Novas

15-11-2021 -

Avelino González pecha este venres o Novembro, mes do humor, do Museo do Humor de Fene

Xa esta aberto o prazo de reserva de invitacións para o espectáculo Contos que foron chistes que o monologuista e actor Avelino González ofrecerá este venres, 19 de novembro, a partir das 20.00 na Casa da Cultura de Fene. A función encádrase no Novembro, mes do Humor que a Concellería de Cultura está a desenvolver ao redor da conmemoración do aniversario do Museo do Humor. O ciclo, que comezou o pasado 5 de novembro con Duarte Galbán e continuou o día 12 con Marita Martínez, pecha esta semana con Avelino González sobre o escenario. A función será con entrada de balde e aforo limitado. Reserva de entradas a través do correo cultura.deportes@fene.gal, por whatsapp 607 625 357 ou no teléfono 981 340 366, indicando o nome e apelidos das persoas que queiran asistir e un teléfono de contacto.
12-11-2021 -

Anxo Mena obtén a XXXII edición do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé

Anxo Mena, nado en Carral en 1982 obtivo a XXXIV edición do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé, que convoca o Círculo Mercantil e Industrial-Unidade de Fene, co apoio do Concello de Fene. O xurado escolleu o libro de Mena, titulado Alimentar canarios con ovos da casa de entre 57 obras presentadas a concurso este ano.
11-11-2021 -

O Concello  finaliza a reparación das rúas dos Muíños e Doutor Francisco Malvar Vázquez

Hai escasos días e dentro do prazo de execución proposto pola empresa adxudicataria, remataron as obras de reparación das rúas Muíños e Doutor Francisco Malvar Vázquez, en pleno casco urbano de Fene. Os traballos consistiron na renovación das canalizacións soterradas da auga e o saneamento  na rúa Muíños e no posterior aglomerado de ambos eixos, situados nunha das zonas máis densamente poboadas do concello ademais de servir de conexión entre Naturais de Fene e a rúa da Fraga. O consistorio recepcionará as obras nos próximos días.
10-11-2021 -

Senta e sente, sube ás miñas rodas, unha actividade para concienciar sobre as barreiras arquitectónicas

A Concellería de Benestar Social e Igualdade organiza, coa colaboración da asociación sociocultural ASCM, a actividade `Senta e sente, sube ás miñas rodas´coa que se pretende concienciar aos políticos, profesionais e á poboación en xeral das dificultades que as persoas en cadeira de rodas están a sufrir no seu día a día pola existencia de múltiples barreiras arquitectónicas na rúa que son un impedimento de cara a lograr a súa plena inclusión. A actividade, que se desenvolverá o venres 19 de novembro entre as 10:00 e as 13:00 horas, terá como punto de partida a Praza do alcalde Ramón José Souto González. Nela, os/as participantes realizarán dous percorridos en cadeira de rodas polas rúas de Fene. E, no caso de choiva, farase un itinerario alternativo. 
10-11-2021 -

Encontro social para localizar ODS

Se estás interesada/o en erradicar a pobreza, loitar contra a desigualdade e a inxustiza, e poñer freo ao cambio climático, entre outros, acude o mércores 17 de novembro de 10:00 a 12:00 ao Salón de Actos da Casa da Cultura. 
Actividade enmarcada na no Plan Municipal do Concello de Fene para a consecución dos ODS (Obxectivos de Desenvolvemento Sostible), có apoio do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade.
 
09-11-2021 -

A monologuista e actriz Marita Martínez protagoniza a segunda función do Novembro, mes do humor

Quéroche un conto, é o título do espectáculo que a monologuista e actriz Marita Martínez presentará este venres, 12 de novembro, a partir das 20.00 na Casa da Cultura de Fene. A función encádrase no Novembro, mes do Humor que a Concellería de Cultura organiza ao redor da conmemoración do aniversario do Museo do Humor. O ciclo comezou o pasado venres con Duarte Galbán e, trala función desta semana, concluirá o venres 19 de novembro con Avelino González sobre o escenario. Todas as función son con entrada de balde e aforo limitado. Reserva de entradas a través do correo cultura.deportes@fene.gal, por whatsapp 607 625 357 ou no teléfono 981 340 366, indicando o nome e apelidos das persoas que queiran asistir e un teléfono de contacto.
09-11-2021 -

Servizos Sociais de Fene convida a que nos sumemos ao movemento do comercio xusto a través da peza teatral Vaia tea!

A Casa da Cultura de Fene acolle este xoves, 11 de novembro, ás 18.30 horas, a obra de teatro Vaia tea! coa que se pretende facer reflexionar á cidadanía sobre a orixe do que consumimos. A actividade enmárcanse na campaña Aquí e Acolá O Xusto, da ONG Solidariedade Internacional de Galicia, que trouxo a Fene tamén o pasado 24 de outubro a feira Comercio Con Sentido, de produtos de comercio xusto. A entrada ao espectáculo, recomendado para un público a partir de 12 anos, será de balde ata completar aforo.
08-11-2021 -

Últimos días para reservar invitacións para a función de A lúa vai encuberta, de Manuel María, no Concello de Fene

A montaxe, gañadora do II Certame Manuel María de Proxectos Teatrais, representarase o vindeiro domingo, 14 de novembro, ás 19.00 horas no local da SCRD Agarimo de Sillobre, da man das compañías Incendiaria e A Quinta do Cuadrante. O prazo de reserva de entradas para asistir á función está aberto até as 12.00 horas do venres día 12, por correo-e (cultura.deportes@fene.gal), whatsapp 607 625 357 ou teléfono 981 34 03 66, indicando o nome e apelidos das persoas que queiran asistir e un número de teléfono de contacto. Función organizada pola Concellería de Cultura de Fene, coa colaboración de Agarimo de Sillobre, e subvencionada pola Deputación da Coruña.
05-11-2021 -

O Concello de Fene licita a xestión do Punto Limpo de Vilar do Colo, compartido con Cabanas e Ares

A plataforma de contratación do Concello de Fene ten publicado desde hai uns días o procedemento mediante o que se seleccionará a empresa xestora do Punto Limpo do Vilar do Colo tras case nove anos de tentativas infructuosas para poñelo en marcha. Finalmente serán Fene, Cabanas e Ares quen compartan o servizo e asuman proporcionalmente os seus custes, logo de asinaren en abril pasado o correspondente acordo de colaboración intermunicipal. No documento delegábase no concello fenés a tramitación dun contrato cuantificado en algo máis de 207.000 euros, IVE incluído, para o conxunto dos próximos tres anos. As empresas do sector poden presentar as súas ofertas á baixa sobre ese prezo até as 23:59 h do próximo 15 de novembro, tendo en conta que, ademais da xestión das instalacións e o tratamento dos refugallos, tamén se lles esixirá incorporar persoal con dificultades de inserción no mercado laboral.
03-11-2021 -

Subvencións ás familias para a adquisición dos agasallos de Reis

A publicación do anuncio da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia do 3 de novembro establece a apertura do prazo de presentación de solicitudes dende mañá, e por un prazo de 22 días hábiles.

Van dirixidas ás familias con nenos e nenas nados/as haxan nados/as no ano 2004 e posteriores, ou maiores desta idade e nados/as no ano 2003 e posteriores sempre que teñan o recoñecemento oficial de minusvalía ou grao de discapacidade.

Coas subvencións cubriranse os gastos derivados da adquisición de agasallos para a festividade de Reis, a saber: xoguetes, xogos, libros, material didáctico e outros obsequios que correspondan coa idade do ou da menor a quen vai dirixida a axuda, sempre que estes sexan adquiridos no período comprendido entre o día de apertura da presente convocatoria e o día 6 de xaneiro de 2022.

Con carácter xeral poderase xustificar a subvención con gasto relativo á adquisición de roupa, calzado ou material deportivo sempre que o importe total do gasto realizado non supere o 75% da axuda concedida.