Novas

27-09-2022 -

A segunda “Andaina por Fene” percorrerá este domingo a parroquia de Limodre

Xa está aberto o prazo para apuntarse na ruta por Limodre que organizan a Concellería de Deportes e a AVV Limodre para este domingo, 2 de outubro, a partir das 10.00 horas. A andaina comezará no local da entidade e percorrerá o Campanario, Prismos, Marco de San Lourenzo, Río Castro, Muíño das Mareas, Almieiras, Rachabordos e Río Sandeu, para voltar ao punto de saída tras percorrer uns 8 quilómetros de dificultade media e cunha duración aproximada de 3 horas. A participación é de balde, pero cómpre anotarse (antes do venres ás 13.00 horas) nos teléfonos 696 633 772 – 651 884 692, ou por correo electrónico en asocveclimodre@gmail.com
27-09-2022 -

Afal e o Concello de Fene organizan o curso “Atención Especializada en Alzhéimer e Demencias” para familias e persoas coidadoras

O Concello de Fene dende a Área de Benestar e Igualdade acollerá os días 5 e 7 de outubro o curso “Atención Especializada en Alzhéimer e Demencias”, dirixido a familias e coidadores/as de persoas afectadas de deterioro cognitivo e dependentes en xeral. O curso está impartido por persoal técnico de Afal Ferrolterra e vaise desenvolver na Casa da Cultura de Fene, nos días sinalados, de 16:30 a 18:00 horas. A participación é gratuíta, con inscrición previa no departamento municipal de Servizos Sociais -981 342607/ 981 49 27 06 ou correo servizos.sociais@fene.gal. Actividade aberta a toda a poboación. 
26-09-2022 -

Rematan as obras de reurbanización das torres I, II e III de San Valentín

Nestes días concluíu unha nova fase de mellora da accesibilidade, dos servizos soterrados e do aspecto xeral de San Valentín, concretamente a referida á contorna das torres I, II e III, situadas no centro do barrio. Alí acometeuse o cambio das beirarrúas seguindo a estética de fases anteriores e o aglomerado do aparcadoiro interior, onde foi necesario reordenar as prazas ante o aumento do espazo dedicado ao tránsito de viandantes. Ademais tamén se aproveitou para repoñer canalizacións soterradas da rede de sumidoiros e de evacuación de pluviais. O investimento total ascende a 182.710 euros -IVE incluído- financiados con fondos do POS+ da Deputación da Coruña. 
26-09-2022 -

A Casa da Cultura acolle a presentación do libro “10 de marzo: un conflicto del movimiento obrero por la democracia”

Organizada pola AC Fuco Buxán e a Asociación Memoria Histórica Democrática, coa colaboración do Concello de Fene, terá lugar o mércores 28 de setembro ás 19:30 h. O acto principiará coa intervención do alcalde de Fene, Juventino Trigo Rey, quen dará paso á proxección do documental “10 de Marzo” con guión e dirección a cargo de Beatriz del Monte. De seguido, o xornalista Nico Vidal, conducirá un faladoiro baixo o título “10 de Marzo do 72. Presente e futuro” que contará coa participación de Rafael Pillado, cofundador das CCOO e do Partido Comunista de Galicia e Sari Alabau, profesora, militante do PCG e presidenta de Asfedro.
23-09-2022 -

A Concellería de Medio Ambiente anima á veciñanza a participar na XV Limpeza Simultánea de Ríos galegos

Sesenta e unha entidades e corenta e dous concellos galegos participan este domingo, 25 de setembro, na XV Limpeza Simultánea de Ríos galegos que promoven a organización ecoloxista ADEGA e Proxecto Ríos. O Concello de Fene participa un ano máis nesta iniciativa que implica a milleiros de voluntarios e voluntarias “que se mollan polos ríos galegos, para deixalos libres de lixo, nunha xornada de voluntariado ambiental e concienciación social”. No Concello de Fene, a limpeza centrarase no Río de Ba, establecéndose como puntos de encontro para os voluntarios/as o Parque do Piñeiro (na Armada) e o local de Aetna (muíño) o domingo ás 10.30 horas. As persoas que desexen participar, únicamente deberán presentarse ese día en calquera dos dous puntos de encontro, provistas de roupa e calzado cómodos e luvas.
22-09-2022 -

Fene acolle este domingo a VIII Ruta BTT Sendeiros de Fene

O Club BTT Fene organiza, coa colaboración da Concellería de Deportes de Fene, unha nova edición da Ruta BTT Sendeiros de Fene. Trátase dunha marcha cicloturista federada non competitiva, cunha lonxitude duns 45 kilómetros repartidos entre os concellos de Fene, Cabanas e Neda. A saída está prevista o domingo 25 de setembro ás 9.30 horas do Pavillón Municipal A Xunqueira de San Valentín e a chegada -ao mesmo punto- prevese ao redor das 14.30 horas. Segundo os organizadores, a participación estimada ronda as 200 persoas.
22-09-2022 -

O Concello adquire unha trituradora de restos vexetais para os departamentos de Servizos e Medio Ambiente

O Concello de Fene recepcionou este mércores unha nova biotrituradora que se utilizará a partir de agora para procesar os restos de poda dos parques, xardíns e avenidas municipais. O equipamento facilitaralle aos departamentos de Medio Ambiente e Servizos a valorización desta materia vexetal, cuxo destino final será a compostaxe ou o seu emprego como capa de cobertura en alcorques e outros espazos públicos. O investimento alcanzou os 24.200 euros e beneficiouse dunha subvención do 74% da Consellaría de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, en aplicación dos fondos Next Generation da Unión Europea para proxectos de reciclaxe e compostaxe.
21-09-2022 -

Noite de Morcegos

O Concello de Fene e Morcegos de Galicia convidan a veciñanza a participar na Noite de Morcegos. Actividade de divulgación na que aprenderemos a escoitar e identificar a actividade dos mesmos, así como as técnicas empregadas para o seu estudo. Celebrarase o venres 23 de setembro no Parque Lineal do río Cádavo, e precisa  inscrición previa no correo cultura.deportes@fene.gal ou no teléfono 981 340 366.
21-09-2022 -

O Concello de Fene abrirá o prazo de inscrición nas súas Escolas de Música o vindeiro 5 de outubro

A Concellería de Cultura publica a normativa xeral de matriculación para as escolas culturais municipais de piano-solfexo e guitarra, dirixidas a nenos/as a partir de cinco anos e poboación en xeral. As persoas que desexen anotarse en calquera das dúas actividades, deberán solicitar cita previa os días 3 e 4 de outubro nos teléfonos 981 492 804 ou 607 626 812, de 8:30 e as 14:00.
21-09-2022 -

Fin de semana de títeres e monicreques en Fene

O Concello de Fene xunto cos de Ferrol, Ares, Cabanas, Mugardos, Neda, Valdoviño, Miño, Sada e a A.VV de Canido, participa esta fin de semana na cuarta edición do Festival Internacional de Entes Animados. Espectáculos con títeres e monicreques que terá lugar dende o venres até o domingo nas parroquias de Maniños, Magalofes e Sillobre. A primeira das representacións terá lugar o venres 23, ás 20:00 h, no local da ACRD O Pote de Maniños e correrá por conta da Compañía Alex Marionettes (Dinamarca) que porá en escena a obra Mr. Barty Puppet Show.