presentará este venres, 25 de xuño, ás 21.00 horas na Praza do CPS de San Valentín (entre os bloques 11 e 12). A función vai dirixida a todos os públicos, con entrada libre, de balde e aforo limitado, segundo a normativa COVID. Mazas, pelotas, lume, un paraugas, equilibrio e enerxía delirante “son as claves deste show que xa deu a volta ao mundo”.
18-06-2021 -

O vindeiro mércores cambia o horario da Biblioteca, Museo do Humor e Casa da Cultura de Fene

Coa chegada do verán, a concellería de Cultura informa do cambio de horario da Casa da Cultura de Fene (Biblioteca Municipal, aula de estudo, Museo do Humor e sala de exposicións temporais) que coincidirá, como é habitual, co comezo das vacacións escolares. Así, dende o mércores 23 de xuño e até o vindeiro 8 de setembro, inclusive, o horario da instalación será de luns a venres, de 10.00 a 14.15 horas. Sábados, domingos e festivos, a Casa da Cultura de Fene permanecerá pechada.
17-06-2021 -

Fene acolle este sábado unha nova edición da súa Fashion Night

Vintedous comercios e oito establecementos de hostalería tomarán parte este sábado na Fashion Night "Países do mundo", a edición temática máis internacional de todas as que se teñen organizado ate o de agora xa que, desta vez, cada un dos locais participantes representará a un país do mundo. O evento, organizado pola asociación de comercio, hostaleria e servizos O Cruceiro, coa colaboración da Concelleria de Promoción Económica e Turismo, incluirá descontos, degustacións, música, talleres infantís e pasarrúas a cargo da compañía de performances Pablo Méndez e do alumnado de Fusion Dance. Ademais, anúnciase un sorteo de 2.000 euros en vales de compra.
17-06-2021 -

Obradoiro dixital para a mocidade

Aberto o prazo de inscrición no obradoiro dixital dirixido á mocidade.  Acción formativa orientada á rapazada, a partir dos 12 anos, que se desenvolverá o día 28 de xuño de 11 h a 13h no salón de actos da Casa da Cultura.
15-06-2021 -

A Banda do Verán leva o seu espectáculo de danza, música e clown á Casa da Cultura de Fene

Danzamos no verán!!! é o espectáculo que o vindeiro xoves, 24 de xuño, presentará “A banda do verán” en Fene. A actividade, dirixida a público de educación infantil e primaria, comezará ás 12.30 horas no salón de actos da Casa da Cultura, con entrada de balde e aforo limitado, segundo a normativa COVID19. Para asistir a esta función, cómpre facer reserva de praza na Biblioteca Municipal, do 17 ao 23 de xuño, presencialmente ou no teléfono 981 342 302.

En “Danzamos no verán!!!” mestúranse a música e a danza con elementos teatrais ou de clown. Trátase dun espectáculo participativo cheo de música, de historias, de danza e coreografías que mergullan aos rapaces e rapazas nunha divertida festa e nun soño de verán…. O show está creado a partir do libro disco “Estamos no verán” da Editorial Galaxia (nomeado como mellor álbum en lingua Galega nos “VI Premios de la Música Independiente”). Estilos como o funk, o rock, o pop, o reggae ou a bossa nova atópanse neste espectáculo recomendado para os nenos e nenas de educación infantil e primaria.

A Banda do Verán está formada por músicos profesionais de contrastada solvencia que á súa vez exercen a docencia e que salientan pola súa experiencia laboral e didáctica na música e no teatro infantil. Desde o ano 2007 levan os seus espectáculo por toda Galicia e Portugal.
15-06-2021 -

Xaquín Marín Formoso, gañador na categoría de "persoas" do XII premio Rosalía de Castro de Lingua da Deputación da Coruña.

O alcalde, Juventino Trigo, e o Goberno Municipal de Fene felicitan ao debuxante fenés Xaquín Marín Formoso, gañador na categoría de "persoas" do XII premio Rosalía de Castro de Lingua da Deputación da Coruña. 

Á hora de outorgar o recoñecemento, o xurado do certame valorou" o compromiso continuado no tempo, o alcance social do seu traballo e o feito de facer humor gráfico nun contexto histórico de especial dificultade en plena ditadura franquista e en medios de comunicación onde a presenza do galego era residual". 

A candidatura de Xaquín Marín ao certame provincial foi presentada polas áreas de Museo e Normalización Lingüística, co apoio da concellería de Cultura e do Goberno Municipal de Fene. 

No mesmo certame, tamén acadaron recoñecemento a Agrupación Astronómica Coruñesa Ío, na categoría de entidades, e o Twitter en galego, para iniciativas de xente nova.
Máis información sobre o premio, na web da Deputación da Coruña  
https://bit.ly/3pTJzXO
14-06-2021 -

A Deputación e o Concello de Fene acordan solucións para a seguridade do tráfico na Armada, na Rúa da Fraga e na estrada Barallobre-San Marcos

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, reuniuse hoxe na sede da institución provincial co alcalde de Fene, Juventino Trigo, e os concelleiros de Urbanismo e Obras e Servizos, Manuel Polo e Mar Piñeiro. No encontro ambas Administracións acordaron poñer en marcha distintos proxectos para a mellora da seguridade de distintos viais da rede provincial de estradas ao seu paso polo municipio.