Novas

27-10-2022 -

O Concello de Fene ultima o acondicionamento do aparcadoiro provisional da rúa Lameiro

En resposta a unha demanda do comercio local en relación coa mellora do aparcamento na zona urbana, o Goberno Municipal de Fene deu luz verde ao acondicionamento do aparcadoiro provisional da rúa Lameiro, en Perlío. A actuación, realizada pola brigada de Obras do Concello,  consiste na limpeza da parcela,  o aporte de material e posterior compactado para eliminar fochancas e ter unha superficie cunha rodadura óptima. Os traballos quedarán rematados esta mesma semana.

En palabras do alcalde de Fene, Juventino Trigo, con esta intervención "mellorará a calidade do aparcamento na zona comercial de Fene e Perlío amais de resolver o problema do estacionamento de vehículos da propia veciñanza". Neste senso, afirmou o primeiro rexedor, "cómpre agradecer á propiedade a colaboración  coa veciñanza e o Concello, cedendo durante anos a parcela para aparcamento provisional". Coa chegada do inverno e a proximidade das festas do Nadal, "Fene debe contar con boas zonas de aparcamento para dar acollida a centos de persoas que acuden ao noso concello, tanto para realizar as súas compras como para participar nas diferentes actividades que aquí se desenvolven"
26-10-2022 -

O investigador Manuel Collado fala este xoves sobre a “procura da fonte da xuventude” no ciclo Contando Ciencia

O ciclo Contando Ciencia, que organiza a Biblioteca “O Segrel do Penedo” do IES de Fene coa colaboración da Concellería de Ensino, trae esta semana a Fene ao investigador do Sergas Manuel Collado Rodríguez. A cita será o xoves, ás 19.30 horas, no salón de actos da Casa da Cultura, con entrada libre e de balde até completar o aforo. Esta segunda charla do ciclo xirará en torno á “procura da fonte da xuventude”.
25-10-2022 -

O Concello de Fene demanda do Goberno do Estado a humanización da N-VI ao seu paso pola zona urbana

O Delegado do Goberno en Galicia, José Manuel Miñones Conde, fixo esta mañá unha visita institucional ao Concello de Fene para expresar "o compromiso do Goberno coas infraestruturas e programas en marcha", sobre todo aqueles relacionados co Plan Único do Ministerio de Asuntos Económicos, que prevén ampliar a banda larga a 1.300 fogares e empresas fenesas, ou as axudas do Programa PIREP para a rehabilitación e mellora da eficiencia enerxética de edificios públicos, ao que Fene solicitou acollerse cun proxecto no Pavillón da Xunqueira cuantificado en 1,6 millóns de euros. O Delegado do Goberno, comentou ademais con Juventino Trigo o investimento previsto na Casa Cuartel da Garda Civil e outras liñas de axuda dirixidas a municipios e particulares.
21-10-2022 -

Fene súmase á conmemoración do 25º aniversario do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade conmemora hoxe os seus 25 anos de andaina cun gran acto no que se recoñece o labor dos concellos fundadores -entre os que se atopa o de Fene- e das entidades que impulsaron esta rede na que un cento de municipios e tres deputacións comparten un firme compromiso cos Dereitos Humanos e coa loita contra a pobreza e as desigualdades a nivel global. Representantes da administración local, da Xunta de Galicia e da Delegación do Goberno participan neste evento no que os países do Sur están representados polo presidente da Asociación Nacional de Municipios Caboverdianos. 
21-10-2022 -

Asinados os convenios de colaboración correspondentes ás subvencións nominativas a entidades culturais e deportivas de Fene

O alcalde de Fene, Juventino Trigo, e representantes das asociacións AVV Magalofes, AVV Limodre, CMI Unidade de Fene, Airiños de Fene, ACRD O Pote, CPS San Valentín, Liga de Amigos de Barallobre, Anpas de Centieiras e Os Casais, Escudería Scratch e Asociación de Voluntarios de Protección Civil, reuníronse este mediodía na Casa do Concello para asinar os convenios de colaboración entre o Concello de Fene e as distintas entidades. Convenios que no seu conxunto (incluídos os xa asinados previamente con Os Centolos e Felicia), ascenden a 58.000 €, dos cales 44.300 € son para entidades culturais; 5.500 € para ANPAS; 5.000 para entidades deportivas e 3.000 para voluntariado de Protección Civil.
21-10-2022 -

Paco Nogueiras presenta “C@nto contigo” o vindeiro mércores na Casa da Cultura de Fene

“Música, baile e risas para sacar a lingua a voar, achegando o galego á xente miúda e ás súas familias de xeito lúdico e divertido”. Defínese así o espectáculo “C@nto contigo” que o actor e músico galego Paco Nogueiras trae a Fene o vindeiro mércores, 26 de outubro. A actuación será ás 18 horas no salón de actos da Casa da Cultura, no marco da Rede de Dinamización Lingüística da Xunta de Galicia que ten como oxectivo “a promoción do uso da lingua galega”. Entrada de balde até completar o aforo.
 
20-10-2022 -

XXXIV Xuntanza de Gaiteiros de Airiños de Fene

O sábado 29 de outubro a partir das 19.30 horas, a Banda de Gaitas Tradicional Airiños de Fene celebrará na sociedade Agarimo de Sillobre a XXXIV Xuntanza de Gaiteiros, encontro que vén organizando todos os anos desde 1988 coa colaboración do Concello de Fene. Nestas xuntanzas, amais da participación de distintas bandas, grupos ou músicos, aprovéitase a ocasión para realizar unha homenaxe a algunha persoa, grupo ou entidade que se caracterizou por gardar, recoller, recuperar e dar a coñecer a nosa música tradicional. Nesta XXXIV Xuntanza, Airiños homenaxeará ao Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira.
20-10-2022 -

Taller de defensa persoal, autoconfianza e empoderamento para rapazas entre 13 e 18 anos

A Concellaría de Benestar Social e Igualdade de Fene abre o prazo para participar no taller “Defensa persoal, autoconfianza e empoderamento” que se desenvolverá durante 9 meses, de novembro de 2022 a xuño de 2023, os martes e xoves de 18:30 a 19:45 horas nas instalacións do C.M.I. Unidade de Fene. A actividade é gratuita e vai dirixida a mulleres de entre 13 e 18 anos co obxectivo de "formalas en defensa persoal e así mellorar a confianza en sí mesmas, tendendo ao seu empoderamento". Así, as participantes aprenderán a defenderse empregando técnicas de distintas disciplinas como Kicboxing ou Taekwondo.
19-10-2022 -

O Concello de Fene mellorará as comunicacións con Vilar do Colo desde Barallobre e Maniños

O Concello de Fene adxudicou recentemente en 112.410 euros as obras de mellora dos accesos ao Vilar do Colo desde o cemiterio municipal e desde a estrada dos Casais. Dúas vías secundarias moi utilizadas por persoas traballadoras e tamén por veciñanza en xeral que acode aos distintos servizos dispoñibles no polígono. De feito, o proxecto adxudicado a Canarga Construcciones S.L. prevé mellorar a seguridade nun tramo da Rúa das Áncoras e, en colaboración co Concello de Cabanas, tamén a rotonda de acceso á vía rápida VG-1.2 e á AP-9.
17-10-2022 -

O ciclo Contando Ciencia aborda o xoves 27 de outubro a investigación “na procura da fonte da xuventude”

O investigador do Sergas Manuel Collado Rodríguez é o protagonista da segunda sesión do ciclo Contando Ciencia, que organiza a Biblioteca “O Segrel do Penedo” do IES de Fene coa colaboración da Concellería de Ensino. A cita será o xoves 27 de outubro, ás 19.30 horas na Casa da Cultura de Fene, con entrada libre e de balde até completar o aforo. E o tema que abordará será o da “procura da fonte da xuventude”.