Novas

04-04-2022 -

Xabier Díaz e as Adufeiras do Salitre voltarán a Fene este verán para abrir o ciclo Xullo, mes da Patria

A concellería de Cultura de Fene ultima as actividades que se desenvolverán ao longo do mes de xullo no marco da conmemoración do Día da Patria Galega. O ciclo botará a andar o venres 1 de xullo no paseo de San Valentín co concerto As catedrais silenciadas, de Xabier Díaz e as Adufeiras de Salitre, e prolongarase até o día 23 con distintas actividades para todos os públicos. Salientan no programa as actuacións de Pepo Suevos, Trópico de Grelos, Blues do País e Sindicato da Verbena, Ruxe-ruxe e Boyanka-Kostova. A maioría dos espectáculos, agás o primeiro e o pasarrúas de Trópico de Grelos, terán lugar na Praza do alcalde Ramón José Souto González, con entrada de balde e aforo limitado.
31-03-2022 -

Obradoiros medioambientais nos colexios de Fene

O Colexio O Ramo de Barallobre acolleu este luns o primeiro dos obradoiros que a Concellería de Medio Ambiente de Fene levará aos centros educativos de Fene entre os meses de abril e maio. A actividade consistiu na construción de refuxios para morcegos por parte do alumnado de Primaria do centro que tamén recibiu unha charla sobre a importancia deste mamífero voador no ecosistema. O obradoiro terá continuidade nuns meses cunha nova sesión na que os rapaces e rapazas poderán instalar no medio natural os refuxios para morcegos que elaboraron nas aulas.
31-03-2022 -

Fene acolle estes días un curso de Técnicas de Busca de Emprego da Mancomunidade

Dez mulleres participan dende este martes no Curso de Técnicas de Busca de Emprego que organiza a Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol coa colaboración da área de Formación e Emprego “Pancho Allegue” de Fene, no marco do Programa Integrado de Emprego. Cunha duración de 20 horas, esta acción formación ten por obxectivo “adquirir as técnicas e estratexias necesarias en relación ao proceso de procura de emprego”.
31-03-2022 -

O Concello licita en 54.000 euros a reparación dos principais parques infantís de Sillobre e Limodre

Os parques infantís da Hortiña, en Limodre, e do Souto, en Sillobre, contarán dentro de pouco tempo con novo equipamento de xogos e unha mellor accesibilidade. Así se recolle o proxecto licitado polo Concello co obxectivo de rehabilitar estes dous espazos e adaptalos á normativa autonómica de seguridade. O investimento previsto inicialmente ascende a 54.041,16 euros, impostos incluídos, que seguramente se vexa reducido na oferta gañadora do contrato. Ao procedemento, dividido en dous lotes, presentáronse nove firmas do sector. A adxudicación é inminente, despois de que este mesmo martes se reunise a Mesa de Contratación para facer a valoración técnica e económica das propostas rexistradas.
30-03-2022 -

O Universo Feminino de Carmen Prado recala en Fene

A Casa da Cultura de Fene acolle este sábado, 2 de abril, a inauguración da exposición Universo Feminino, da pintora luguesa Carmen Prado. O acto, previsto para as doce do mediodía, contará coa presenza da artista, do alcalde de Fene, Juventino Trigo, e do concelleiro de Cultura, Justo Ardá. A mostra de Carmen Prado poderá visitarse en Fene dende este sábado até o vindeiro 29 de abril, de luns a venres, de 10.00 a 13.00 horas e de 16.00 a 21.00 horas, e os sábados, de 10.00 a 13.00 horas. Durante a Semana Santa o horario será: o luns 11, o martes 12, o mércores 13 e o luns 18 de abril, de 10.00 a 14.15 horas. De Xoves Santo a Domingo de Pascua, a instalación permanecerá pechada.
28-03-2022 -

O Concello de Fene ampliará o saneamento aos lugares da Lagarteira e Rañoa, en Sillobre

O Perfil de Contratante do Concello de Fene ten publicado desde hai días o procedemento de contratación das obras que permitirán levar o saneamento municipal aos lugares de Rañoa e da costa da Lagarteira, en Sillobre, con idea de conectalo á rede principal que chega neste momento ao núcleo de Orra. O investimento está cuantificado en 149.091,32 euros, IVE incluído, e as empresas teñen de prazo até o 11 de abril para achegaren as súas ofertas. A actuación forma parte do programa municipal de ampliación dos servizos básicos no rural. Neste caso concreto trátase dun proxecto demandado pola veciñanza da zona que o Concello tiña planeado desde hai varios anos e que, ao final -e tras varias vicisitudes-, volve entrar na fase de licitación pública.   
25-03-2022 -

Medio Ambiente pon en marcha a recollida selectiva de pilas en instalacións municipais

A Concellería de Medio Ambiente ven de asinar un convenio de colaboración coa Fundación Ecopilas para implantar en Fene a recollida de pilas en instalacións municipais. Froito deste acordo, a Casa do Concello conta xa cun colector no que a veciñanza pode depositar pilas usadas e/ou baterías. Ademais, en breve, Ecopilas instalará tamén colectores noutros edificios públicos como a Casa da Cultura ou os pavillóns municipais, ocupándose a entidade da recollida e xestión deste tipo de residuos. A concelleira de Medio Ambiente, Marta Pereiro, anima aos feneses a facer uso dos novos contenedores “para evitarmos os danos ao medio ambiente ou á saúde que podería provocar unha xestión inadecuada das pilas usadas”.
23-03-2022 -

Presentación de Gomets na biblioteca de Fene

A biblioteca municipal Xosemaría Pérez Parallé acolle este xoves, 24 de marzo, ás 18 horas, a presentación da novela Gomets, da escritora María Isabel Cagiao Branco. A entrada ao acto será de balde até completar o aforo.
Gomets conta a historia dunha nena chamada Bely que vive nun pequeno pobo galego. A medida que vai medrando, a pequena sofre unha transformación na súa forma de ser que da lugar a unha nova personalidade, Adela. Neste libro relátanse diferentes aventuras de Bely-Adela en lugares máxicos e con diversas personaxes peculiares
22-03-2022 -

Xuntanza do alcalde de Fene cos comités de empresa de Navantia Fene e Ferrol

O alcalde de Fene, Juventino Trigo, reuniuse esta mañá coas permanentes dos comités de empresa de Navantia Fene e Ferrol. Na xuntanza abordouse a situación da empresa Navantia na bisbarra e algúns dos principais problemas aos que se enfronta nestes intres. Entroutras cuestións, os comités trasladaron ao primeiro rexedor fenés a súa reivindicación dun proxecto industrial que aclare o futuro dos asteleiros e pediron o seu apoio para que se cumpran os compromisos acadados en materia de obras e investimentos. Tamén lle transmitiron a súa preocupación polo incumprimento do chamado "Plan de incorporación de plantilla" xa que, segundo explicaron, "a 31 de decembro do ano pasado, no canto das 102 incorporacións que estaban previstas nos asteleiros da ría de Ferrol, somentes se produciran 9". Na xuntanza, o alcalde de Fene, Juventino Trigo, trasladou o seu apoio aos representantes dos traballadores do naval e manifestou a importancia dos investimentos neste sector para o emprego na comarca.
 
22-03-2022 -

Concentración de condea e rexeitamento polo asesinato por violencia machista en Barro

Dende a Concellaría de Igualdade do Concello de Fene, convócase ao persoal do Concello, ao persoal político e a todas as persoas que desexen unirse, a unha concentración silenciosa, hoxe martes ás  12:00 h, na porta da Casa do Concello para manifestar públicamente a condea e rexeitamento polo ASASINATO POR VIOLENCIA MACHISTA  de JÉSSICA MÉNDEZ de 29 anos ocorrido en Barro
Agradecemos de antemán a vosa asistencia como xesto de condea, repulsa e solidariedade.