Novas

21-11-2019 -

Juan Sobrino, Malena Carballo e Ladislau da Regueira asinan a mostra colectiva “Sinerxia 1+1=3” que se inaugura este venres en Fene

A Casa da Cultura de Fene estrea exposición este venres. Leva por título “Sinerxia 1+1=3” e está integrada por unha selección das obras de pintura, fotografía e escultura de Juan Sobrino, Malena Carballo e Ladislau da Regueira. Aberto á veciñanza, o acto de inauguración terá lugar este venres ás 18,30 horas, presidido polo alcalde, Gumersindo Galego, e coa asistencia dos creadores. A partir de entón, poderá visitarse na sala de exposicións temporais ata o 27 de decembro.
21-11-2019 -

Cabanas e Fene conclúen as obras de implantación da tecnoloxía LED no alumeado público do polígono de Vilar do Colo

O concelleiro de Promoción Económica de Fene, Juan José Franco, informou esta mañá da conclusión dos traballos para a renovación das infraestruturas de alumeado público exterior no polígono industrial de Vilar do Colo. Unha intervención que requeriu dun investimento superior aos 63.000 euros e que, na práctica, supuxo a implantación da tecnoloxía LED en toda a rede pública de alumeado da zona industrial. Así, procedeuse á renovación de 221 lámpadas de vapor de sodio e á revisión e mellora de 9 cadros eléctricos e máis as acometidas.
 
20-11-2019 -

En marcha as obras de mellora da rede de saneamento na rúa paralela a San Estevo

O alcalde, Gumersindo Galego, informou de que o Concello de Fene está a levar a cabo obras de mellora da rede de saneamento na rúa paralela a San Estevo, en Perlío, cun investimento de 47.809,47 euros. A intervención, engadiu, arrancaba este mes cun prazo estimado de execución de 60 días, e financiarase con cargo ao superávit municipal.
 
19-11-2019 -

Aberta a inscrición no obradoiro “A saúde: unha cuestión de xénero”

 A Concellería de Igualdade, a través do Servizo Municipal de Atención á Muller e Promoción da Igualdade, vén de abrir o prazo de inscrición no obradoiro gratuíto “A saúde: unha cuestión de xénero”. Pode formalizarse nos teléfonos 981 34 26 07 e 981 49 27 06, no email smam@fene.gal ou presencialmente no Centro Municipal de Servizos Sociais (Av. Do Mar Bloque 1, baixo San Valentín). Consta de dúas sesións de cinco horas, e celebrarase os días 9 e 11 de decembro, de 16,30 a 19 horas no Centro Municipal de Servizos Sociais.
19-11-2019 -

Quico Cadaval trae este venres ao Museo do Humor de Fene o seu espectáculo “Vacas, guerras, porcos e cregos”

Quico Cadaval participará este venres en Fene no ciclo de monólogos “Novembro, Mes do Humor”, que organiza a Concellería de Cultura que dirixe Rocío Bértoa co apoio da Deputación a través da Rede Cultural. Traerá o seu espectáculo “Vacas, guerras, porcos e cregos” nunha función que arrancará ás 20 horas no Museo do Humor fenés. A entrada é de balde ata completar aforo, previa retirada de convite –máximo de dous por persoa- o mesmo venres a partir das 18,30 horas.
18-11-2019 -

Visita do alumnado do colexio Cristo Rey de Ferrol ao Museo do Humor de Fene

Alumnos e alumnas de cuarto curso de Educación Primaria do colexio Cristo Rey de Ferrol participaron a semana pasada nunha visita guiada ao Museo do Humor de Fene. Unha iniciativa que se enmarca no programa de visitas guiadas que ofrece o Concello de Fene para grupos escolares, asociacións ou colectivos.
18-11-2019 -

AJE Ferrolterra trae a súa xornada de Networking a Vilar do Colo

O Centro de Negocios de Vilar do Colo en Fene (rúa Catavento, s/n) acollerá este martes 19 de novembro a xa tradicional xornada de Networking da Asociación de Jóvenes Empresarios (AJE) Ferrolterra co obxectivo de crear novas sinerxias e oportunidades de negocio para que os emprendedores teñan a posibilidade de levar a cabo novos acordos na súa búsqueda de éxito empresarial.
15-11-2019 -

Últimos días para anotarse nos obradoiros sobre o manexo do computador e móbil

O Concello de Fene lembra que a aula de informática municipal (Avda. de Naturais, 44, entresollado dereita) acollerá, do 20 ao 27 de novembro, dous obradoiros sobre o manexo do computador e sobre o uso do teléfono móbil. Dirixidos preferentemente a mulleres, son gratuítos e o prazo de inscrición permanece aberto no seguinte enderezo electrónico igualdadgalicia@inice.es ou no telefono 646385736.

As accións formativas están organizadas polo Instituto de Investigacións Científicas e Ecolóxicas (INICE), en colaboración co Concello de Fene, e teñen unha duración de 12 horas en quenda de mañá. Poderán participar todas as mulleres do concello sen límite de idade. Este programa está subvencionado polo Ministerio de Sanidade, Consumo e Benestar Social.
15-11-2019 -

O Concello activa a pé de rúa unha campaña de sensibilización contra a violencia machista

A concelleira de Igualdade, Juana Barro, anunciou esta mañá a posta en marcha dunha campaña de sensibilización contra a violencia machista co gallo da conmemoración do 25 de Novembro, “Día Internacional pola Eliminación da Violencia cara as Mulleres”. Así, dende hoxe e ata o 15 de decembro, as rúas de Fene amosarán mensaxes que inviten á cidadanía a reflexionar e recapacitar sobre esta crúa realidade como é a dos asasinatos de mulleres polo mero feito de ser mulleres, poñendo a vista na importancia dunha educación en igualdade, dende o respecto e dende a diversidade. Algo que compete a toda a sociedade, non só ás mulleres.
14-11-2019 -

Novo fin de semana coas mellores tapas en Fene

O XII Concurso de Tapas de Fene regresa esta fin de semana ao municipio para ofrecer as mellores propostas culinarias. Celebrarase mañá venres, de 20 a 22 horas; o sábado de 13 a 15 horas e de 20 a 22 horas, e o domingo de 13 a 15 horas. Once establecementos hostaleiros toman parte no mesmo, con tapas ao prezo único de 1,5 euros. Son os seguintes: Don Quijote); Friends (Mar e terra Friends); Nuevo Tarnas (Ovo en cazola); O Son da Cociña (Tosta Strogonoff); Candajo 103 (Xamón ao caldeiro); Jesy Bar (Caralludo); Pachamama (Salpicón de rape con emulsión de cítricos); Tívoli (Tosta Galega), e Encontro Leos (Salpicón).