Novas

21-09-2021 -

Fene súmase ao Festival Teatral Entes Animados con funcións en Limodre e Sillobre esta fin de semana

Do venres 24 ao domingo 26 de setembro, os Concellos de Fene, Neda, Mugardos, Cabanas, Ares e Sada, xunto coa asociación veciñal de Canido e os establecementos La Room e Sevilla, de Ferrol, acollerán ao redor dunha quincena de espectáculos de monicreques, no marco do 3º Festival Teatral Entes Animados, FESTEA, que promove a Asociación Cultural Titerario. As citas en Fene serán no local da A.VV. de Limodre, este venres ás 20.00 horas, coa compañía portuguesa Rui Sousa, e en Agarimo de Sillobre, o domingo ás 13.00 horas, co grupo Flash Teatro. Námbolos dous casos, a entrada será libre até completar o aforo dispoñible.
20-09-2021 -

A Unidade Móbil do Centro de Transfusións de Sangue de Galicia achégase a Fene o 23 de setembro

O xoves 23 de setembro de 09.30 a 14.30 e de 15.30 a 21.00 horas a Unidade Móvil do Centro de Transfusións de Sangue de Galicia estará diante do Centro de Saúde de Fene.
As persoas que desexen doar sangue poden solicitar unha cita previa no teléfono gratuíto 900 100 828, sistema implantado para reforzar os protocolos de seguridade nas unidades móbiles e garantir unha afluencia axeitada e ordeada para cubrir as necesidades de sangue dos hospitais galegos.
17-09-2021 -

Solicitude de particulares, equipos non federados e asociacións deportivas para os pavillóns municipais de Fene

Logo da reserva de pistas dos clubs federados do Concello de Fene, ábrese o prazo para que os equipos non federados, asociacións deportivas e particulares poidan solicitar as horas que quedan libres.

O prazo de solicitude será do día 20 ao 27 de setembro.
As solicitudes poderán achegarse:
Presencialmente, no Rexistro Xeral de entrada do Concello de Fene, no primeiro andar da Casa do Concello (cómpre solicitar cita previa no teléfono 981 492 707)

Telemáticamente, a partir das 8:30 horas do día 20 de setembro no Rexistro Xeral do Concello de Fene (https://sede.fene.gal/opencms/gl)

Máis información no 981.34.03.66 ou a través da conta cultura.deportes@fene.gal
17-09-2021 -

A terra de Escandoi, a creación dun mundo...

Fene disponse a homenaxear os 25 anos na literatura e os 35 anos no xornalismo de Ramón Loureiro cun acto, organizado pola Concellería de Cultura e o Club de Prensa de Ferrol, que terá lugar o vindeiro xoves, 23 de setembro, ás 20 h nas instalacións do CMI Unidade de Fene. Dadas as limitacións de aforo, para asistir ao acto é imprescindible reservar praza antes das 12:00 h do 21 de setembro no correo electrónico cultura.deportes@fene.gal ou no teléfono 981 340 366.
17-09-2021 -

Concentración de condea e rexeitamento polo asesinato por violencia machista na Coruña

Dende a Concellaría de Igualdade do Concello de Fene, convócase ao persoal do Concello, ao persoal político e a todas as persoas que desexen unirse, a unha concentración silenciosa, hoxe venres ás  12:00 h, na porta da Casa do Concello para manifestar públicamente a condea e rexeitamento polo ASASINATO POR VIOLENCIA MACHISTA  de Mónica Marcos ocorrido na cidade da Coruña.

Agradecemos de antemán a vosa asistencia como xesto de condea, repulsa e solidariedade.
15-09-2021 -

5 persoas perceptoras da RISGA reforzan desde hoxe a limpeza viaria municipal

O Concello de Fene puxo en marcha a comezos do verán os programas de emprego PEL Reactiva, financiado pola Deputación da Coruña, e APROL Rural -cunha achega da Xunta-, a través dos que se promove a mellora da empregabilidade de persoas que, por distintas circunstancias, teñen dificultade para atopar un traballo. Entre os dous plans facilítaselles un emprego temporal a 10 mulleres e homes desenvolvendo tarefas no departamento de Servizos e na biblioteca. A eles e elas únenselles desde hoxe outras cinco persoas perceptoras da Renda de Inserción Social de Galicia que durante os próximos nove meses reforzarán a limpeza municipal.
15-09-2021 -

Fene abrirá en outubro o prazo de inscrición para as escolas culturais de música

A Concellería de Cultura publica a normativa xeral de matriculación para as escolas culturais municipais de piano-solfexo e guitarra, dirixidas a nenos/as a partir de cinco anos e poboación en xeral. Atendendo aos protocolos Covid, as persoas que desexen anotarse en calquera das dúas actividades, deberán solicitar cita previa do 1 ao 4 de outubro nos teléfonos 981 492 804 ou 607 626 812, de 8:30 e as 14:00. Unha vez solicitada a cita, presentaranse nas dependencias administrativas do Pavillón “A Xunqueira” de San Valentín no día e hora sinalados, tendo en conta que os días 5 e 6 de outubro realizaranse as inscricións para os residentes en Fene e o día 7 para a totalidade da poboación. Este novo curso das escolas culturais de música do Concello de Fene prolongarase dende o luns 18 de outubro de 2021 ao 31 de maio de 2022. A incorporación farase no primeiro día fixado para cada actividade.
13-09-2021 -

Cambio no horario da Biblioteca, Museo do Humor e Casa da Cultura de Fene

Co fin das vacacións escolares , a concellería de Cultura informa do cambio de horario da Casa da Cultura de Fene (Biblioteca Municipal, aula de estudo, Museo do Humor e sala de exposicións temporais) reanudando o horario habitual de inverno:
Casa da Cultura e Museo do Humor: de luns a venres, de 10.00 a 13.00 horas e de 16.00 a 21.00 horas, e os sábados, de 10.00 a 13.00 horas.
Biblioteca Municipal: de luns a venres de 16:00 a 21:00. Sábados de 10:00 a 13:00
13-09-2021 -

Cándido Pazó trae a Fene o seu espectáculo "Como dicía o outro"

Cándido Pazó visita Fene para presentarnos un espectáculo de narración oral con misturas de humor, emoción, imaxinación e memoria. Un monólogo cómico no que se enfían historias que se xestionan sobre a marcha, segundo o ambiente, o público, as circunstancias do día. En resumo, contos e lerias para tódolos públicos.
A actuación será no Local Social do ACRD O Pote de Maniños o venres, 17 de setembro de 2021 ás 21.00 horas
Un espectáculo dirixido a tódolos públicos con entrada de balde sen reserva até completar aforo
08-09-2021 -

Fene completa o acondicionamento dos centros do ensino xusto a tempo para o inicio do curso

A Concellaría de Ensino de Fene acaba de rematar os traballos de mantemento que habitualmente se desenvolven nos centros de ensino durante o verán co obxectivo de que todo estea listo para o comezo do curso. De acordo coa relación enviada polos equipos directivos de cada colexio, o Concello levou adiante nas últimas semanas pintados de aulas, reparacións de humidades e tamén tarefas de acondicionamento en patios e zonas axardinadas, que supuxeron un investimento aproximado de 4.000 euros. Só quedaría pendente un arranxo puntual na cuberta da cociña da escola infantil A Galiña Azul -dependente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar- para corrixir un problema de filtracións que o Concello agarda subsanar en cuestión de días.