Novas

07-11-2022 -

Gisela Mato Rivera acada o XXXV Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé

Gisela Mato Rivera, nada na emigración en Xenebra en 1978, é a gañadora da XXXV edición do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé, que convoca o Círculo Mercantil e Industrial-Unidade de Fene co apoio do Concello de Fene. O xurado, reunido o pasado venres, escolleu o libro de Mato, titulado Fraxilidades de entre 74 obras presentadas a concurso este ano. Trátase da XXXV edición deste Premio, creado para homenaxear ao poeta fenés Xosemaría Pérez Parallé, coñecido como O Segrel do Penedo. Poeta popular, activista literario, promotor da celebración en Galicia do Día das Letras Galegas que fora instituído polas colectividades galegas do exilio.
03-11-2022 -

Galician horror story, das Izquierdo Sisters, abre este venres o ciclo Novembro, mes do Humor do Concello de Fene

Coincidindo coa inauguración da exposición e a entrega dos Premios Curuxa 2022, comeza este venres no Museo do Humor Xaquín Marín o ciclo de monólogos “Novembro, mes do Humor”. Nesta primeira función, prevista para as 20.00 horas, subirán ao escenario Marita Martínez e Lucía Veiga, as Izquierdo Sisters, cunha proposta escénica hilarante pero terrorífica á vez, “Galician horror story”. A entrada ao espectáculo, dirixido a público adulto, será de balde até completar o aforo (100 localidades).
02-11-2022 -

O Museo do Humor Xaquín Marín entrega este venres os Premios Curuxa 2022

Coa entrega dos premios Curuxa do Humor 2022, o Museo do Humor Xaquín Marín comeza este venres, 4 de novembro, as actividades do seu aniversario. Nun acto que comezará ás 20 horas no salón de actos da Casa da Cultura, os debuxantes Ricardo Olivera Almozara, “Fritz”, Manuel Alejandro Vázquez Búa, Pedro Bouza Bernárdez e Andrés Chinchilla Argibay recibirán da man do alcalde de Fene, Juventino Trigo, e do concelleiro de Cultura, Justo Ardá, os diplomas que os acreditan como gañadores do certame este ano. Unha hora antes, ás 19 horas, representantes da Corporación Municipal de Fene recibirán aos autores premiados na sala de exposicións temporais do museo onde se amosarán, até finais do mes de novembro, os debuxos premiados e unha selección das obras que se presentaron este ano ao certame.
31-10-2022 -

Subvencións ás familias para a adquisición dos agasallos do Nadal

O Concello ven de convocar as subvencións dirixidas ás familias para a adquisición de agasallos para a festividade de Nadal.

A publicación do anuncio da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia do 31 de outubro establece a apertura do prazo de presentación de solicitudes por un prazo de 15 días hábiles. Isto é, do 2 ao 22 de novembro, ambos inclusive.

Van dirixidas ás familias con nenos e nenas nados/as haxan nados/as no ano 2005 e posteriores, ou maiores desta idade e nados/as no ano 2004 e posteriores sempre que teñan o recoñecemento oficial de minusvalía ou grao de discapacidade.

Coas subvencións cubriranse os gastos derivados da adquisición de agasallos para a festividade de Nadal, a saber: xoguetes, xogos, libros, material didáctico e outros obsequios que correspondan coa idade do ou da menor a quen vai dirixida a axuda, sempre que estes sexan adquiridos no período comprendido entre o día de apertura da presente convocatoria e o día 6 de xaneiro de 2023.

Con carácter xeral poderase xustificar a subvención con gasto relativo á adquisición de roupa, calzado ou material deportivo sempre que o importe total do gasto realizado non supere o 75% da axuda concedida.
28-10-2022 -

O proxecto Ártabro Inclusivo recibe o recoñecemento como mellor proxecto na categoría de Concellos entre os realizados no GALP Golfo Ártabro Norte

O proxecto Ártabro Inclusivo recibiu o pasado xoves o recoñecemento como mellor proxecto na categoría de Concellos entre os realizados no GALP Golfo Ártabro Norte ao abeiro do programa FEMP 2014-2020 e difusión de boas prácticas. A iniciativa, impulsada polos Concellos de Fene, Narón e Ferrol e que ten como obxectivo retirar do mar plásticos e restos de madeiras para darlle unha nova vida a este material transformándoo en diversos obxectos, foi seleccionada xunto con outras por unha comisión da xunta directiva do GALP e votada maioritariamente nas redes sociais. O evento serviu para facer balance sobre todo o acontecido nesta etapa e tamén para poñer en valor o esforzo de todas as entidades, promotores e emprendedores que impulsaron iniciativas.

A entrega de recoñecementos -unha placa e un pequeno agasallo- organizouse á maneira dos galardóns cinematográficos coa xornalista Marta Docampo como presentadora, e foi moi ben acollida polas persoas asistentes pola súa esmerada preparación e orixinalidade. Foron o alcalde de Fene, Juventino Trigo, e a técnica do Concello fenés María Belén Souto os encargados de recoller o premio, que ten como finalidade -como os do resto das categorías- darlle maior visibilidade ao proxecto
28-10-2022 -

O ciclo Novembro, mes do Humor trae a Fene ás Izquierdo Sisters, María da Pontragha, Oswaldo Digón e Marta Doviro

O venres 4 de novembro bota a andar no Museo do Humor Xaquín Marín o ciclo de monólogos “Novembro, mes do Humor” que organiza anualmente o Concello de Fene para conmemorar o aniversario deste centro. Catro espectáculos compoñen o programa desta edición que contará coas actuacións das Izquierdo Sisters (4 de novembro), María da Pontragha (11 de novembro), Oswaldo Digón (18 de novembro) e Marta Doviro (25 de novembro). A primeira función, o venres 4 ás 20 horas, coincidirá coa apertura e inauguración da exposición dos Premios Curuxa 2022 e coa entrega dos galardóns do certame de humor gráfico que organiza anualmente o museo fenés. A entrada para todos os espectáculos, dirixidos a público adulto, será de balde até completar o aforo (80 localidades).
28-10-2022 -

O ciclo Novembro, mes do Humor trae a Fene ás Izquierdo Sisters, María da Pontragha, Oswaldo Digón e Marta Doviro

O venres 4 de novembro bota a andar no Museo do Humor Xaquín Marín o ciclo de monólogos “Novembro, mes do Humor” que organiza anualmente o Concello de Fene para conmemorar o aniversario deste centro. Catro espectáculos compoñen o programa desta edición que contará coas actuacións das Izquierdo Sisters (4 de novembro), María da Pontragha (11 de novembro), Oswaldo Digón (18 de novembro) e Marta Doviro (25 de novembro). A primeira función, o venres 4 ás 20 horas, coincidirá coa apertura e inauguración da exposición dos Premios Curuxa 2022 e coa entrega dos galardóns do certame de humor gráfico que organiza anualmente o museo fenés. A entrada para todos os espectáculos, dirixidos a público adulto, será de balde até completar o aforo (80 localidades).
27-10-2022 -

O Concello de Fene destina 13.000 euros a colaborar coas comisións de festas na contratación de orquestras

As comisións de festas patronais e populares de Fene teñen ata o día 9 de novembro para presentar as solicitudes da liña de subvencións aberta polo Concello para colaborar con elas nos gastos organizativos, ao tempo que se contribúe á recuperación económica do sector das verbenas, un dos máis afectados polo parón da pandemia.  As axudas, encadradas no PEL da Deputación da Coruña, teñen unha dotación económica global de 13.000 euros e poderán cubrir até o 80% dos custes de contratación das orquestras que vaian actuar ou actuasen xa en festexos celebrados entre o 1 de xaneiro e o 15 de decembro deste ano. As instancias e outra documentación haberá que presentalas no Rexistro municipal ou a través da Sede Electrónica.
27-10-2022 -

O Concello de Fene ultima o acondicionamento do aparcadoiro provisional da rúa Lameiro

En resposta a unha demanda do comercio local en relación coa mellora do aparcamento na zona urbana, o Goberno Municipal de Fene deu luz verde ao acondicionamento do aparcadoiro provisional da rúa Lameiro, en Perlío. A actuación, realizada pola brigada de Obras do Concello,  consiste na limpeza da parcela,  o aporte de material e posterior compactado para eliminar fochancas e ter unha superficie cunha rodadura óptima. Os traballos quedarán rematados esta mesma semana.

En palabras do alcalde de Fene, Juventino Trigo, con esta intervención "mellorará a calidade do aparcamento na zona comercial de Fene e Perlío amais de resolver o problema do estacionamento de vehículos da propia veciñanza". Neste senso, afirmou o primeiro rexedor, "cómpre agradecer á propiedade a colaboración  coa veciñanza e o Concello, cedendo durante anos a parcela para aparcamento provisional". Coa chegada do inverno e a proximidade das festas do Nadal, "Fene debe contar con boas zonas de aparcamento para dar acollida a centos de persoas que acuden ao noso concello, tanto para realizar as súas compras como para participar nas diferentes actividades que aquí se desenvolven"
26-10-2022 -

O investigador Manuel Collado fala este xoves sobre a “procura da fonte da xuventude” no ciclo Contando Ciencia

O ciclo Contando Ciencia, que organiza a Biblioteca “O Segrel do Penedo” do IES de Fene coa colaboración da Concellería de Ensino, trae esta semana a Fene ao investigador do Sergas Manuel Collado Rodríguez. A cita será o xoves, ás 19.30 horas, no salón de actos da Casa da Cultura, con entrada libre e de balde até completar o aforo. Esta segunda charla do ciclo xirará en torno á “procura da fonte da xuventude”.