Novas

26-08-2021

O 1 de setembro as instalacións da piscina municipal de Centieiras abren as súas portas

O Concello de Fene abre as instalacións da piscina municipal de Centieiras con aforo limitado e continuando coas medidas preventivas pola COVID a partir do vindeiro mércores 1 de setembro

O horario de apertura das instalacións será de luns a sábado de 17.00 a 22.00h cun aforo do 50%

Como medidas complementarias, o protocolo indica que á entrada se rexistrarán os datos e se lle tomará a temperatura a todas as persoas usuarias. Unha vez dentro terán que gardar sempre 1,5 metros de separación nos movementos que fagan polo recinto e tamén durante a práctica deportiva.

O uso da máscara non será obrigatorio no vaso no momento de nadar pero si no ximnasio a hora de facer o exercicio tendo que manter a distancia interpersoal-, e haberá que poñela si ou si para ir e vir dos vestiarios, aínda que se poida gardar a separación.

Os adestramentos na piscina e no ximnasio faranse en quendas asignadas de 45 minutos de duración e, ademais, será necesario entrar en Centieiras como mínimo un cuarto de hora antes do inicio da actividade e marchar, como moi tarde, quince minutos despois de rematar.

Desta maneira o Concello busca ter sempre controlado o aforo e garantir que a planificación horaria se cumpra sen retrasos, pero tamén reservar tempo suficiente para que o persoal de limpeza desinfecte os vestiarios entre faixas horarias.

Para acceder poderase mercar a entrada na instalación ou ben empregar o Bono deporte do Concello de Fene, con dereito a utilizar o ximnasio e mailo vaso indistintamente ou ben combinar ambas opcións, sempre que sexa en franxas horarias consecutivas. Na piscina non poderá haber máis de 3 persoas por rúa ao mesmo tempo e no ximnasio o límite está fixado en 6 usuarias.
11-08-2021

As citas para apuntarse nas escolas deportivas municipais empezarán a darse o 1º de setembro

Nos últimos días foron moitas as veciñas e veciños que contactaron co departamento de Cultura e Deportes para interesarse polas inscricións nas escolas deportivas municipais de Fene, nalgúns casos coa intención de formalizar xa a matrícula. Porén, desde a Concellaría infórmase -e insístese- en que o prazo de matrícula presencial estará aberto do 9 ao 24 de setembro e será obrigatorio pedir cita previa para facer o trámite, que se centralizará no pavillón da Xunqueira. As veces poderán solicitarse a partir do 1 de setembro chamando ao 981 492 804 ou ao 607 626 812. As actividades comezarán ao longo da primeira semana de outubro.
02-08-2021

O Concello de Fene aproveita o verán para facer labores de mantemento nas instalacións deportivas

Os departamentos de Deportes e Obras do Concello de Fene están levando a cabo distintas actuacións en varias instalacións municipais co obxectivo de telas listas para o arranque da nova temporada 2021-2022 que botará a andar tralo verán. Durante o mes de xullo acondicionouse o perímetro do campo dos Pinares, en Perlío, e tamén se reparou parte do muro do campo de Maniños. Ademais fíxose unha revisión xeral da maquinaria da piscina de Centieiras e preto de alí, na polideportiva cuberta, xa se colocaron dispositivos para aparcar bicicletas. Os traballos continuarán durante os meses de agosto e setembro.
08-07-2021

O xoves 15 de xullo abre o prazo de solicitude de horas de adestramento de pretempada e tempada nas instalacións deportivas municipais

A Concellería de Deportes de Fene informa de que o xoves día 15 de xullo abre o prazo de solicitude de horas de adestramento para a PRETEMPADA no Campo de Fútbol de "Os Pinares" e no Pavillón Polideportivo Municipal de "A Xunqueira"; e para a TEMPADA 2021/2022 no Campo de Fútbol "Os Pinares" e nos pavillóns municipais de "A Xunqueira" (San Valentín) e "O Ramo" (Barallobre). Aqueles clubs interesados en solicitar horas de adestramento deberán remitir nas datas que se indican a continuación a relación de horas que solicitan de cada instalación para a pretempada e para a tempada 2021 -2022.
25-06-2021

Horario verán nas instalacións deportivas municipais

A partir do día 1 de xullo e ate o 30 de setembro as instalacións deportivas municipais terán o seguinte horario de apertura.

PISCINA MUNICIPAL DE CENTIEIRAS
Do 1 ó 16 de xullo
* De luns a sábado de 09:00 a 13:30 h.
* Domingos pechada
Do 17 de xullo ó 31 de agosto esta instalación estará pechada ao público.
Do 1 ó 30 de setembro
* De luns a venres.- 17:15 a 21:45 h.
* Sábados.-  17:15 a 20:15 h.
* Domingos.- Pechado
PAVILLÓN A XUNQUEIRA
Do 1 ó 7 de xullo,  instalación aberta polas mañás para a reserva de prazas curso 21/22.
Do 8 de xullo ao 31 de agosto instalacíon pechada, só se abrirá para actividades puntuais que poida organizar o concello.
Do 1 ó 30 de setembro.
De luns a venres
Mañás.- de 08:30 a 13:30
Tardes.- de 18:00 a 22:00 (adestramentos de pretempada)
PAVILLÓN O RAMO
Permanecerá pechado ao público dende o 1 de xullo ate o 30 de setembro.
11-06-2021

IX Trofeo de Baile Deportivo Concello de Fene este domingo no pavillón de A Xunqueira

O pavillón de A Xunqueira, en San Valentín, acollerá este domingo 13 de xuño a IX edición do Trofeo de Baile Deportivo Concello de Fene. Puntuable para o ránking nacional, celebrarase en horario de 11.30 a 19.30 horas coa participación de bailaríns e bailarinas de todas as idades.
08-06-2021

Caiac, Paddle-Surf, ximnasia de mantemento e un campamento no CMI Unidade de Fene engádense á oferta lúdica municipal para o verán

O Concello de Fene desenvolverá ao longo dos meses de xullo e agosto o programa de conciliación "Un verán diferente II", que tivo aberto o prazo de preinscricións até o 4 de xuño. Porén, a maiores destas actividades para rapazada de 3 a 12 anos, o consistorio tamén ten preparadas outras propostas dirixidas tanto a nenas e nenos como a mocidade e persoas adultas. Así, en colaboración co Mesón O Emigrante, desde principios de xullo e ata mediados de agosto poderemos gozar das augas de Almieiras navegando en caiac ou practicando paddle surf e durante os dous meses centrais do verán tamén teremos ximnasia de mantemento ao aire libre no paseo marítimo de San Valentín. Ademais, o Concello e o CMI Unidade de Fene tamén colaboran na organización do campamento lúdico e deportivo "Dálle ao play", que terá lugar nas instalacións da entidade na primeira quincena de agosto. Para anotarse nestas actividades -agás para a ximnasia, que non o require e será de balde- hai que solicitar cita previa desde este mércores 9 de xuño contactando co Departamento de Cultura e Deportes nos teléfonos  607 615 962 / 981 340 366.
31-05-2021

Reserva de prazas para as escolas deportivas de piscina e pavillón da Xunqueira

A partir deste martes, 1 de xuño, o alumnado matriculado no mes de maio de 2021 (que non teña cotas pendentes de pagamento) poderá solicitar cita previa para a reserva de prazas para o vindeiro curso nas escolas deportivas municipais de piscina e pavillón da Xunqueira. Para solicitar cita previa cómpre chamar por teléfono (981 492 804 / 607 626 812 / 981 340 936) de luns a venres, de 9.00 a 14.00 ou de 16.00 a 21.00 horas. A reserva de prazas (sempre baixo o sistema de cita previa) realizarase do 7 de xuño ao 6 de xullo, presentando o carné de usuario/a e, para quen desexe domiciliar o pagamento trimestral, achegando un recibo do banco co IBAN e os 20 díxitos da conta.
25-02-2021

As instalacións deportivas municipais abren ao público

O Departamento de Deportes do Concello de Fene informa de que á vista da flexibiliación das restriccións decretadas pola Xunta o pasado día 26 de xaneiro,  e á espera da publicación da correspondente Orde no DOG,  as instalacións deportivas municipais voltarán a abrir ao público e  reanudaran a súa actividade gradualmente deste modo:
PISCINA MUNICIPAL DE CENTIEIRAS
  • Apertura ao público,  sábado día 27 de febreiro no horario de apertura establecido antes das últimas restriccións do 26 de xaneiro
  • Reinicio de escolas deportivas que se desenvolven na instalación o sábado 27 de febreirio. Poderán asistir   os usuarios inscritos nos cursillos en semanas alterna que lles corresponda a partir dese día.
PAIVLLÓN MUNICPAL A XUNQUEIRA E PAVILLÓN MUNIPAL O RAMO
  • Apertura ao públco, luns día 1 de marzo no horario de apertura establecido antes das últimas restriccións do 26 de xaneiro
  • Reinicio das escolas deportivas que se desenvolven na instalación o luns 1 de marzo. Poderán asistir os usuarios nos días e horas que tiñan as súas actividades programadas.
  • Alugueiros de pistas e espazos para clubes e particulares, o luns 1 de marzo segundo estableza a nova Orde que publique a Xunta de Galicia.
ACTIVIDADES DEPORTIVAS QUE SE DESENVOLVEN FÓRA DO PAVILLÓN E PISCINA (Kárate e Judo), Ximnasio da casa da Cultura
  • Reinicio das actividades o luns 1 de marzo.
O concello de Fene que recórdalles:
- Que é obrigatorio o uso de máscara durante o acceso, estancia e o desenvolvemento da actividade deportiva dentro das instalacións, agas no transcurso das escolas de natación.
- A ratio de alumnos nas actividades serán os autorizados pola normativa sanitaria  que se publique na nova Orde da Xunta.
07-12-2020

O Memorial Adolfo Ros posponse a 2021

O Concello de Neda ven de anunciar que tras manter diversas xuntanzas de traballo, os Concellos organizadores; Neda, Fene, Ferrol e Narón; acordaron unanimemente aprazar ata decembro de 2021 a celebración do Memorial Adolfo Ros “Volta á Ría” que, inicialmente, estaba previsto realizar o domingo 13 de decembro. A situación motivada pola covid-19 está loxicamente na raíz da decisión.

Organizada de forma conxunta polos catro concellos polos que discorre, este ano a dirección recaía en Neda. A Adolfo Ros cumpriría a súa XXXV edición, unha carreira en memoria do deportista que lle dá nome, falecido o 18 de agosto de 1985 nun acto de heroicismo ao tentar rescatar por segunda vez a varios bañistas na praia de Doniños.

Trátase cada ano dunha carreira secundada por centos de deportistas (federados e non federados) e, en 2019, alcanzaba os 700 participantes de todas as idades. Unha carreira con categoría adaptada e incluída no calendario da Federación Galega de Atletismo que é, na actualidade, un referente non só na comarca senón en Galicia.