Novas

16-08-2022 -

O Concello de Fene únese ao fondo pesar polo falecemento de Andrés Picallo

O Concello de Fene únese ao fondo pesar e tristura polo falecemento de Andrés Picallo, e traslada o seu máis sentido pésame á familia e amizades. En verbas de Ramón Loureiro, "figura fundamental, e irrepetible, no ámbito da defensa e recuperación da cultura popular de Galicia, así como un entusiasta impulsor da celebración do Día das Letras Galegas", unha persoa á que no Concello de Fene lle estaremos sempre agradecidos e agradecidas
16-08-2022 -

Homenaxe a Ramón José Souto González, último alcalde fenés da República

O Concello de Fene celebrará este martes 16 de agosto, a partir das 20.00 horas, un acto de homenaxe e lembranza a Ramón José Souto González, o último alcalde da República en Fene, fusilado xunto a outros membros da corporación en 1936. O acto terá lugar na antiga praza da casa consistorial, hoxe bautizada co nome do ex alcalde en recoñecemento e memoria da súa figura.





12-08-2022 -

Regulación do tráfico durante o Felicia Pop Festival 2022

Durante este venres e sábado, Limodre acolle a  vixesima cuarta edición do Felicia Pop.
Serán dúas xornadas ben intensas que requiren un grande esforzo organizativo e de coordinación, sobre todo en materia de tráfico. Neste sentido deseñouse un dispositivo especial que comezará este venres ás 19.30 e que se manterá até as 8.00h do domingo.
12-08-2022 -

A mostra "Rostros da Memoria. Ferrol 1972" permanecerá en Fene do 17 ao 31 de agosto

A Praza do 10 de Marzo, en San Valentín, acollerá ás 20:30h do mércores 17 de agosto -Día da Galiza Mártir- a inauguración oficial da exposición "Rostos da Memoria. Ferrol 1972", un proxecto fotográfico e artístico de Xurxo Lobato en homenaxe ás persoas que sufriron a represión do franquismo polas loitas obreiras na cidade de Ferrol do ano 1972, "que aínda están vivas e son merecentes dun recoñecemento público no ano do 50 aniversario dos asasinatos de Amador e Daniel". A exposición -que permanecerá na praza até o 31 de agosto- está promovida pola Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol co apoio das asociacións Fuco Buxán e Memoria Histórica Democrática. Trala súa estrea en Fene, a mostra percorrerá o resto de concellos integrados na entidade supramunicipal.
05-08-2022 -

A Deputación da Coruña e o Concello asinan o convenio para a compra de dous inmobles en Naturais de Fene que acollerán varios servizos municipais

O vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, e o alcalde de Fene, Juventino Trigo, subscribiron esta mañá o convenio nominativo para financiar a adquisición por parte do Concello dun baixo e un entresollado situados na confluencia do Camiño da Casa Nova con Naturais de Fene. Trátase dunha construción triangular cuxa parte inferior, de 809 m2, se ten previsto dedicar a estacionamento de vehículos municipais, mentres que a superior -de 883 m- se acondicionará para acoller varios servizos, aliviando deste modo os problemas de espazo que padece neste momento a Administración local. O importe da compra acordado cos propietarios xa o ano pasado ascende a 310.000 euros máis IVE, dos que a Deputación achegará 248.000 -o 80%-, mentres que o Concello de Fene porá con recursos propios o 20% restante, ademais dos custes rexistrais e do valor engadido.
03-08-2022 -

O Goberno local de Fene propón dárlle ao Museo do Humor o nome de Xaquín Marín

Poucas persoas hai en Fene, de nacemento ou adopción, que conciten tanto afecto xeral como Xaquín Marín Formoso. E motivos sobran. Creador polifacético, dinamizador cultural, reivindicador e un dos máximos expoñentes do humorismo retranqueiro galego posto ao servizo da crítica social. Son moitos os méritos que, sen el pretendelo, se xuntan nun home xa de por si afable e sempre conciliador. Un bo e xeneroso, vaia, que hai case 40 anos teimou en crear o primeiro museo do mundo dedicado ao humor. Fene recoñeceulle durante maio e xuño todo o seu labor a prol do municipio e da Cultura por medio do programa "Volta á orixe", que contou con centos de asistentes á exposición monográfica e ás actividades paralelas. Agora, como culminación deste merecido tributo, o pleno municipal votará na mañá deste xoves o cambio de denominación do Museo do Humor para que pase chamarse "Museo do Humor de Fene: Xaquín Marín".
02-08-2022 -

Fene participa no proxecto Reinicia IX

O Concello de Fene, xunto cos de Ares, Mugardos, e Cabanas, impartirá entre o 19 de setembro de 2022 e 18 de setembro de 2023 dúas especialidades do obradoiro mixto de emprego e formación Reinicia IX, subvencionado pola Consellería de Emprego e Igualdade. O programa inclúe 20 prazas e vai dirixido a persoas desempregadas maiores de 18 anos que poderán formarse nalgunha das dúas especialidades formativo ocupacionais previstas: atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais (curso de nivel 2 que require estudos de ESO ou equivalente. 10 prazas) ou  traballos de carpintería e moble, aplicación de vernices e lacas en elementos de carpintería e moble (curso de nivel 1 que require estudos primarios. 10 prazas).
29-07-2022 -

O parque da Hortiña mostra a súa mellor cara para acoller o Felicia Pop 2022

De hoxe en dúas semanas xustas, Limodre iniciará dous días dedicados á mellor música coa celebración do Felicia Pop 2022. A edición deste ano, xa sen restricións pandémicas, ten preparado un completo programa para o venres 12 e o sábado 13 de agosto no que pasarán polo escenario Los Eternos, Los Malinches, More Kicks, The Rezillos, Tesouro, Rockers go to Hell, Pelazo, The Phantom Keys, Terbutalina e Los Pepes, rematando ambos días con picadiscos. As entradas están á venda desde hai días... e tamén está listo o espazo principal do festival, o parque da Hortiña, ao que o Concello de Fene -que tamén colabora co programa- acaba de facerlle un completo lavado de cara cun investimento de 21.190 euros.
26-07-2022 -

Abre o prazo para que os establecementos de Fene se apunten ao vindeiro Outlet

O Concello de Fene organiza un novo Outlet, coa finalidade de que os comercios, a hostaleria e as empresas de servizos de Fene promocionen os seus produtos, e así fomentar o consumo no comercio local. Será os días 2, 3 e 4 de setembro de 2022 (venres e sábado, de 10 a 14 h e de 16:30 a 20:30 horas e o domingo, de 10 a 14 horas) nos propios establecementos. Segundo informan dende a Concellería de Promoción Económica, os establecementos interesados en participar deberán enviar un correo electrónico a desenvolvemento.local@fene.gal, indicando o nome do establecemento, o nome da persoa responsable, un número de teléfono, o enderezo electrónico e se precisa mesa e haima. A data límite para comunicar o seu interese é o xoves 28 de xullo.
23-07-2022 -

Declaración institucional, ofrenda floral e himno galego para conmemorar o Día da Patria Galega

Apelando aos sucesos do 10 de marzo de 1972 e á loita polas liberdades, a escritora Ánxela Loureiro foi a encargada de ler este mediodía a declaración institucional do Concello de Fene para conmemorar o 25 de xullo, Día da Patria Galega. No acto, que se desenvolveu a carón do Monumento Día da Patria Galega, no parque liñal do río Cádavo, Loureiro estivo arroupada polo alcalde de Fene, Juventino Trigo, polo concelleiro de Cultura, Justo Ardá, membros da corporación municipal e veciños/as de Fene. O acto finalizou cunha ofrenda floral e coa interpretación do himno galego por parte dos presentes. Ademais, entregouse á autora da declaración institucional unha praca conmemorativa, realizada pola ceramista fenesa Carme Romero, e a carpeta da exposicion “Volta á orixe”, con reproduccións de debuxos de Xaquín Marín.