Novas

15-11-2022 -

Os “Buratos negros” centran a sesión deste xoves no ciclo Contando Ciencia

O profesor de física teórica da USC, investigador e divulgador científico José Edelstein é o próximo convidado ao ciclo Contando Ciencia, que organiza a Biblioteca O Segrel do Penedo, do IES de Fene, coa colaboración da Concellería de Ensino. A cita será este xoves, 17 de novembro, ás 19.30 horas, no salón de actos da Casa da Cultura, con entrada libre e de balde até completar o aforo. A conferencia xirará en torno aos “Buratos negros”.
15-11-2022 -

A familia do pintor e deseñador gráfico fenés, Alberte Permuy, cede catro obras do artista ao Concello de Fene

O alcalde de Fene e o irmá e representante do pintor, Xosé María Permuy, asinaron está mañá un convenio de cesión en depósito ao Concello de Fene de catro pinturas acrílicas sobre tea da autoría de Alberte Permuy datadas entre 1979 e 1992. O convenio, cunha duración inicial de tres anos, é prorrogable polo período que estimen as dúas partes e, de ser o caso, o Concello de Fene poderá negociar co autor a adquisición de parte ou da totalidade da obra cedida para incorporala ao seu patrimonio artístico. As obras que a familia de Alberte Permuy cede en depósito ao Concello de Fene son catro acrílicos sobre tea de diferentes tamaños (228x146; 97X163; 97X163 e 80X59) pintados entre 1979 e 1982.
14-11-2022 -

O programa “Coidados porta a porta” da Consellería de Política Social estará este mes en Fene

Proposta dirixida ás persoas maiores de 55 anos na que lles ofrece unha serie de recursos de atención sen que teñan que desprazarse fóra da cidade: revisións, valoracións auditivas, servizos de podoloxía, probas de valoración cognitiva, exercicios de estimulación para previr o Alzhéimer e outras demencias neurodexenerativas.

Para utilizar algún destes servizos hai que solicitar cita previa no 622748283/623546992 ou escribindo a coidadosportaaporta.politicasocial@xunta.gal. A unidade móbil estará situada en San Valentín os días 23, 24 e 25 de novembro en horario de 9:00 a 20:00 h.
 
11-11-2022 -

O Concello recepciona as obras de mellora das comunicacións interiores co Vilar do Colo

O alcalde de Fene, Juventino Trigo, visitou esta mañá o polígono do Vilar do Colo acompañado do enxeñeiro municipal, Manuel López, para inspeccionar o remate das obras de mellora dos accesos á área industrial, previo á sinatura da acta de recepción. O Concello destinou ao proxecto 112.410 euros co obxectivo de acondicionar as comunicacións interiores cos Casais e co cemiterio municipal, ademais de incrementar a sinalización e os pasos peonís na contorna da Rúa das Áncoras e volver aglomerar a rotonda que enlaza a VG-1.2 coa autoestrada AP-9.  Da execución dos traballos encargouse a empresa Canarga Construcciones, como adxudicataria dunha actuación cofinanciada nun 80% cunha axuda da Consellaría de Economía, Industria e Innovación. 
09-11-2022 -

María da Pontragha participa este venres no Novembro, mes do Humor con “Coa palabra na boca”

No mes do seu aniversario, o Museo do Humor Xaquín Marín continúa a propoñer tardes de contos e humor como a que organiza para este venres, 11 de novembro, no marco do ciclo “Novembro, mes do Humor”. A protagonista desta segunda sesión, prevista para as 20 horas, será a contacontos María da Pontragha cun espectáculo de narración oral titulado “Coa palabra na boca”, dirixido a público adulto. Entrada de balde até completar o aforo (100 localidades).
08-11-2022 -

Fene inicia este mércores os actos co gallo do 25N

O Concello de Fene izará este mércores ás 10:00h a bandeira violeta que identifica non só a reivindicación plena de dereitos para a Muller, senón tamén a necesaria erradicación das violencias machistas de todo tipo. O departamento municipal de Igualdade inicia deste modo simbólico un ciclo de actividades con motivo do 25 de Novembro -Día Internacional da eliminación da violencia contra das mulleres e nenas-que se completa coa adhesión de Fene, un ano máis, á campaña provincial "De fronte á violencia de xénero", cuxo programa se dará a coñecer nestes días. O Concello distribuirá o material da campaña -cartelería e códigos QR do Punto Violeta- entre o comercio e a hostalaría, ademais de organizar charlas para a adolescencia e dúas citas escénicas. 
07-11-2022 -

Fene acolle unha segunda edición do curso de Competencias dixitais básicas do proxecto “Muller Dixital”

Logo o éxito de participación na primeira convocatoria, o Servizo de Orientación laboral do Concello de Fene ven de anunciar unha segunda edición do curso Competencias dixitais básicas do proxecto “Muller Dixital”.

Curso; cuxo obxectivo principal é mellorar as competencias dixitais e aproveitar as posibilidades asociadas ás tecnoloxías; dirixido a mulleres desempregadas ou en situación de mellora do emprego que teñan a demanda de emprego activa no momento de inicio da formación.

Data de presentación do curso : 10/11/2022
Data de inicio: 15/11/2022
Data de finalización: 29/11/2022
Horario: 9.30 a 13.30 h
 
07-11-2022 -

O Club de Lectura da Biblioteca Municipal de Fene botará a andar o 23 de novembro cunha primeira sesión ao redor do libro Misterios de Ferrolterra

Continúa aberto o prazo de inscrición para as persoas que desexen apuntarse ao Club de Lectura que organiza a Biblioteca Xosemaría Pérez Parallé de Fene, dirixido a público adulto. As inscricións realízanse na propia biblioteca, presencialmente ou por teléfono (981 342 302), de luns a venres, de 16.00 a 21.00 horas ou os sábados de 10.00 a 13.00 horas. Para participar, unicamente cómpre ter interese pola lectura xa que as persoas que formen parte do club deberán ler ao mesmo tempo a obra proposta, a soas nas súas casas, reuníndose logo para comentar o que leron. A biblioteca proporcionará un exemplar a cada membro do club, previamente inscrito, que, no caso da sesión prevista para este mes de novembro, será “Misterios de Ferrolterra”, de Rober H.L. Cagiao.
07-11-2022 -

O Concello de Fene apoia as actividades da asociación O Cruceiro cunha achega de 10.000 euros

O Concello de Fene e a Asociación de comercio, hostalaría e servizos O Cruceiro rubricaron o pasado venres o convenio nominativo mediante o cal a Administración local compromete unha achega de 10.000 euros para o financiamento das campañas de dinamización "Merca en Fene" desenvolvidas pola entidade entre o 1 de xaneiro e o 11 de decembro deste ano. Entre elas cóntanse os Outlets de inverno e verán, a Fashion Night do mes de xuño e os eventos promocionais coincidentes con datas sinaladas como Reis, o Entroido, o "Black Friday" ou o Nadal.

No acto de sinatura do convenio participaron o alcalde de Fene, Juventino Trigo, Xoán Manoel Ramos en representación da asociación O Cruceiro, e tamén a concelleira responsable de Promoción Económica, Ángeles Coira, quen destacou "o importante labor de dinamización" que leva a cabo a entidade, da que forman parte 58 negocios relacionados co comercio, a hostalaría e a prestación doutros servizos.
07-11-2022 -

Gisela Mato Rivera acada o XXXV Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé

Gisela Mato Rivera, nada na emigración en Xenebra en 1978, é a gañadora da XXXV edición do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé, que convoca o Círculo Mercantil e Industrial-Unidade de Fene co apoio do Concello de Fene. O xurado, reunido o pasado venres, escolleu o libro de Mato, titulado Fraxilidades de entre 74 obras presentadas a concurso este ano. Trátase da XXXV edición deste Premio, creado para homenaxear ao poeta fenés Xosemaría Pérez Parallé, coñecido como O Segrel do Penedo. Poeta popular, activista literario, promotor da celebración en Galicia do Día das Letras Galegas que fora instituído polas colectividades galegas do exilio.