O Concello de Fene e a Asociación de comercio, hostalaría e servizos O Cruceiro rubricaron o pasado venres o convenio nominativo mediante o cal a Administración local compromete unha achega de 10.000 euros para o financiamento das campañas de dinamización "Merca en Fene" desenvolvidas pola entidade entre o 1 de xaneiro e o 11 de decembro deste ano. Entre elas cóntanse os Outlets de inverno e verán, a Fashion Night do mes de xuño e os eventos promocionais coincidentes con datas sinaladas como Reis, o Entroido, o "Black Friday" ou o Nadal.
No acto de sinatura do convenio participaron o alcalde de Fene, Juventino Trigo, Xoán Manoel Ramos en representación da asociación O Cruceiro, e tamén a concelleira responsable de Promoción Económica, Ángeles Coira, quen destacou "o importante labor de dinamización" que leva a cabo a entidade, da que forman parte 58 negocios relacionados co comercio, a hostalaría e a prestación doutros servizos.