Novas

16-09-2022 -

Quendas de adestramento nos pavillóns municipais para equipos e sociedades do rexistro de entidades

O Concello de Fene acaba de publicar o cadrante de reservas nos pavillóns polideportivos da Xunqueira e do Ramo. Trátase da primeira asignación de quendas, que se efectúa habitualmente no mes de setembro co obxectivo de darlle prioridade no uso das instalacións aos equipos federados pertencentes a sociedades, clubes e entidades que figuran no rexistro municipal de asociacións. A distribución horaria estará en vigor desde o 1 de outubro até o 30 de xuño de 2023. Agora abre un novo prazo entre o 19 e o 27 de setembro para que poidan solicitar tempos de adestramento equipos non federados e particulares. Nese caso deberán achegar a solicitude correspondente -descargable ao pé desta nota-, ben por vía telemática ou de maneira presencial no Concello.
15-09-2022 -

A conferencia do enxeñeiro naval e oceánico Raúl Villa Caro abre a segunda edición do ciclo Contandociencia

 Organizado pola Biblioteca “O Segrel do Penedo” do IES de Fene coa colaboración da Concellería de Ensino do Concello de Fene, volve Contandociencia, un programa que botou andar o curso pasado e que retoma a súa actividade co obxectivo de achegar a ciencia á poboación en xeral. Aberto ao público en xeral, todas as conferencias terán lugar na Casa da Cultura, un xoves ao mes (agás en xaneiro e maio que serán un martes) e sempre ás 19:30 con entrada gratuíta.
14-09-2022 -

O Concello de Fene ampliará a superficie de aparcamento fronte ao cemiterio de Sillobre

O Goberno local de Fene pechou recentemente o acordo de compra dun terreo duns dous ferrados de superficie situado xusto diante do cemiterio parroquial de Sillobre. A parcela, que xa está escriturada a nome do Concello,  supuxo un investimento de 18.000 euros e destinarase a ampliar a superficie de estacionamento na zona. Deste modo daráselle cumprimento a unha vella demanda veciñal no sentido de solucionar a falla de espazo dispoñible para aparcar cando hai cerimonias fúnebres, pero tamén en días de festa ou actividades desenvolvidas pola SCRD Agarimo que congregan numeroso público.
13-09-2022 -

Fene acolle o venres 23 de setembro un obradoiro de debuxo urbano

Dirixido a mozos/as de 14 a 20 anos, trátase dun taller co que se pretende sensibilizar á xuventude sobre a emerxencia climática e a necesidade de protección cara o medioambiente a través do debuxo. Para iso, ensinaranse as técnicas básicas para o debuxo de campo e o traballo ao natural. O curso, organizado polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade coa colaboración da Concellería de Servizos Sociais de Fene, será apto para todos os niveis, incluído o de iniciación. Ao fronte da actividade, que terá lugar este venres, de 16.30 a 20.30 no barrio de San Valentín, estará un mestre da Escola Profesional de Banda Deseñada “O Garaxe Hermético”, de Pontevedra. As persoas que desexen anotarse deberán enviar por correo a servizos.sociais@fene.gal a ficha de inscrición cuberta. As prazas son limitadas (15) e cubriranse por rigorosa orde de inscrición.
13-09-2022 -

O Concello inicia a construción dun circuíto de agility baixo o viaduto da AP-9

A zona de parque situada ao pé dos piares do viaduto da AP-9 contará en cuestión de días cunha nova área pensada para o exercicio de cans e cadelas. E é que alí, xusto á beira da avenida Doutor Sixto Mauriz, o Concello iniciou onte mesmo a construción dun circuíto de agility dotado con todo o necesario para que os animais gasten enerxía correndo e superando obstáculos, ao tempo que adestran nunha disciplina que cada vez conta con máis persoas afeccionadas na comarca. Nas obras investiranse preto de 18.000 euros, financiados integramente con fondos municipais.
12-09-2022 -

Espazo de Encontro e Apoio Emocional Entre Mulleres

A Concellería de Benestar Social e Igualdade, a través do Servizo Municipal de Atención á Muller, pon en marcha espazo Indira. Actividade dirixida a mulleres que queiran mellorar a súa autoestima, coñecerse, respectarse, crecer persoalmente, potenciar o seu autocoidado a nivel emocional e psicolóxico e, sobre todo, empoderarse.
09-09-2022 -

A Casa da Cultura de Fene estreará as exposicións de outono cunha mostra sobre a Raza Can de Palleiro

O Club Raza Can de Palleiro é o responsable do rexistro xenealóxico deste tipo de can do país que se encontra en perigo de extinción. Desde hai varios anos a entidade ocúpase de promover a recuperación da raza levando conta do número de exemplares e do seu historial familiar, co obxectivo de que se manteña a pureza das súas características e de que estas estean avaladas documentalmente. Ademais o club tamén desenvolve  accións de difusión como por exemplo a mostra fotográfica que abrirá este luns 12 de setembro ás 20:00h na sala de exposicións da Casa da Cultura-Museo do Humor Xaquín Marín.
07-09-2022 -

Educando en familia

O Concello de Fene, a través da Área de Benestar Social e Igualdade,  vai a emprender no mes de outubro a segunda edición do programa denominado “Educando en familia”, co que preténdese apoiar as familias con crianzas aportando ferramentas que as axuden a mellorar a relación cos seus fillos e fillas.
A docente que impartirá estes obradoiros será Virginia Castro Crespo de “Aloumiño”, xa con ampla experiencia no desenvolvemento deste obradoiros neste Concello e en outros da Comarca.
Os grupos de traballo serán reducidos para poder garantir un espazo dinámico e participativo, buscando a interacción de todas as persoas participantes.
Os obradoiros desenvolveranse dende o mes de outubro de 2022 ata xuño inclusive do 2023.
A semana impartiranse 2 obradoiros de 2 horas, en horario de mañá e de tarde.
Martes, en horario de tarde de 16:00 horas a 18:00 horas
Venres, en horario de mañá de 09:30 horas a 11:30 horas
Os obradoiros iniciaranse nas seguintes datas:
Martes 4 de outubro, en horario de 16:00 horas a 18:00 horas
Venres 7 de outubro, en horario de 09:30 horas a 11:30 horas
07-09-2022 -

O Concello de Fene e varias asociacións propoñen andainas para descubrir o territorio

A área municipal de Deportes e varias entidades socioculturais organizan para o arranque do outono unha serie de andainas coas que descubrir a riqueza histórica e paisaxística do territorio fenés. Trátase de saídas de distintas distancias que se completarán en aproximadamente dúas horas de percorrido, pensado para recrearse no patrimonio material e inmaterial e na natureza de cada zona, contando sempre como guía cunha persoa de cada parroquia que irá comentando o que se vaia vendo a cada paso. Ademais de promover hábitos de vida saudables, os itinerarios tamén teñen como obxectivo fomentar o coñecemento do concello por parte da veciñanza -e tamén das persoas de fóra que queiran sumarse-, así como reforzar os vínculos entre as entidades por medio dun programa de lecer compartido.
06-09-2022 -

Horario inverno Casa da Cultura de Fene

A partir vindeiro luns, 12 de setembro, cambia o horario de apertura e atención ao público nas dependencias da Casa da Cultura, Biblioteca Municipal “Pérez Parallé” e Museo do Humor de Fene.  

Con este novo horario, que se manterá durante o curso 2022/23, agás períodos de vacacións escolares, a Casa da Cultura (aula de estudo e sala de exposicións temporais) e o Museo do Humor de Fene abrirán de luns a venres, de 10:00 a 13:00 horas e de 16:00 a 21:00 horas, e os sábados de 10:00 a 13:00 horas. Pola súa banda, a Biblioteca Municipal abrirá de luns a venres, de 16:00 a 21:00 horas, e os sábados de 10:00 a 13:00 horas.

Domingos e festivos, a Casa da Cultura de Fene permanecerá pechada.