Novas

25-10-2022 -

O Concello de Fene demanda do Goberno do Estado a humanización da N-VI ao seu paso pola zona urbana

O Delegado do Goberno en Galicia, José Manuel Miñones Conde, fixo esta mañá unha visita institucional ao Concello de Fene para expresar "o compromiso do Goberno coas infraestruturas e programas en marcha", sobre todo aqueles relacionados co Plan Único do Ministerio de Asuntos Económicos, que prevén ampliar a banda larga a 1.300 fogares e empresas fenesas, ou as axudas do Programa PIREP para a rehabilitación e mellora da eficiencia enerxética de edificios públicos, ao que Fene solicitou acollerse cun proxecto no Pavillón da Xunqueira cuantificado en 1,6 millóns de euros. O Delegado do Goberno, comentou ademais con Juventino Trigo o investimento previsto na Casa Cuartel da Garda Civil e outras liñas de axuda dirixidas a municipios e particulares.
21-10-2022 -

Fene súmase á conmemoración do 25º aniversario do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade conmemora hoxe os seus 25 anos de andaina cun gran acto no que se recoñece o labor dos concellos fundadores -entre os que se atopa o de Fene- e das entidades que impulsaron esta rede na que un cento de municipios e tres deputacións comparten un firme compromiso cos Dereitos Humanos e coa loita contra a pobreza e as desigualdades a nivel global. Representantes da administración local, da Xunta de Galicia e da Delegación do Goberno participan neste evento no que os países do Sur están representados polo presidente da Asociación Nacional de Municipios Caboverdianos. 
21-10-2022 -

Asinados os convenios de colaboración correspondentes ás subvencións nominativas a entidades culturais e deportivas de Fene

O alcalde de Fene, Juventino Trigo, e representantes das asociacións AVV Magalofes, AVV Limodre, CMI Unidade de Fene, Airiños de Fene, ACRD O Pote, CPS San Valentín, Liga de Amigos de Barallobre, Anpas de Centieiras e Os Casais, Escudería Scratch e Asociación de Voluntarios de Protección Civil, reuníronse este mediodía na Casa do Concello para asinar os convenios de colaboración entre o Concello de Fene e as distintas entidades. Convenios que no seu conxunto (incluídos os xa asinados previamente con Os Centolos e Felicia), ascenden a 58.000 €, dos cales 44.300 € son para entidades culturais; 5.500 € para ANPAS; 5.000 para entidades deportivas e 3.000 para voluntariado de Protección Civil.
21-10-2022 -

Paco Nogueiras presenta “C@nto contigo” o vindeiro mércores na Casa da Cultura de Fene

“Música, baile e risas para sacar a lingua a voar, achegando o galego á xente miúda e ás súas familias de xeito lúdico e divertido”. Defínese así o espectáculo “C@nto contigo” que o actor e músico galego Paco Nogueiras trae a Fene o vindeiro mércores, 26 de outubro. A actuación será ás 18 horas no salón de actos da Casa da Cultura, no marco da Rede de Dinamización Lingüística da Xunta de Galicia que ten como oxectivo “a promoción do uso da lingua galega”. Entrada de balde até completar o aforo.
 
20-10-2022 -

XXXIV Xuntanza de Gaiteiros de Airiños de Fene

O sábado 29 de outubro a partir das 19.30 horas, a Banda de Gaitas Tradicional Airiños de Fene celebrará na sociedade Agarimo de Sillobre a XXXIV Xuntanza de Gaiteiros, encontro que vén organizando todos os anos desde 1988 coa colaboración do Concello de Fene. Nestas xuntanzas, amais da participación de distintas bandas, grupos ou músicos, aprovéitase a ocasión para realizar unha homenaxe a algunha persoa, grupo ou entidade que se caracterizou por gardar, recoller, recuperar e dar a coñecer a nosa música tradicional. Nesta XXXIV Xuntanza, Airiños homenaxeará ao Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira.
20-10-2022 -

Taller de defensa persoal, autoconfianza e empoderamento para rapazas entre 13 e 18 anos

A Concellaría de Benestar Social e Igualdade de Fene abre o prazo para participar no taller “Defensa persoal, autoconfianza e empoderamento” que se desenvolverá durante 9 meses, de novembro de 2022 a xuño de 2023, os martes e xoves de 18:30 a 19:45 horas nas instalacións do C.M.I. Unidade de Fene. A actividade é gratuita e vai dirixida a mulleres de entre 13 e 18 anos co obxectivo de "formalas en defensa persoal e así mellorar a confianza en sí mesmas, tendendo ao seu empoderamento". Así, as participantes aprenderán a defenderse empregando técnicas de distintas disciplinas como Kicboxing ou Taekwondo.
19-10-2022 -

O Concello de Fene mellorará as comunicacións con Vilar do Colo desde Barallobre e Maniños

O Concello de Fene adxudicou recentemente en 112.410 euros as obras de mellora dos accesos ao Vilar do Colo desde o cemiterio municipal e desde a estrada dos Casais. Dúas vías secundarias moi utilizadas por persoas traballadoras e tamén por veciñanza en xeral que acode aos distintos servizos dispoñibles no polígono. De feito, o proxecto adxudicado a Canarga Construcciones S.L. prevé mellorar a seguridade nun tramo da Rúa das Áncoras e, en colaboración co Concello de Cabanas, tamén a rotonda de acceso á vía rápida VG-1.2 e á AP-9.
17-10-2022 -

O ciclo Contando Ciencia aborda o xoves 27 de outubro a investigación “na procura da fonte da xuventude”

O investigador do Sergas Manuel Collado Rodríguez é o protagonista da segunda sesión do ciclo Contando Ciencia, que organiza a Biblioteca “O Segrel do Penedo” do IES de Fene coa colaboración da Concellería de Ensino. A cita será o xoves 27 de outubro, ás 19.30 horas na Casa da Cultura de Fene, con entrada libre e de balde até completar o aforo. E o tema que abordará será o da “procura da fonte da xuventude”.
13-10-2022 -

A cuarta “Andaina por Fene” percorrerá a parroquia de Magalofes o sábado 22 de outubro

Xa está aberto o prazo para apuntarse na ruta por Magalofes que organizan a Concellería de Deportes e a AVV Magalofes para o sábado 22 de outubro, a partir das 11.00 horas (agrupamento ás 10.45 horas). A andaina comezará no local da entidade para continuar por Picas, Punxeiro, Fontenova, Muíño do Redondo e Igrexa, e volta ao punto de saída tras percorrer uns 5 quilómetros de dificultade baixa e cunha duración aproximada de 2 horas. A participación é de balde, pero cómpre anotarse (antes do venres 21 de outubro ás 13.30 horas) no teléfono 630 994 459.
13-10-2022 -

Escolas culturais de música que entran en funcionamento no curso 2022-23

A Concellería de Cultura informa que, en base á matriculación rexistrada, as Escolas Culturais de Música que entrarán en funcionamento no curso 2022-2023 son: piano-solfexo e guitarra (iniciación). O alumnado de piano-solfexo comezarán as aulas a partir do luns, 17 de outubro, no día e hora que se lle asignou ao efectuar a matriculación e que poden comprobar no cadro que figura ao pé desta nova. As aulas impartiranse na Casa da Cultura e Escola da Fonte do Campo. O alumnado de guitarra (iniciación) comeza as aulas o martes, 18 de outubro, ás 16:30 h na Casa da Cultura