Novas

10-11-2023 -

Abre o prazo de preinscrición para a Campaña da Neve da Deputación da Coruña

Sete nenos ou nenas de Fene poderán disfrutar dende o día 19 ata o 22 de xaneiro de 2024 da experiencia de participar na “Campaña da Neve” da Deputación da Coruña.
As idades dos nenos/as participantes serán de 11 a 15 anos inclusive, cumpridos a 31 de decembro de 2023 e aboarán 85€ (oitenta e cinco euros) como cota de participación.
Dende o luns, día 13 de novembro ata o venres, 1 de decembro de 2023, está aberto o prazo para facer as preinscricións dos nenos e nenas empadroados/as en Fene que estean interesados/as en participar na Campaña.
As preinscricións realizaranse no Departamento de Cultura e Deportes (Avenida Naturais, 44, entresollado), de luns a venres en horario de 9:00 a 13:30 horas. Nesta primeira fase só haberá que cubrir a ficha de preinscrición, que estará a disposición das familias no propio departamento, e entregar un volante de empadroamento. (os participantes deberán estar empadroados no Concello de Fene, alomenos dende o 31 de outubro de 2023).
10-11-2023 -

Publicadas as bases para a selección do alumnado traballador do obradoiro dual de emprego Reinicia X

Os Concellos de Fene, Ares e Mugardos veñen de publicar as bases reguladoras que rexerán a selección do alumnado-traballador do proxecto de obradoiro dual de emprego “Reinicia X” que organizan co cofinanzamento da Xunta de Galicia. Trátase dun programa mixto de emprego e formación que ten como finalidade mellorar a ocupabilidade das persoas desempregadas de dezaoito ou máis anos de idade, mediante a realización de obras ou prestación de servizos de interese xeral e favorecer a súa posterior inserción laboral no mercado de traballo. O obradoiro terá unha duración de 12 meses e formará 20 alumnos/as (11 de Fene, 5 de Ares e 4 de Mugardos). As especialidades que se impartirán serán: traballos de carpintería e moble (nivel 1) e aplicación de vernices e lacas en elementos de carpinteria e moble (nivel 1), con 10 alumnos/as; e atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais (nivel 2), con 10 alumnos/as- traballadores/as.
08-11-2023 -

A Casa da cultura, acollerá seis xornadas adicadas á adolescencia e adiccións así como o papel das familias na prevención das adiccións

As crianzas medran, e agora que?  é a primeira das xornadas  enmarcadas no programa familiar “Máis que un teito”, subvencionado pola Consellería de Sanidade e promovidas polo concello de Fene e a agrupación de concellos de Mugardos e Neda.
 
Será o 13 de novembro ás 18.00 h na Casa da Cultura de Fene, as persoas interesadas poderán inscribirse a través de correo electrónico ou mediante o cubrindo formulario a través do QR. 
08-11-2023 -

Airiños de Fene homenaxea este sábado a Pancho Álvarez na súa tradicional Xuntanza de Gaiteiros

A Sociedade Agarimo de Sillobre acolle este sábado, 11 de novembro, ás 20.00 horas a XXXV Xuntanza de Gaiteiros/as, actividade que Airiños de Fene organiza todos os anos desde 1988. Neste encontro, amais da participación de distintas bandas, grupos ou músicos, realízase unha homenaxe a algunha persoa, grupo ou entidade que se caracterizou por gardar, recoller, recuperar e dar a coñecer a nosa música tradicional. Na Xuntanza deste ano, a banda de gaitas fenesa homenaxeará a Pancho Álvarez.
07-11-2023 -

Aprobada a concesión das subvencións a entidades sen fins de lucro, en réxime de concorrencia competitiva, do exercicio de 2023.

Se no pasado mes de outubre asináronse os convenios das subvencións Nominativas para entidades Culturais e Deportivas do Concello de Fene, neste mes de novembro, o Concello de Fene ven de aprobar a concesión das subvencións a entidades sen fins de lucro, en réxime de concorrencia competitiva, do exercicio de 2023.

Isto é o resultado da prioridades políticas do Concello de Fene: fomentar a participación da cidadanía como xeito de contribuír á democratización da sociedade e impulsar a extensión do uso social do galego, contribuíndo á normalización do seu uso en todos os ámbitos; e dende esta perspectiva, o apoio ao movemento asociativo no seu normal funcionamento e no desenvolvemento das actividades que lle son propias, constitúe un dos piares da actuación municipal. 
07-11-2023 -

Oswaldo Digón sube este venres ao escenario do Novembro, mes do humor

“Ansia viva”, é o título do espectáculo que o monologuista e actor Oswaldo Digón presenta este venres, 10 de novembro, no ciclo “Novembro, mes do Humor” que o Museo do Humor Xaquín Marín organiza ao redor do seu aniversario. A función comezará ás 20.00 horas e a entrada será de balde aínda que, para asistir, será preciso recoller previamente invitacións - até un máximo de dúas por persoa- na conserxería da Casa da Cultura de Fene, o mesmo venres a partir das 19 horas (aforo limitado). O ciclo está organizado pola Concellería de Cultura de Fene coa colaboración da Deputación da Coruña (Rede Cultural)
02-11-2023 -

Mañá abre o prazo de solicitude de subvención ás familias para a festividade de nadal 2023-2024

A publicación hoxe do anuncio da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia establece a apertura do prazo de presentación de solicitudes dende mañá  ate o 23 de novembro.

Axudas dirixidas ás familias con nenos e nenas nados no ano 2006 e posteriores, ou 2005 e posteriores cando teñan o recoñecemento oficial de discapacidade.

Coas subvencións cubriranse os gastos derivados da adquisición de agasallos para a festividade do nadal, a saber: xoguetes, xogos, libros, material didáctico e outros obsequios que correspondan coa idade do ou da menor a quen vai dirixida a axuda.
02-11-2023 -

O Concello de Fene celebra este sábado a súa Gala do Deporte

Máis dun cento de deportistas de Fene ou vencellados a clubs de Fene serán homenaxeados este sábado, ás 20.00 horas, no pavillón de San Valentín nunha nova edición da Gala do Deporte. A cita retómase logo de tres anos de ausencia polo que, nesta ocasión, non só se recoñecerán os méritos dos/as deportistas locais ao longo da tempada 2022-23, senón tamén das dúas tempadas anteriores, 2020-21 e 2021-22. Nesta gala, a Concellería de Deportes premia os logros acadados polos/as deportistas e clubs do Concello en campionatos galegos ou de categoría superior. Tamén se homenaxeará á Asociación Por+vida, entidade promotora do programa de educación física contra a fatiga oncolóxica. A entrada ao acto será libre e de balde.
Consulte aquí a relación de deportistas.
31-10-2023 -

O humorista David Perdomo abre este venres o "Novembro, mes do humor" do Museo do humor Xaquín Marín

Catro espectáculos para público adulto co mellorciño do humor galego protagonizarán as tardes-noites dos venres ao longo do mes de novembro no Concello de Fene. Este venres, coincidindo coa entrega dos Premios Curuxa 2023 dá comezo o ciclo de monólogos “Novembro, Mes do Humor” co que o Museo do Humor Xaquín Marín conmemora o seu aniversario. Todos os espectáculos comezarán ás 20.00 horas e a entrada será de balde, previa recollida de invitacións (até un máximo de dúas por persoa) na conserxería da Casa da Cultura de Fene, o mesmo día da función a partir das 19 horas. Aforo limitado. O ciclo está organizado pola Concellería de Cultura de Fene coa colaboración da Deputación da Coruña (Rede Cultural)
30-10-2023 -

Xosé Carlos Carracedo Porto gañador da XXXVI edición do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé

Xosé Carlos Carracedo Porto, nado en Santiago de Compostela en 1990, obtivo a XXXVI edición do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé, que convoca o Círculo Mercantil e Industrial-Unidade de Fene, co apoio do Concello de Fene.

O xurado escolleu o libro de Carracedo Porto, titulado Utensilios de cociña e algúns xantares caleidoscópicos de entre 64 obras presentadas a concurso este ano.

Trátase da XXXVI edición deste Premio, creado para homenaxear ao poeta fenés Xosemaría Pérez Parallé, coñecido como O Segrel do Penedo. Poeta popular, activista literario, promotor da celebración en Galicia do Día das Letras Galegas que fora instituído polas colectividades galegas do exilio.