Novas

11-10-2022 -

Entidades culturais, educativas e deportivas poden solicitar as axudas para as actividades organizadas en 2022

Coa publicación do extracto da convocatoria no BOP, o Concello de Fene abre este xoves o prazo de solicitude de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, a entidades sen fins de lucro para o ano 2022. O obxectivo da convocatoria é “apoiar ás entidades municipais sen ánimo de lucro no desenvolvemento de actividades culturais, deportivas e educativas que favorezan a participación entre a veciñanza”, amais de contribuír ao financiamento dos gastos de funcionamento das mesmas. As sociedades culturais, deportivas ou Anpas interesadas en acollerse á convocatoria, deberán presentar as súas solicitudes no Rexistro Xeral do Concello, sede electrónica, até as 14:00 h do vindeiro 26 de outubro.
11-10-2022 -

A segunda temporada de Rapa tamén chega a San Valentín

A produtora Portocabo tamén elixiu localizacións en Fene para a segunda temporada da serie "Rapa", de Movistar+, protagonizada por Javier Cámara e Mónica López. Aínda que a maioría das filmacións se están desenvolvendo na cidade de Ferrol e nas instalacións do Arsenal, dúas das escenas van gravarse durante este mércores na contorna do paseo marítimo de San Valentín. Por este motivo, a partir das 20:00h de hoxe martes e ata aproximadamente as 21:00h de mañá  estará prohibido aparcar diante do CPI A Xunqueira e da pista polideportiva de San Valentín. Ademais, entre as 14:00 e as 21:00h de mañá, festivo estatal, tamén permanecerá cortado ao tráfico o tramo da avenida comprendido entre o antigo Mercadona e o parque da Xunqueira. Neste sentido, a entrada e saída do barrio deberá facerse por itinerarios alternativos que estarán debidamente sinalizados pola Policía Local.
10-10-2022 -

Ampliación de horarios e servizo especial de transporte ao cemiterio municipal no Día de Todos os Santos e Día de Defuntos

Con motivo do Día de Todos os Santos e o Día de Defuntos, o Concello de Fene informa da ampliación de horarios do cemiterio municipal, así como da posta en marcha dun servizo de transporte especial.
 
Isto é, os día 1 e 2 de novembro o cemiterio permanecerá aberto ao público ao mediodia de maneira ininterrompida.
O horario nas instalacións municipais será, para o 1 de novembro, de 8 a 22 horas, e o 2 de novembro, de 10 a 20 horas.
Infórmase que o día 1 de novembro ás 17.00 h oficiarase unha misa.
Por outra banda, o servizo de transporte especial realizarase conforme ás seguintes datas e horarios:
31 de outubro, en horario de tarde
1 de novembro, e o  mércores día 2, horario de mañá e de tarde.
No horario de mañá, a saída está prevista do cuartel da Garda Civil ás 10 horas e o regreso estímase ás 12 horas. No horario de tarde, a saída, do mesmo punto, será ás 16 horas e o regreso ás 18 horas. Námbolos dous casos, o autobús realizará o percorrido e paradas habituais. 
10-10-2022 -

21 familias participan no programa "Educando en familia"

Esta semana botou a andar o programa "Educando en familia" organizado pola Concellaría de Servizos Sociais de Fene. A través de encontros semanais guiados pola terapeuta Virginia Castro, as 21 familias participantes terán a oportunidade de aprender de aquí a xuño distintas técnicas relacionadas coa xestión de conflitos e a educación emocional, pero tamén recomendacións sobre pautas e límites que se deben marcar no núcleo familiar co obxectivo de establecer relacións de confianza que favorezan o correcto desenvolvemento durante a etapa infantil e a adolescencia.

Servizos Sociais dividiu a actividade en dous grupos, un os martes de 16:30 a 18:00h e outro os venres entre as 9:30 e as 11:00h., coa finalidade de que as persoas participantes puidesen conciliar a asistencia co traballo ou outras obrigas.
10-10-2022 -

21 familias participan no programa "Educando en familia"

Esta semana botou a andar o programa "Educando en familia" organizado pola Concellaría de Servizos Sociais de Fene. A través de encontros semanais guiados pola terapeuta Virginia Castro, as 21 familias participantes terán a oportunidade de aprender de aquí a xuño distintas técnicas relacionadas coa xestión de conflitos e a educación emocional, pero tamén recomendacións sobre pautas e límites que se deben marcar no núcleo familiar co obxectivo de establecer relacións de confianza que favorezan o correcto desenvolvemento durante a etapa infantil e a adolescencia.
07-10-2022 -

O paseo marítimo de San Valentín acolleu esta mañá o obradoiro de debuxo urbano People and Planet

Alumnado de 2 de bacharelato do IES de Fene participou na xornada de hoxe nun obradoiro de debuxo urbano, buscando coa actividade a súa sensibilización sobre a emerxencia climática e a necesidade de protección cara o medioambiente a través do debuxo. 

O curso, organizado polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade coa colaboración da Concellería de Servizos Sociais de Fene encádrase no proxecto europeo ‘People and Planet’ cuxo obxectivo é empoderar e mobilizar á xente nova na loita contra o cambio climático, ligando cuestións locais con problemáticas globais que teñen impacto na vida das persoas en calquera lugar do mundo.
As obras que realizaron os/as participantes terán unha vida posterior tanto online como offline. Por unha parte, exporanse fisicamente nun espazo facilitado polo concello, complementándoas do xeito que sexa necesario para espallar a sensibilización. Doutra banda, dixitalizaranse para difundir a través da páxina web do proxecto, redes sociais, etc. a xeito de exposición virtual. Ademais, da actividade xurdirá un “tool kit” que permitirá replicala noutros lugares.

#PeopleAndPlanet
 
06-10-2022 -

Fene acollerá tres cursos gratuítos do proxecto “Muller Dixital”

“Mellorar as competencias dixitais e aproveitar as posibilidades asociadas ás tecnoloxías”, son os principais obxectivos de tres novas accións formativas que se impartirán na Casa da Cultura de Fene a partir do vindeiro luns 17 de outubro. Trátase de cursos de competencias dixitais básicas, avanzadas e para o emprendemento, enmarcados no programa “Muller dixital” da Consellería de Promoción Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia. Segundo informa a Concellería de Formación e Emprego de Fene, as persoas que realicen os cursos recibirán ao rematar, amais do correspondente certificado, unha tablet de 10” de regalo.
06-10-2022 -

O Concello inviste 123.000 euros en dous proxectos  de obras en Sillobre e Barallobre

O Concello de Fene acaba de rematar dúas obras relacionadas con servizos básicos executadas nas parroquias de Sillobre e Barallobre. Dunha banda, en Sillobre levouse a cabo a mellora do pavimento e a instalación das canalizacións soterradas de auga e sumidoiros no Camiño do Ortel, nas que se investiron 63.162 euros e, doutra, a ampliación das redes de abastecemento e saneamento nos camiños dos Loureiros, o Catalán e a Vrea, en Barallobre, ás que se destinarán outros 60.325 euros. As obras, recepcionadas nestes días, contan con financiamento do POS+ e non son as únicas que están en marcha ou a piques de comezar no territorio. De feito, este outono promete ser de grande actividade en distintos puntos de Fene coa execución inminente doutros catro proxectos de infraestruturas por un valor global cercano aos 443.000 euros.
06-10-2022 -

O Concello de Fene abre o prazo de solicitude das axudas do Bonobús Universitario 2022-23

Coa publicación no Boletín Oficial da Provincia das bases da convocatoria de subvencións ao transporte de estudantes universitarios/as que cursen estudos nos campus da Coruña durante o curso 2022-2023, dende o venres 7 ao luns 17 de outubro poden presentarse solicitudes no Concello de Fene. O programa ten como obxectivo “facilitar o desprazamento diario de luns a venres no traxecto Fene-A Coruña-Fene para o estudantado universitario fenés nun campus da cidade de A Coruña durante o curso 2022-2023”. Para información ou consultas relacionadas coa subvención do Bonobús Universitario, a veciñanza pode chamar ao teléfono 981 340 366.

As solicitudes formalizaranse no modelo de solicitude establecido (que se pode descargar na web municipal www.fene.gal) e presentarase no Rexistro Xeral do Concello por vía telemática ou por vía presencial en días laborables, de luns a venres, en horario de 08.30 a 14.00 horas
05-10-2022 -

Servizos Sociais pon en marcha un curso de empoderamento e autodefensa persoal para mulleres

Esta mañá comezou nos ximnasio da Casa da Cultura o curso "Empoderamento e autodefensa persoal" organizado pola Concellaría de Servizos Sociais co obxectivo de facilitarlles ás mulleres participantes técnicas básicas para repeler unha posible agresión e, máis que nada, o adestramento emocional necesario para manter a calma e pedir axuda o antes posible. Na actividade, que se desenvolverá até o mes de xuño, inscribíronse 13 veciñas de Fene, ás que cómpre engadirlles outras 7 en lista de agarda. O obradoiro váiselles ofrecer tamén a mozas de entre 13 e 18 anos nas tardes dos martes e xoves cos mesmos contidos. Poden anotarse até o 18 de outubro no 981 493 706 ou en servizos.sociais@fene.gal. As sesións de defensa persoal, autoconfianza e empoderamento que arrancaron hoxe están programadas para os martes e xoves en horario de 9:30 a 11:00h. Unha hora e media de actividade que se reparte entre o quecemento inicial e a aprendizaxe de técnicas de taekwondo e kickboxing que poden ser de grande axuda para ganar tempo ante unha eventual agresión, sexa dentro ou fóra da casa.