Novas

21-07-2022 -

Inicio das contratacións da Risga

O Concello de Fene, a través da Concellería de Emprego e Formación, puxo en marcha o mércores 20 de xullo o programa de emprego correspondente á Renda de Integración Social de Galicia. A través deste programa, financiado pola Consellería de Emprego e Igualdade e polo Concello de Fene, procedeuse á contratación de dúas persoas -ao 75% da xornada e cunha duración de 9 meses- para a realización de traballos de limpeza viaria.
21-07-2022 -

Bando do Día da Patria Galega 2022

Perante a proximidade do 25 de xullo, Día da Patria Galega, o alcalde de Fene, Juventino Trigo, vén de publicar un bando municipal no que lembra que nesta xornada "homenaxeamos aos nosos devanceiros, a quen nos precederon na loita polas liberdades democráticas e o autogoberno, nomeadamente a Daniel e a Amador e a todas aquelas persoas que hai 50 anos, no de 10 de marzo de 1972, saíron á rúa para defenderen os seus dereitos laborais e protagonizar un dos fitos máis importantes na historia do movemento obreiro galego".
19-07-2022 -

O Concello inviste máis de 51.000 euros na renovación dos parques infantís de Limodre e Sillobre

A empresa Jardinería Arce rematou hai uns días os dous proxectos de rehabilitación dos parques infantís de Limodre e do Souto, en Sillobre, como adxudicataria dun contrato no que o Concello de Fene investiu 51.694,55 euros. As áreas de xogos para a rapazada -en ambos casos situadas ao pé de bloques de vivendas- están xa abertas ao público tras varias semanas de traballo en que se substituíu o chan e se instalaron novos equipamentos lúdicos, co obxectivo principal de facelas máis accesibles, seguras e adaptadas á normativa.
18-07-2022 -

Ruxe-Ruxe e Boyanka-Kostova na recta final do ciclo Xullo, Mes de Patria

Coa lectura da declaración institucional do Día da Patria Galega, a cargo da escritora Ánxela Loureiro, concluirá o vindeiro sábado o programa que organiza a Concellería de Cultura para conmemorar a festividade do 25 de xullo. O acto terá lugar ás 13 horas no parque liñal do Río Cádavo, a carón do Monumento Día da Patria Galega. Previamente, tamén esta semana, haberá dous concertos na praza do alcalde Ramón José Souto González, ámbolos dous con entrada libre e de balde. O xoves 21 de xullo, ás 21.00 horas, actuará Ruxe-Ruxe co espectáculo Xira 2022 (Rede Cultural) e o venres 22, á mesma hora, será Boyanka-Kostova (Rede Cultural) quen suba ao escenario instalado a carón da Casa do Concello de Fene.
14-07-2022 -

Os clubs deportivos de Fene xa poden solicitar horas de adestramento de pretempada e tempada 2022-23 nas instalacións deportivas municipais

Xa esta aberto o prazo para que os clubs de Fene soliciten horas de adestramento para a pretempada no campo de Fútbol Os Pinares e no pavillón polideportivo da Xunqueira, así como para a tempada 2022/2023 no campo de Fútbol e nos dous pavillóns. Os clubs que estean interesados deben remitir nas datas que se indican na normativa, a relación de horas que soliciten de cada instalación para a pretempada e para a tempada 2022 -2023, especificando o equipo (deporte e categoría) que vai utilizar cada hora.
13-07-2022 -

En lembranza de Miguel Ángel Blanco

Ao cumprírense 25 anos do asasinato do concelleiro de Ermua  Miguel Ángel Blanco -e atendendo a unha convocatoria da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp)- a corporación municipal de Fene convocou este mediodía unha concentración como mostra de solidariedade con todas as vítimas e en repulsa de calquera clase de acto terrorista.
12-07-2022 -

Avanzan a bo ritmo as obras de reurbanización das torres I, II e III de San Valentín

O Concello está levando a cabo desde hai dúas semanas unha nova fase de melloras da accesibilidade no barrio de San Valentín. Tralo inicio dos traballos, o resultado xa vai sendo visible a medida que avanza o cambio das beirarrúas que circundan as torres I, II e III -os edificios máis altos do barrio-, aínda que o proxecto tamén inclúe o que non se ve, como é o cambio da rede de sumidoiros e da evacuación de pluviais. Ademais tamén se vai acondicionar a zona de aparcadoiro cunha nova capa de aglomerado. As obras, cuantificadas en 182.710 euros -IVE incluído-, fináncianse con cargo aos fondos do POS+ e son a terceira actuación dos últimos anos na zona máis populosa de Fene, onde desde 2018 se executaron proxectos similares nos bloques de vivendas II e V e III e IV.
11-07-2022 -

O Xullo, mes da Patria continúa esta semana co certame de Habaneras, batukada e concerto de Blues do País-Sindicato da Verbena

As corais polifónicas da SCRD Agarimo de Sillobre e da ACRD O Pote de Maniños, xunto coas rondallas Estrelecer do CMI Unidade de Fene e Perla do Río do CCRD de Perlío subirán este martes, 12 de xullo, ao escenario da praza do alcalde Ramón José Souto González nunha nova edición do Festival de Habaneras e Canto Coral (o primeiro que se celebra trala pandemia). O certame, organizado pola Concellería de Cultura no marco do ciclo do Día da Patria Galega, comezará o martes ás 20.30 horas na carpa instalada a carón do Concello.
07-07-2022 -

O Concello a delimita a fronte das praias para evitar a entrada de embarcacións nas zonas de baño

Cando zoa o Nordés, coma estes días, é moita a xente que busca o abrigo das praias de Fene para tomar o sol e bañarse nas augas sempre calmas do interior da ría, que ademais son dunha calidade sanitaria excelente. Iso tamén o saben as numerosas embarcacións que todos os veráns buscan o resgardo do Coído, Río Sandeu, Almieiras e Río Castro, en Limodre, procurando fondear o máis preto posible da beira. Porén, as calas fenesas son o grandes que son e a coincidencia de uns e outros  ten creado máis dunha situación de conflito entre bañistas e navegantes, sen contar que a presenza de lanchas, iates e motos de auga cerca da ribeira pode crear situacións potencialmente perigosas para quen está na auga.  Por esta razón o Concello de Fene decidiu este ano delimitar unha zona de seguridade para o baño que chega até os 70 metros mar adentro e que discorre ao longo de case un quilómetro de litoral.
06-07-2022 -

Festa da escuma, batallas acuáticas e inchables, principais atractivos da festa infantil do ciclo “Xullo, mes de Patria”

O Concello de Fene continuará festexando o mes da Patria este venres, 8 de xullo, cunha festa infantil que se desenvolverá dende as 18.00 até as 21.00 horas na praza do alcalde Ramón José Souto González. Incluirá diversos xogos e atraccións coma o tiracoios xigante “Tira ao coronavirus”, batallas acuáticas e xincanas, festa da escuma con animación, festa “Holy” con pos de cores, taller de maquillaxe, inchables e camas elásticas. Serán, en definitiva, tres horas de animación e festa para os máis pequenos da casa.