Novas

01-02-2021 -

A Policía Local de Fene intensifica a vixilancia para o cumprimento da normativa COVID

Dende que comezou a pandemia, a Policía Local de Fene tramitou 59 denuncias relacionadas coa Covid 19 e as distintas normativas de seguridade e hixiene decretadas polas autoridades sanitarias nestes meses. A maioría das sancións rexistradas en Fene foron por incumprimento das restriccións á mobilidade e do peche perimetral e, en segundo lugar, polo non uso da máscara en espazos públicos, aínda que tamén se tramitaron algunhas denuncias relacionadas cos horarios e aforos en establecementos de hostalería e comerciais. A última das intervencións realizadas polos axentes locais foi durante esta pasada fin de semana nun botellón no que participaban 6 mozos e mozas na parroquia de Perlío, tramitándose as correspondentes propostas de sanción. 

Nos últimos tempos, a Policía Local de Fene está a traballar de xeito coordinado coa Garda Civil de Fene e de Tráfico, participando en actuacións conxuntas de control da mobilidade e de peches perimetrais.

Tendo en conta que a situación sanitaria do concello de Fene continúa a ser preocupante (no día de hoxe notificáronse 150 casos activos e a incidencia acumulada continúa a estar por riba dos 1000 casos nos últimos 14 días), dende a Policía Municipal insisten na necesidade de cumprir escrupulosamente coas medidas de seguridade e hixiene implantadas: respectar as restricións á mobilidade (peche perimetral individual dos concellos); saír da casa só o imprescindible; evitar as relacións sociais (só con convivintes); empregar sempre a máscara ao saír da casa, tamén para facer deporte; manter a distancia de seguridade de 1,5 m; lavar ou desinfectar as mans con frecuencia; e autoconfinarse se nos atopamos mal, se demos positivo ou se tivemos contacto estreito con algún caso confirmado ou que estea á espera de que lle fagan unha PCR. E, no caso de notar síntomas, chamar ao 900 400 116 (ou ao 061 se son graves).
27-01-2021 -

O Concello pecha instalacións deportivas e culturais e tamén os parques infantís

Desde hai unhas horas están en vigor as novas medidas decretadas pola Xunta para tentar frear o avance do coronavirus que se manterán, polo menos, até o próximo 17 de febreiro. O máis destacado é o mantemento do peche perimetral do concello e do toque de recollida entre as 10 da noite e as 6 da mañá, ademais da redución dos grupos só a persoas conviventes, o peche da hostalaría (que só poderá atender entregas e reparto a domicilio) e a obriga de baixar a persiana no comercio non esencial despois das 18.00h. A situación sanitaria do noso municipio é de extrema gravedade, tras comunicar o SERGAS esta mañá un total de 153 casos activos. De acordo coas normas preventivas, o Concello  pechou todas as instalacións deportivas e culturais e, ademais, o Goberno local tamén decidiu clausurar os parques infantís e biosaudables de todo o territorio.
27-01-2021 -

Responsables da Concellería de Medio Ambiente e da asociación INDICAN reuníronse para sentar as bases das actuacións de mellora do benestar animal en Fene

Desenvolver campañas de sensibilización en relación coa convivencia e o respecto cara os gatos que viven nas colonias do termo municipal; para fomentar a adopción fronte á compra de mascotas; ou para abordar a necesidade de acabar co estigma dos mal chamados cans perigosos. Foron algunhas das iniciativas acordadas na xuntanza que o pasado venres mantivo a concelleira de Medio Ambiente, Marta Pereiro, con responsables da asociación INDICAN. O obxectivo do encontro era planificar actuacións para "mellorar a calidade de vida de todos os animais, tanto domésticos como sen domesticar, que habitan nas nosas parroquias e acadar unha maior concienciación e implicación dos nosos veciños nesta materia".
26-01-2021 -

Curso de Salvamento e Socorrismo acuático

A Deputación da Coruña organiza en colaboración có Concello de Fene un curso de Espazos acuáticos naturais e instalación deportivas (dobre certificación).

A primeira titulación comezará no mes de febreiro (espazos acuáticos naturais) e nos mes de setembro terá lugar o de instalación acuáticas.

Se tes 18 anos cumpridos é estas interesado podes presentar a túa solicitude ata o 5 de febreiro na Área de Formación e Emprego “Pancho Allegue”. Dada a situación sanitaría é preciso solicitar cita previa no teléfono 981 492 767 ou orientacion.laboral@fene.gal
26-01-2021 -

A Unidade Móbil do Centro de Transfusións de Sangue de Galicia achégase a Fene o 27 de xaneiro

O mércores 27 de xaneiro a Unidade Móvil do Centro de Transfusións de Sangue de Galicia estará en Fene, de 9.30 a 14.30 h e de 15.30 a 21.00 horas, diante do Centro de Saúde de Fene.

As persoas (maiores de 18 anos, que pesen máis de 50 quilos e que conten cunha saúde normal) que desexen doar sangue poden solicitar unha cita previa no teléfono gratuíto 900 100 828.

Dende a Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos (ADOS), lembran que DOAR SANGUE É SEGURO.
22-01-2021 -

Mensaxe do alcalde de Fene, Juventino Trigo, a propósito da grave situación sanitaria pola que atravesa o concello

O alcalde de Fene, Juventino Trigo, a propósito da grave situación sanitaria pola que atravesa o concello publica unha mensaxe a través das canles do Concello (YouTube, Facebook e web) no que solicita o compromiso, individual e colectivo, na defensa da saúde do conxunto da veciñanza. Ver mensaxe aquí.
22-01-2021 -

Tardes Activas dende a Casa

Xa se pode descargar un novo paquete de exercicios cognitivos deseñados polo Departamento de Servizos Sociais para persoas maiores de 55 anos. O documento, elaborado no marco do programa "Tardes activas dende a casa", estrutúrase nun reto á memoria para lembrar lugares do territorio por medio de fotografías, un conxunto de adiviñas e varios pasatempos imprimibles que teñen por finalidade manter o cerebro en forma.

"Tardes activas dende a casa" é unha iniciativa de dinamización pensada para todas as persoas maiores de 55 anos e non só para quen xa estivese participando nalgunha actividade do programa municipal de envellecemento activo.
20-01-2021 -

Servizo de axuda ante necesidades asistenciais urxentes

Dada a situación sanitaria a área municipal de Benestar Social e Igualdade do Concello de Fene reactiva o servizo de axuda ante necesidades asistenciais urxentes -como facer unha compra, acudir á farmacia....

Para obter máis información e acollerse, cómpre chamar de luns a venres entre as 9 e as 14.00h aos teléfonos do Centro Municipal de Servizos Sociais -981 492 706 / 981 342 607 / 607 616 840- ou enviar un correo a servizos.sociais@fene.gal.
19-01-2021 -

Continúan nos centros educativos de Fene os obradoiros de prevención de conductas adictivas

A Concellería de Benestar Social e Igualdade pon en marcha nos centros escolares  os obradoiros Non pasa nada, pasa algo?, encamiñados a mellorar a información sobre as adiccións.

As actividades estan destinados ao alumnado de 3º, 4º de ESO e FP Básica, e nestas ofrecéselles ao alumnado a manexar unha información obxectiva e veraz que lles axude a adoptar decisións autónomas e responsables en beneficio propio e social, reforzando actuacións preventivas.

Estes obradoiros  complementan os xa iniciados en decembro e enmárcanse no Programa de Saúde na Escola.
14-01-2021 -

O Concello saca adiante dunha tacada as convocatorias para 8 prazas das ofertas de emprego público de 2017, 2018, 2019 e 2020

O Concello de Fene ten en marcha nestes momentos varios procesos para a cobertura de vacantes no seu cadro de persoal que, na práctica, supoñen a maior oferta de emprego municipal dos últimos anos. Hoxe mesmo o Boletín Oficial do Estado publicou o inicio do prazo de presentación de instancias para participar no concurso oposición de tres prazas de auxiliar administrativo/a e unha de peón ou peoa do servizo de limpeza. As persoas aspirantes teñen desde este venres 15 de xaneiro ata o día 3 de febreiro para botar as súas solicitudes e acceder aos procesos selectivos destes catro postos incluídos nas ofertas de emprego público de 2017, 2018 e 2019. Porén, a cousa non para aí, xa que no mes de decembro tamén se publicaron as bases para unha praza de conserxe e para outra de administrativa/o encadradas ambas na oferta pública de 2018, pendentes de saír no BOE para que empece a correr o prazo de presentación de solicitudes. Ademais, a Xunta de Goberno Local tamén lle deu luz verde esta mañá ás bases da selección doutra praza de administrativo/a da Oferta de Emprego Público de 2020, na que tamén se recollen dúas vacantes máis que o consistorio pretende cubrir ao longo deste ano que acaba de comezar. A intención municipal é completar tamén neste 2021 os procesos de técnico de Administración xeral e Oficial de Albanelaría -da OEP de 2018- e as de Bibliotecario/a e Arquitecto/a, pertencentes á oferta de 2019.