Novas

31-05-2022 -

A caseta de turismo abre as súas portas

Dende o mércores 1 de xuño até o 30 de setembro a oficina de turismo de Fene, coa axuda da Deputación da Couña, atenderá a visitantes e veciñanza, en horario de mañá e tarde.


A oficina emprazada na Avenida Naturais abrirá no seguinte horario: 8.30 a 14.00h polas mañás e de 15.30 a 17.00h. polas tardes, de luns a venres.

Será unha técnica especializada, quen atenderá as consultas -ademais de desenvolver outros proxectos municipais relacionados con este ámbito- durante catro meses.

Sendo uns deses proxectos a presencia do Concello de Fene en eventos como o do vindeiro día 4 de xuño no  Concello de Oroso co gallo da celebración da Primavera no Camiño Inglés. Programación da Asociación de Concellos do Camiño Inglés, na que o Concello de Fene estará presente cun stand informativo e coa actuación  da Banda Xuvenil de Airiños de Fene.
 
 
 
31-05-2022 -

Festival de fin de curso das Escolas Municipais de Música

As Escolas Municipais de Piano e Guitarra 2021/22 do Concello de Fene chegan ao seu fin. Por este motivo, a Concellería de Cultura organiza para este xoves, 2 de xuño, o festival de clausura de ámbalas dúas actividades ás que asistiron ao longo do presente curso escolar ao redor de 40 persoas. O certame comezará o xoves ás 17 horas no salón de actos da Casa da Cultura de Fene e terá como protagonista ao alumnado infantil e xuvenil das devanditas escolas.
30-05-2022 -

Abre o prazo de preinscrición para o Campionato de Fotosub Concello de Fene

O domingo 26 de xuño terá lugar o Campionato de Fotosub “Concello de Fene”, organizado polo Club de Actividades Subacuáticas Nautilus coa colaboración do Concello de Fene e a Federación Galega de Actividades Subacuáticas (FEGAS). A proba, puntuable no Circuito Galego de Fotosub, desenvolverase entre as 8:30 e as 15.00 horas nas inmediacións da Punta do Faro de San Cristobal, como lugar principal, ou na praia de Cariño, dentro da ría de Ferrol, como lugar de reserva.
28-05-2022 -

O Concello amplía en 260 prazas o aparcamento do centro urbano

O Concello de Fene rematou recentemente a preparación de dúas parcelas de 4.000 metros cadrados situadas entre a rúa da Fraga e o río Cádavo co obxectivo de habilitalas  como grande zona de estacionamento. Ademais destas, o consistorio tamén está acondicionando outras dúas, unha de 2.000 metros cercana á Praza Verde e outra duns 1.500 situada ao carón do colexio Jorge Juan. Son en total 7.500 metros cadrados que axudarán a desconxestionar Marqués de Figueroa e que, ademais, proporcionan un espazo extra de aparcamento en citas con grande afluencia de xente, como por exemplo as Festas dos Santos que se celebrarán a próxima fin de semana en Perlío.  Calcúlase que as novas superficies, froito de acordos de cesión coa veciñanza, permitirán aparcar ata 260 vehículos.
27-05-2022 -

San Xoán e San Pedro 2022

O Concello de Fene abre o prazo de solicitude para a comunicación de fogueiras en terreos públicos e particulares  para o San Xoán e San Pedro 2022.

A comunicación afecta a aquelas luminarias que teñan lugar en terreos públicos e particulares, os días 23 e 28 de xuño, a partir das 20.00 horas e ata ás 01.00 horas dos días 24 e 29 de xuño respectivamente, quedando estas perfectamente apagadas.

Unicamente poderán realizarse aquelas luminarias que teñan afectuada a COMUNICACIÓN por escrirto ao Concello de Fene, acompañando DNI do/a responsable.

A presentación será no Rexistro Xeral do Concello ou no Rexistro electrónico desta entidade, por persoas maiores de idade, dende a data de sinatura do presente Bando, ata ás 14.00 horas do 22 de xuño de 2022. As luminarias poderán realizarse únicamente os días 23 e 28 de xuño e as súas respectivas madrugadas dos días 24 e 29 de xuño respectivamente.
 
Para máis información, descarga nos documentos achegados o modelo de comunicación e o bando informativo coas condicións xerais e específicas para a realización das luminarias.
 
27-05-2022 -

ContandoCiencia chega ao seu fin cunha conferencia do biólogo Xurxo Mariño

A Casa da Cultura de Fene acollerá o mércores 1 de xuño a derradeira sesión do ciclo Contando Ciencia que organiza a Biblioteca do IES de Fene coa colaboración da Concellería de Ensino. O protagonista desta sexta e derradeira charla será o doutor en Bioloxía e profesor da UDC Xurxo Mariño. Falará sobre “Unha mirada á evolución da linguaxe” o vindeiro mércores ás 19.30 h. no salón de actos da Casa da Cultura, con entrada libre e de balde até completar o aforo.
25-05-2022 -

O mércores 1 de xuño abre o prazo de preinscrición para o Verán máis alá! 2022

Un ano máis, a Concellería de Cultura pon en marcha o Verán Máis Alá de Fene, campus lingüístico co que se pretende “facilitar unha alternativa de lecer educativo, na nosa lingua, á vez que se promove a conciliación da vida laboral e familiar”. O programa vai dirixido ao alumnado escolarizado en educación infantil e primaria nado entre os anos 2010 e 2018 (idades de referencia de 3 a 12 anos) e desenvolverase nas instalacións do CEIP de Centieiras do 4 ao 29 de xullo en horario de 8:00 a 14:00 h.. Para participar cómpre ser veciño/a de Fene (empadroado/a en Fene como mínimo dende o 2 de maio de 2022) ou acreditar ter estado escolarizado/a nun centro de ensino do concello ao longo do presente curso escolar. Ademais, novamente, o criterio de selección non será o da orde de inscrición senón a situación socio-laboral das familias.
25-05-2022 -

Coidados porta a porta

A unidade móbil de Coiados porta a porta xa está en Fene, fronte o pavillón municipal de San Valentín, preparada para ofrecer consultas básicas en podoloxía, audioloxía e estimulación da memoria. Os días 25, 26, 27 e 30 de maio atenderán totalmente de balde entre as 9:00h e as 20:00h. Todas aquelas persoas de 55 anos en diante que queiran acudir ás revisións dos pés, o oído e a memoria, poden solicitar cita previa nos teléfonos 622 748 283 - 623 546 992 ou no correo electrónico coidadosportaaporta.politicasocial@xunta.gal
23-05-2022 -

Fene acolle esta fin de semana o Campionato Galego Escolar de Ximnasia Artística

Ao redor dun milleiro de ximnastas participarán entre o sábado 28 e o domingo 29 de maio no Campionato Galego Escolar de Ximnasia Artística que se desenvolverá no pavillón A Xunqueira de San Valentín. O certame volve a Fene, onde xa se celebrara en 2018, e contará coa participación de ximnastas dos clubs Ximnasia Artística Ferrolterra, Escola Ximnasia Ferrolterra, Tempo, Ximnasia Coruña e BayoSil. A maioría das participantes serán nenas aínda que tamén haberá competición na modalidade de ximnasia artística masculina.
20-05-2022 -

O alcalde reconfigura o goberno municipal trala renuncia das tres edís do PSOE

Juventino Trigo asinou nos últimos días  as resolucións mediante as que se redistribúen as áreas ocupadas ata hai unhas semanas por Mar Piñeiro, Ana Basoa e Marta Pereiro, as tres concelleiras socialistas que renunciaron aos seus respectivos cargos despois de que o rexedor lle retirase a Piñeiro as competencias en Servizos. A grandes trazos as mudanzas limítanse a iso, a asignar a xestión de cada departamento entre o resto de membros do grupo de goberno -agora bipartito BNG-EU-  "procurando tocar o mínimo a configuración que pactamos en 2020" e, segundo o rexedor, "encarando con optimismo e ilusión os retos que nos quedan de aquí a maio do ano que vén"