CONCELLERÍA DE PERSOAL, SEGURIDADE, FORMACIÓN E EMPREGO
Lista de aspirantes a bibliotecario/a e axudante de arquivo-arquiveiro/a
10-10-2016
Publicado no BOP do 10 de outubro a convocatoria do proceso selectivo para a creación dunha lista de aspirantes a bibliotecario/a e axudante de arquivo-arquiveiro/a, mediante o sistema de concurso libre
O prazo de presentación de solicitudes de participación será de 10 días hábiles, contados a partir do seguinte ó da publicación das presentes bases no Boletín Oficial da Provincia.
Requisitos: Serán requisitos mínimos dos aspirantes a esta selección de persoal:
– Ter a nacionalidade española, sen prexuízo de ter outra nacionalidade que lle permita o acceso ó emprego público de conformidade co disposto no artigo 52 Lei 2/2015 do emprego público de Galicia.
– Posuír a capacidade funcional para o desempeño das tarefas.
– Ter cumpridos dezaseis anos e non exceder, se é o caso, da idade máxima de xubilación forzosa.
– Non ter sido separado mediante expediente disciplinario do servizo de calquera das Administracións Públicas ou dos órganos constitucionais ou estatutarios das Comunidades Autónomas, nin se achar en inhabilitación absoluta ou especial para empregos ou cargos públicos por resolución xudicial, para o acceso ao corpo ou escala de funcionario, ou para exercer funcións similares ás que desempeñaban no caso do persoal laboral, no que tivese sido separado ou inhabilitado. No caso de ser nacional doutro Estado, non se achar inhabilitado ou en situación equivalente nin ter sido sometido a sanción disciplinaria ou equivalente que impida, no seu Estado, nos mesmos termos o acceso ao emprego público.
– Posuír o título de diplomado ou graduado universitario en biblioteconomía e documentación ou equivalente.
Os anteriores requisitos deberanse reunir con referencia ó último día de prazo de presentación das solicitudes.
Documentación:
As solicitudes para tomar parte nas probas selectivas presentarse conforme ó modelo que figura no anexo I e dirixiranse ó alcalde da corporación expresando que reúnen tódolos requisitos esixidos na base anterior.
Presentaranse no rexistro xeral do concello, podendo presentarse tamén conforme ó sinalado no artigo 38.4 da Lei 30/1992.
Á instancia, conforme ó modelo que figura no anexo I, acompañarase inescusablemente da seguinte documentación:
– Copia compulsada do documento nacional de identidade, ou pasaporte.
– Copia compulsada do título que acredita como requisito mínimo para acceder ó proceso selectivo.
– Documentos que acrediten os méritos alegados para a fase de concurso conforme á base sétima. A prestación de servizos deberá acreditarse co certificado expedido polo fedatario público da correspondente administración ou coa copia cotexada do nomeamento/contrato de traballo e o informe de vida laboral.
A formación acreditarase mediante título correspondente ou certificado da entidade/organismo que realizou a actividade formativa, orixinais ou copias debidamente cotexadas.
– De ser o caso, copia compulsada do CELGA 4 ou equivalente, co que quedarán exentos do exame de galego.