Novas

27-02-2024 -

Segunda xuntanza do Club de Lectura da biblioteca de Fene con presenza do autor protagonista, Rober H.L. Cagiao

Sobre o libro Entroido, de Rober H.L. Cagiao, xirará este mércores a segunda sesión do Club de Lectura da Biblioteca Municipal de Fene. A xuntanza desenvolverase no salón de actos da Casa da Cultura, de 17.00 a 18.30 horas. As catorce persoas que participan na actividade (e que previamente recibiron cadanseu exemplar do volume) terán oportunidade de conversar co autor neste novo encontro.
26-02-2024 -

Nova charla do Servizo de Nutrición do Centro de Saúde de Fene no marco da súa Escola de Hábitos Saudables

A Casa da Cultura de Fene acolle este martes 27 de febreiro, ás 17 horas, a segunda charla da “Escola de Hábitos Saudables” que organizan o Centro de Saúde de Fene e as Unidades de Apoio Nutricional de Atención Primaria en Ferrol, coa colaboración da Asociación Oncohematolóxica Por Máis Vida e do Concello de Fene. Nesta nova sesión, a dietista-nutricionista do Centro de Saúde de Fene Iria González falará sobre A importancia da alimentación no proceso oncolóxico. A entrada ao acto será libre e de balde até completar o aforo.
23-02-2024 -

O pavillón da Xunqueira acolle este sábado un Torneo Solidario de Fútbol Sala

Organizado polo CMI Unidade de Fene e Soos Maquinaria, coa colaboración da Concellería de Deportes de Fene, o torneo incluirá partidos amistosos entre o CMI Unidade de Fene e outros equipos da contorna, amais de actuacións de baile (Revolución UPA), de rock&metal (Keepers) e sorteos de agasallos. Desenvolverase en horario de tarde, de 16 a 20 horas e, segundo informan desde a organización, no devir da xornada venderanse gorras a 5 €. Os cartos recadados con esta venda doaranse integramente á Asociación de Axuda a Nenos Oncolóxicos de Galicia (ASANOG). Entrada de balde.
22-02-2024 -

Fene participa na exposición conxunta dos Centros Museísticos de Ferrolterra

O Museo do Humor Xaquín Marín participa xunto con outros 12 espazos museísticos da bisbarra nunha mostra colectiva que se poderá ver até o vindeiro 12 de maio no Museo Naval de Ferrol. Na mostra están representados, amais do museo de humor gráfico fenés e Museo Naval, o Museo da Construcción Naval “Exponav”, o Museo da Sociedade Galega de Historia Natural, o Museo Pérez Porto, o Centro de Interpretación A Mina, o Torreón dos Andrade, a Casa do Mel, os museos etnográficos da Capela e Monte Caxado, o Centro de Interpretación de Caldoval, o Museo do Surf e o Arqueódromo da UDC.
22-02-2024 -

Comunicación asertiva na adolescencia

O vindeiro luns, 26 de febreiro, a Casa da Cultura de Fene acollerá a sesión "Comunicación asertiva na adolescencia”.

Xornada organizada  a través da agrupación de concellos de Fene, Mugardos e Neda co obxecto de desenvolver o proxecto de prevención de condutas aditivas, no que se enmarcan o programa familiar “ MAS QUE UN TEITO”, subvencionado pola Consellería de Sanidade. 

Para facilitar a asitencia das familias contamos, como xa ven sendo habitual nestas sesións, cun servizo de conciliación* que require inscrición previa.
20-02-2024 -

Teño cancro, pode ser hereditario?

O ciclo que organiza a Biblioteca O Segrel do Penedo do IES de Fene coa colaboración da Concellería de Ensino trae esta semana a Fene á doutora en Medicina Begoña Graña Suárez. A conferencia da especialista en Oncoloxía Médica terá lugar este xoves, 22 de febreiro, ás 19.30 horas, no salón de actos da Casa da Cultura (Avda. de Conces, 20-22, Fene), con entrada libre e de balde até completar o aforo.
19-02-2024 -

Día de Rosalía 2024

Sumándose ao chamamento que todos os anos fai por estas datas a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, o Concello de Fene festexará este xoves, 22 de febreiro, o Día de Rosalía de Castro cun espectáculo familiar co que se pretende achegar ás novas xeracións a figura da nosa autora máis internacional. Contando con Rosalía, de Marisa Irimia, representarase o xoves ás 18 horas no salón de actos da Casa da Cultura, con entrada libre e de balde até completar o aforo. Función recomendada para nenos/as de 4 a 11 anos.
19-02-2024 -

Presentación de Cinza no IES de Fene

O ilustrador e editor de Demo Editorial, Manel Cráneo, e o escritor Xavier Alcalá, mantiveron un encontro este venres co alumnado de 1º de bacharelato do IES de Fene para presentar Cinza, novela gráfica inspirada na obra de Alcalá A nosa cinza. Como xordiu o proxecto, como afrontou Manel Cráneo a adaptación da obra, a elaboración do guión, o estilo, o debuxo… foron algúns dos aspectos debullados polos dous autores aos que introduciu o director do centro, Xoan Vázquez. O acto, organizado pola Concellería de Cultura de Fene, contou coa asistencia do alcalde de Fene, Juventino Trigo, e terá continuidade o vindeiro 15 de marzo cunha presentación na Casa da Cultura aberta ao público en xeral.
16-02-2024 -

Superando os problemas da infancia

O vindeiro luns, 19 de febreiro, a Casa da Cultura de Fene acollerá a sesión "Superando os problemas da infancia”.
Xornada organizada  a través da agrupación de concellos de Fene, Mugardos e Neda co obxecto de desenvolver o proxecto de prevención de condutas aditivas, no que se enmarcan o programa familiar “ MAS QUE UN TEITO”, subvencionado pola Consellería de Sanidade. 
Para facilitar a asitencia das familias contamos, como xa ven sendo habitual nestas sesións, cun servizo de conciliación* que require inscrición previa.
12-02-2024 -

Luz verde do pleno fenés ás actuacións propostas polo Goberno municipal con cargo ao Plan Único

O pleno do Concello de Fene vén de aprobar os proxectos propostos polo Goberno municipal para executar con cargo ao Plan Único (POS+) da Deputación da Coruña. Trátase dunha contribución económica que ascende a 519.627,96 €, que se distribúen en 252.069,73 € correspondentes á Achega 2024; 195.503,59 € da Achega 2023; e finalmente, 72.027,64 € do chamado POS Social.