Novas

22-07-2021 -

A veciñanza de San Valentín continuará coas protestas en Abanca Fene mentres a entidade non se comprometa a manter a oficina no barrio

Arredor de medio cento de veciñas e veciños de San Valentín volveron concentrarse este xoves pola mañá diante da oficina de Abanca en Fene en protesta polo peche estival da sucursal do seu barrio e ante a falla de garantías sobre a súa reapertura tralo verán. A comitiva veciñal saiu sobre as 9.30 da mañá da Praza do 10 de Marzo e a iso das 10.15 concentrábanse xa diante da oficina bancaria do cruce de Fene, onde deixaron penduradas pancartas alusivas ao "abandono" por parte de Abanca da súa clientela. A intención da coordinadora veciñal é continuar coas medidas de presión todos os xoves, aínda que tamén avisan de que poderían amplialas ao resto dos días da semana se Abanca non se compromete a manter os servizos en San Valentín.
22-07-2021 -

Fene rexeita en pleno o proxecto do parque eólico Caaveiro

O Concello de Fene aprobou esta mañá por unanimidade de todos os grupos municipais unha declaración institucional rexeitando o proxecto do parque eólico Caaveiro, que lle afectaría tanto ao cordal de Marraxón como a outros puntos dos municipios de Neda, Cabanas e San Sadurniño, ademais de prever liñas de evacuación pola Capela e As Pontes. Malia recoñecer a necesidade de promover as enerxías renovables, o pleno aliñouse deste modo coa demanda veciñal de que se free o proxecto, instando ao Estado a que informe desfavorablemente a súa implantación polos "impactos negativos que se derivarían para o conxunto do territorio e a veciñanza".
22-07-2021 -

As obras realizadas co gallo da andaina debuxada poderán visitarse dende mañá venres

O froito creativo de “Viñetas do Camiño” materializarase na xornada de mañá venres nunha exposición ao aire libre que recollerá os vinte e catro debuxos realizados pola ducia de artistas que participaron na “Andaina Debuxada” dos días 12 e 13 de xuño, no marco do proxecto promovido polo Concello de Fene no marco do programa O Teu Xacobeo da Xunta de Galicia.
21-07-2021 -

Emoción, lembranzas e risos na entrega dos XII Premios Rosalía de Castro de Lingua da Deputacion da Coruña

A celebración da entrega dos Premios Rosalía de Castro 2021 a carón do Museo do Humor de Fene espertou nalgúns dos protagonistas do acto, organizado pola Deputación da Coruña coa colaboración do Concello de Fene, vellas e divertidas lembranzas que conduciron aos presentes a esa “patria da infancia” á que se refería primeiro o gañador do certame na categoría de “Persoas”, Xaquín Marín, e posteriormente o artista que engalanou a xornada: o compositor, músico e cantante Xabier Díaz. O acto desenvolveuse segundo o previsto e cun amplo respaldo da veciñanza de Fene e bisbarra, ao redor de 150 persoas que non quixeron perder a ocasión de arroupar na entrega dos premios a un dos seus veciños ilustres. Tamén recolleron senllos galardóns a vicepresidenta da Agrupación Astronómica Ío, Carmen Denébola Álvarez Seoane, en representación da “Entidade” recoñecida este ano, e Carlos García Vieito, promotor e xerente de Twitter en galego, o “Proxecto” premiado en 2021.
20-07-2021 -

Fene acollerá o sábado no Parque Liñal do Río Cádavo o acto institucional do Día da Patria Galega

O director da banda Airiños de Fene, Miguel Doval, asina este ano a declaración institucional polo  25 de xullo, Día da Patria Galega, no Concello de Fene. Ademais, será o encargado de lela este sábado nun acto que terá lugar ás 13.00 horas no Parque Liñal do río Cádavo, a carón do monumento 25 de xullo. Nel intervirán, amais do convidado, o concelleiro de Cultura, Justo Ardá, e o alcalde de Fene, Juventino Trigo. Posteriormente realizarase unha ofrenda floral no monumento ao Día da Patria Galega onde soará o Himno Galego.
19-07-2021 -

Este martes abre o prazo de reserva de entradas para o concerto do 30º aniversario de Amadeus

Mañá martes, 20 de xullo, ás 9.00 horas habilitarase en Ataquilla a reserva de entradas para o concerto que ofrecerá o grupo fenés Amadeus, con motivo do seu 30º Aniversario. A cita será o sábado 24 de xullo, ás 21.00 horas, na Praza do alcalde Ramón José Souto González. As entradas serán de balde ate completar aforo (200 localidades) pero cada persoa só poderá reservar un máximo de dous pases, rexistrando os datos das 2 persoas que acudirán ao mesmo.
16-07-2021 -

Xaquín Marín recibirá o vindeiro martes en Fene o Premio Rosalía de Castro que convoca a Deputación da Coruña

Fene será escenario este ano da entrega dos premios Rosalía de Castro de Lingua, certame que promove a Deputación Provincial co obxectivo de “recoñecer a personalidades e iniciativas que traballan na promoción do galego en todos os ámbitos”. O acto terá lugar o martes 20 de xullo ás 20.30 horas na Pista Municipal de Fonte do Campo, a carón do Museo do Humor de Fene, e contará coa presenza dos premiados, da deputada provincial de políticas de normalización lingüística, María Muíño Filgueira, e do alcalde de Fene, Juventino Trigo. Ao remate do acto, como colofón, subirá ao escenario de Fonte do Campo o cantante, compositor, investigador e compilador de música tradicional Xabier Díaz.
16-07-2021 -

O Concello de Fene adía o inicio da segunda quenda do campamento Un Verán Diferente por un positivo por covid entre o monitorado

A piques que finalizar a primeira quenda do campamento de verán que organiza en xullo a Concellería de Cultura de Fene e logo de coñecerse onte á tarde a nova de que un dos monitores da actividade dera positivo por Covid19, o Concello de Fene e a empresa que xestiona a actividade puxeron en marcha xa na mesma tarde do xoves os protocolos establecidos para facer fronte á situación. En primeiro lugar, comunicouse o caso ao Sergas para que se realicen o antes posible as labores de rastrexo e seguimento dos posibles contactos da persoa afectada. Tamén se informou ás familias dos/as participantes aos que se comunicou, ademais, a suspensión da última xornada do campamento prevista para hoxe venres.
15-07-2021 -

A oficina municipal de alegacións ao proxecto do parque eólico atenderá o luns 19 e o martes 20 pola mañá no salón de plenos

Trala xuntanza mantida hai uns días cos colectivos da zona norte do territorio, o Concello xa concretou os detalles do servizo de asesoramento á veciñanza que se vai poñer en marcha de cara á presentación de alegacións ao proxecto do parque eólico Caaveiro, que lle afectaría, no caso de Fene, ao cordal de Marraxón e aos límites con Neda e Cabanas. A oficina, atendida por avogados especializados en normativa eólica, atenderá o luns 19 e o martes 20 de xullo en horario de 9 a 14.00h. Por outra banda, o Concello tamén celebrará un pleno extraordinario esa mesma semana co obxectivo de fixar un posicionamento oficial da Corporación en defensa dos dereitos da veciñanza e do propio consistorio.   
14-07-2021 -

Este venres abre o prazo de reserva de entradas para os concertos que ofrecerán Sés e a Garufa Blue Devils Big Band con Sito Sedes

A pista municipal de Fonte do Campo, a carón da Casa da Cultura de Fene, acollera o mércores 21 de xullo, ás 21.00 horas, o concerto da “Garufa Blue Devils Big Band con Sito Sedes”. Ao día seguinte, o xoves 22 a protagonista será Sés nun concerto aprazado pola pandemia que, finalmente, terá lugar na Praza do alcalde Ramón José Souto González (Praza do Concello) a partir das 21.00 horas. Námbolos dous casos, as entradas para asistir aos concertos poranse a disposición do público este venres 16 de xullo, ás 9.00 horas, na páxina de Ataquilla.com. Serán de balde ate completar aforo (200 localidades) pero cada persoa só poderá reservar un máximo de dous pases, rexistrando os datos das 2 persoas que acudirán ao mesmo.