Novas

10-12-2021 -

Fene aproba a oferta de emprego público de 2021 para a cobertura de 34 postos de persoal laboral e funcionario

O Boletín Oficial da Provincia deste venres 10 de decembro recolle o acordo adoptado hai unha semana pola Xunta de Goberno Local de Fene relativo á oferta de emprego público deste ano. Na lista reflíctense ata 34 vacantes para persoal laboral e funcionario que atenden ás necesidades de reposición por xubilacións nos distintos servizos e ao obxectivo de estabilizar postos de emprego temporal, ademais de prever a cobertura de tres prazas mediante promoción interna. Trala publicación da OEP-2021, o Concello deberá ter completados os procesos selectivos e a incorporación do persoal no prazo máximo de tres anos que, porén, o Goberno local agarda non esgotar.
07-12-2021 -

O Concello de Fene facilitará a construción de vivendas unifamiliares en varias zonas do rural

O Goberno local de Fene levou a pleno o xoves pasado o inicio do trámite de revisión parcial do actual planeamento urbanístico co obxectivo de crear cinco novas zonas de núcleo rural en Magalofes, Sillobre e Maniños. A proposta de modificación puntual do PXOM -aprobada só co apoio de BNG, PSOE e EU- pretende desbloquear a posibilidade de novas construcións unifamiliares nos Buios, O Redondo, O Feal, Lubián e O Piñeiro, mentres se avanza na elaboración do novo planeamento urbanístico de Fene. De feito, a modificación que agora se promove quedará incorporada ao futuro PXOM, contemplando ademais os usos terciarios do chan que require a posta en marcha de pequenos negocios.
07-12-2021 -

O venres día 10 abre o prazo de inscrición nas actividades deportivas deste Nadal

De cara o Nadal, o Concello de Fene, a través da Concellería de Deportes, anunciou esta mañá os prazos de inscrición nas actividades deportivas programadas: campanadal, patinaxe, xogos acuáticos en familia  e obradoiro de guateo e pateo.

A inscrición debe formalizarse nas dependencias administrativas do departamento de deportes (avenida naturais 44) dende o día 10 ata o día 22. As persoas interesadas deberán de  solicitar cita previa no Departamento de Cultura e Deportes do Concello de Fene no teléfono 981 340 366. De luns a venres: De 8:00 a 14:00 horas.

Completan a programación a  actividade de xogos acuáticos en familia  e a exposición Galiza unha selección. Exposición impulsada por Vía Galega coa colaboración do Concello de Fene, que se poderá visitar no pavillón polideportivo da Xunqueira (San Valentín) do 10 ao 30 de decembro de 2021.
03-12-2021 -

O alcalde de Fene participou o pasado mércores na inauguración do V Galician Offshore International Hub

Juventino Trigo saudou a escolla da nosa comarca para esta quinta edición do Galician Offshore International Hub, convertendo a Ferrolterra na sede dun dos máis importantes foros de análise, reflexión e intercambio de experiencias sobre o presente e o futuro do mercado eólico offshore.

Na súa intervención o rexedor fenés salientou, “nuns momentos nos que camiñamos cara un cambio de paradigma no modelo enerxético, empresas e administracións temos que comprometernos máis que nunca coa “green deal”, co pacto verde europeo, na procura dunha economía limpa baseada nas enerxías renovables, nas cero emisións, en protexer o nos hábitat natural como única vía para mellorar o benestar das persoas e a sustentabilidade das empresas.”
03-12-2021 -

46 pilotos de Galicia e Asturias competirán este domingo no Slálom Scratch Fene

Achégase desde Barcelona José Calvar, quen adquiriu sona pola súa vitoria en diferentes carreiras pilotando de xeito espectacular un Seat Marbella. Os vehículos pelexarán por 8 trofeos especiais e polo Gran Premio Apartamentos Auga. 
A organización convidou a achegarse ese día ao polígono de Vilar do Colo para gozar coas probas, aínda que gardando todas as medidas de seguridade. 
O alcalde de Fene Juventino Trigo, a concelleira de Deportes Angeles Coira e os membros da Escudería Scratch Fene, Edgar Vigo e Fátima Ameneiro, presentaron a proba este mediodía na Casa do Concello de Fene.
Sergio Pena de Ares , Manuel Trebín có automobil club As Pontes e Manuel Souto de Oroso xogaranse este domingo no Slálom de Fene o Campionato Galego de Slálom. Pero xunto deles haberá outros pilotos que pelexen pola vitoria, segundo explicaba Edgar Vigo, da organización. A primeira manga no Slálom de Fene comezará o domingo arredor das catro menos cuarto da tarde. A segunda principiará entre as seis e as seis e media, co que se correrá xa de noite. A temperatura e a adherencia é maior coa luz do día e os coches son quen de xirar a maior velocidade. Por iso é posíbel que os tempos da primeira manga sexan mellores que os da segunda. Todo iso estará tamén marcado pola climatoloxía.
Slálom Scracth Fene. Este domingo no parque empresarial de Vilar do Colo en Fene.
02-12-2021 -

O Nadal en Fene arranca o venres 17 cunha ampla programación cultural

O departamento de Cultura do Concello de Fene avanzou hoxe mesmo o contido da súa programación de Nadal, que comezará o venres 17 de decembro e se prolongará até a véspera de reis coa tradicional cabalgata e recepción ás Súas Maxestades de Oriente. Polo medio haberá varias actividades para todas as idades  orientadas na súa maioría a público familiar. Citas que se desenvolverán seguindo os protocolos preventivos da COVID-19 e atendendo á situación sanitaria que haxa en cada momento.
30-11-2021 -

37 establecementos participan en Fene nas xornadas sobre os plans de continxencia da COVID-19 na hostalaría

A Área de Seguridade do Concello de Fene organizou onte e máis hoxe dúas sesións formativas dirixidas á hostalaría do municipio para coñecer máis en detalle en que consisten os plans de continxencia que son de obrigada aplicación por parte do sector para evitar os contaxios da COVID-19, independentemente do nivel de restricións que haxa en cada momento. Nas xornadas explícase o contido dos plans, repásanse as prácticas preventivas que se deben aplicar en todo momento -hixiene, ventilación, epis, protocolo en caso de positivos entre o persoal, etc.- e, sobre todo, estase insistindo moito en que se respecten (e se fagan respectar) as limitacións e obrigas en vigor, entre elas o uso da máscara a partir dos 6 anos, o distanciamento persoal ou as ocupacións de mesas, que neste intre teñen o tope de 8 persoas en interior e 15 en terraza, xunto co requisito de solicitar o certificado covid para consumir a partir das 21:00h no interior de bares e cafetarías (tamén locais de ocio nocturno) e durante todo o día se se trata dos comedores de restaurantes.
30-11-2021 -

O Concello financia proxectos relacionados coa cultura, o deporte, o ensino e mesmo coa seguridade cidadá

O salón de plenos do Concello de Fene acolleu esta mañá a sinatura dos convenios nominativos dirixidos a financiar distintos proxectos desenvolvidos polas entidades do territorio relacionados coa cultura, o deporte, o ensino e mesmo coa seguridade cidadá. Dos 12 colectivos para os que se reservaba crédito, finalmente só suscribiron convenio dez deles, mentres que os outros dous se viron na obriga de renunciar á axuda ante a imposibilidade de levar adiante os proxectos subvencionados debido á pandemia. A contía total asignada hoxe ascende a 44.000 euros, con achegas que oscilan entre os 500 e os 11.000 euros, dependendo da actividade. Porén esta non será a única colaboración económica do Concello co tecido social, xa que proximamente tamén se farán efectivos os 105.800 euros da liña de concorrencia competitiva.
30-11-2021 -

Apertura do prazo de inscrición no Programa Integrado de Emprego de Galicia 2021/2022

Dirixido a mulleres desempregadas dos Concellos de Cedeira, Valdoviño, Narón, Fene, Neda. Cabanas, Mugardos e Ares que cumpran polo menos algún destes requisitos: certificado de discapacidade, risco de exclusión social e beneficiarias do tramo de inserción da renda de inclusión social de Galicia, vítimas de violencia de xénero, menores de 30 anos con baixa cualificación, estar desempregadas (e inscritas como demandantes de emprego).

O seu obxectivo principal é o de mellorar a empregabilidade e facilitar a inserción laboral das participantes a través de accións formativas e de sesións individuais de orientación e asesoramento a través de un itinerario persoal de inserción.

Para máis información www.comarcaferrolterra.es, nos departamentos de emprego e formación ou servizos sociais dos concellos indicados, por correo a piemancomunidade@ferrol.es ou nos teléfonos 697874155, 670304224, 981944000 (ext 378).
 
Prazo de inscrición: aberto até 03 de decembro
29-11-2021 -

Fene licita máis de 477.000 euros en proxectos de obras

A Xunta de Goberno Local da pasada semana aprobou como un dos asuntos principais da sesión a licitación de catro proxectos de obra pública financiados con cargo ao POS+ 2021. En conxunto suman 477.299,33 euros, IVE incluído, e centraranse na ampliación de servizos básicos ás parroquias de Sillobre e Barallobre, así como na continuación do proceso de reurbanización de San Valentín. O período de recepción de ofertas para estes contratos abrirase en cuestión de días a través da Plataforma de Contratación municipal. O Concello acurtará os prazos ao mínimo permitido pola lei, co obxectivo de que se acelere no posible o trámite da adxudicación e, en consecuencia, tamén o inicio dos traballos. O executivo local tamén pretende desta maneira que se regularice o calendario de obras para que os proxectos acollidos a plans provinciais se executen dentro do ano de cada convocatoria.