Novas

01-06-2023 -

Festival de fin de curso das Escolas Municipais de Música

As Escolas Municipais de Piano e Guitarra 2022/23 do Concello de Fene chegan ao seu fin. Por este motivo, a Concellería de Cultura organiza para este venres, 2 de xuño, o festival de clausura de ámbalas dúas actividades ás que asistiron ao longo do presente curso escolar ao redor de 30 persoas. O certame comezará o venres ás 17 horas no salón de actos da Casa da Cultura de Fene e terá como protagonista ao alumnado infantil e xuvenil das devanditas escolas.

No decurso do Festival de Fin de Curso das Escolas de Música de Fene soarán temas clásicos e composicións tradicionais, todo un repertorio musical protagonizado polo alumnado da escola.

Actuación aberta ao público
30-05-2023 -

A unidade móbil do programa “Coidados porta a porta” visitará Fene a mediados de xuño

As persoas maiores de 55 anos son as destinatarias do programa “Coidados porta a porta” da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia que ten como obxectivo prestar gratuitamente distintos servizos como: prevención da xordeira (atención básica, informativa e de prevención); podoloxía (para a prevención, diagnóstico e tratamento das principais patoloxías dos pés como eliminación de durezas, control de unllas ou calosidades); e prevención do alzhéimer e outras demencias neurodexenerativas (probas de valoración cognitiva e estimulación da memoria). O prazo de solicitude de cita previa para beneficiarse destes servizos xa está aberto.
29-05-2023 -

Eleccións municipais 2023

Cunha participación do 56,02%, os resultados provisionais publicados das eleccións locais en Fene son:
O BNG sumou 2399 votos e o 39,75%
O PP sumou 1959 votos e o 32,46%
O PSdeG-PSOE acadou 1.073 votos e o 17,77%
EU obtivo 451 e o 7,47%
Último/a concelleiro/a electo: Partido Popular
Candidatura máis próxima a obter o último concelleiro/a: EU  a 203 votos
 
Fonte: Ministerio Interior. Aquí
26-05-2023 -

O peirao de Barallobre reestrea parque infantil

25-05-2023 -

A Casa da cultura, acollerá dúas xornadas adicadas á adolescencia e adiccións así como o papel das familias na prevención das adiccións

Xornadas enmarcadas no programa familiar “Máis que un teito”, subvencionado pola Consellería de Sanidade e promovidas polo concello de Fene e a agrupación de concellos de Mugardos e Neda; encamiñadas a sensibilizar, mellorar e complementar a información sobre a prevención familiar das condutas adictivas de maneira precisa e axeitada.
24-05-2023 -

Daniel Romero gañador, na categoría de persoas, do Premio Rosalía de Castro da Deputación

O Concello de Fene, e en especial o Departamento de Cultura, ten o pracer de compartir e difundir a nova da Deputación Provincial de A Coruña, onde da a coñecer os gañadores dos Premios Rosalía de Castro da Deputación. Gañadores entre os que se atopa Daniel Romero, xestor de actividades culturais do noso Concello. Un merecido premio que nos enche de fachenda.

O xurado recoñeceu o labor das catro propostas premiadas na promoción e dignificación social do patrimonio lingüístico de Galiza, tanto no ámbito territorial da provincia como no resto do país.

Na categoría de persoa, o xurado decidiu premiar a noso compañeiro Daniel Romero, xestor de actividades culturais e de normalización lingüística no Concello de Fene, por "abrir novos camiños e innovar en diferentes ámbitos sociais e de dinamización da lingua, realizando un traballo continuado durante décadas". No seu informe, o xurado tamén salienta que "o seu exemplo, coherencia e compromiso convérteo no faro das persoas dedicadas á normalización lingüística", tras máis de 40 anos traballando tanto desde o concello como desde outras responsabilidades profesionais nesta longa traxectoria. Da súa man, o galego chegou con forza ás tecnoloxías da información e á comunicación con iniciativas en que Daniel Romero participou como Ciberlingua, galego.org ou Vieiros.
22-05-2023 -

Últimos días para participar no XXVII Concurso de Humor Gráfico “Curuxa do Humor”

A poucos días de pechar o prazo de presentación de orixinais, a Concellería de Cultura anima aos/ás debuxantes a participar nunha nova edición dos “Premios Curuxa” do Museo do Humor Xaquín Marín. As persoas interesadas poderán entregar ou remitir os seus debuxos ao Rexistro Xeral do Concello (Praza do alcalde Ramón José Souto González, s/n, 15500 Fene, A Coruña) até o vindeiro 31 de maio. Como principal novidade, nesta edición, os Premios Curuxa inclúen una nova categoría, amais da Curuxa, para maiores de 25 anos, e da Curuxa Nova, para persoas de 16 a 25 anos. Trátase da categoría “Caricatura” na que poderán participar debuxantes a partir dos 16 anos.
19-05-2023 -

Fene acolle mañá sábado o Trofeo Deputación de Patinaxe Artística categorías Benxamín a Infantil

O certame,  organizado polo C.P. Buxaina e o Concello de Fene, desenvolverase o sábado 20 de maio no Pavillón A Xunqueira no seguinte horario:

Horarios da xornada:
De 10:00 h. a 10:10 h. – Contacto Pista Benxamín masculino e feminino
De 10:10 h. a 10:30 h. – Contacto Pista Alevín
De 10:30 h. a 10:45 h. – Competición Benxamín masculino
De 10:45 h. a 11:40 h. – Competición Benxamín feminino
De 11:40 h. a 14:00 h. – Competición Alevín
Entrega trofeos

De 16:00 h. a 16:40 h. – Contacto Pista Infantil masculino e feminino
De 16:40 h. a 17:00 h. – Competición Infantil masculino
De 17:00 h. a 19:30 h. – Competición Infantil feminino
Entrega trofeo
19-05-2023 -

O vindeiro 5 de xuño abre o prazo de matriculación provisional para o Verán Máis Alá 2023 de Fene

Volve o “Verán Máis Alá!” de Fene, campus lingüístico co que se pretende “facilitar unha alternativa de lecer educativo, na nosa lingua, á vez que se promove a conciliación da vida laboral e familiar”. O programa vai dirixido ao alumnado escolarizado en educación infantil e primaria nado entre os anos 2011 e 2019 (idades de referencia de 3 a 12 anos) e desenvolverase nas instalacións do CEIP de Centieiras do 3 ao 28 de xullo en horario de 8:00 a 14:30 h. Para participar cómpre ser veciño/a de Fene (empadroado/a en Fene) ou acreditar ter estado escolarizado/a nun centro de ensino do concello ao longo do presente curso escolar. Ademais, novamente, o criterio de selección non será o da orde de inscrición senón a situación socio-laboral das familias.
19-05-2023 -

Aberto o prazo de inscrición para o obradoiro “Un libro… unha viaxe. Creación de libro de artista”

No marco das actividades organizadas ao redor do Día das Letras Galegas e do Día dos Museos, a Concellería de Cultura de Fene anuncia un taller de creación de libro de artista, inspirado na figura de Francisco Fernández del Riego, autor homenaxeado este ano polo 17 de maio. A actividade, titulada “Un libro… unha viaxe. Creación de libro de artista”, terá lugar o sábado 27 de maio ás 11 horas nas instalacións do Museo do Humor Xaquín Marín e vai dirixida a persoas (nenos ou adultos) a partir dos oito anos. A participación no taller é gratuita pero cómpre apuntarse antes do venres 26 de maio ás 14.00 horas enviando un correo a cultura.deportes@fene.gal, indicando o nome completo da persoa e un teléfono de contacto. Prazas limitadas (10).