Novas

16-01-2023 -

O doutor en Medicina Ángel Carracedo abre unha nova quenda de conferencias do ciclo Contando Ciencia

Sobre “A medicina xenómica” xirará mañá martes, ás 19.00 horas, a primeria sesión do ciclo “Contando Ciencia” en 2023. O programa, organizado pola Biblioteca “O Segrel do Penedo” do IES de Fene coa colaboración da Concellería de Ensino de Fene, ten como obxectivo achegar a ciencia á poboación en xeral. “Contando Ciencia” desenvólvese na Casa da Cultura de Fene un xoves (ou martes) ao mes, con entrada libre e de balde até completar o aforo. Logo desta primeira charla, protagonizada polo doutor en Medicina da USC, Ángel Carracedo, os vindeiros convidados ao ciclo serán: Carmen García Jares, doutora en Farmacia, que falará sobre a “Seguridade dos produtos cosméticos” (9 de febreiro); Fran Canosa, doutor en Xeoloxía, cunha conferencia titulada “Galicia, un paraíso xeolóxico” (9 de marzo); Bea Hervella, meteoróloga, que falará sobre “O cambio climático en Galicia” (20 de abril); e María Canosa, enxeñeira de Camiños e escritora, que pechará o ciclo falando sobre “Máis vale maña que forza”.
03-01-2023 -

Os Reis Magos entrarán en Fene por Perlío o xoves a partir das 17.30 horas

As súas Maxestades Os Reis Magos de Oriente visitarán o Concello de Fene este xoves, 5 de xaneiro, para atender as peticións dos nenos e das nenas do noso municipio. Será unhas horas antes de iniciar o seu percorrido por todos os fogares do mundo para deixar os agasallos comprometidos. Así, respondendo ao convite da Concellería de Cultura, farán un alto no seu camiño en Fene. Chegarán ás 17:30 á parroquia de Perlío, á altura do establecemento Aguilar, para percorrer a Avenida Marqués de Figueroa, Cruzamento de Fene e Avenida de Naturais para dirixirse á Praza do alcalde Ramón José Souto González onde, nunha carpa habilitada a estes efectos, terá lugar a recepción real.
02-01-2023 -

“Expresiones”, de Rebeca Alonso, abre o calendario expositivo da Casa da Cultura de Fene en 2023

Este martes 3 de xaneiro abre ao público a primeira exposición do novo ano na Casa da Cultura de Fene. Trátase de “Expresiones”, mostra de retratos estilo pop art da pintora ferrolá Rebeca Alonso. A exposición inaugurarase hoxe luns 9 de xaneiro ás 20:00h e poderá visitarse até finais de mes. 
30-12-2022 -

As previsións meteorolóxicas apuntan a que a noite virá pasada por auga, aínda que sen alertas por temporal

O Concello de Fene prosegue cos preparativos da festa coa que lle dará a benvida ao 2023 a partir das 01:00h do día de Aninovo. Unha hora despois de comermos as uvas, a carpa instalada na Praza do Alcalde Ramón José Souto González será punto de encontro para propios e alleos co obxectivo de gozar da primeira noite do ano como corresponde: con boa música, consumicións a prezos asequibles, unha decoración axeitada e un ambiente cálido tamén en canto á temperatura, xa que o recinto estará calefactado, ademais de contar con servizo de gardarroupa e aseos exteriores. As áreas de Seguridade, Servizos e Promoción económica e Turismo teñen preparada toda a loxística para que o evento sexa un éxito. Neste sentido, o Concello optou por restrinxir ao tráfico e o estacionamento a Avenida do Concello desde as 15:00h deste sábado até o mediodía do luns, aínda que o máis seguro é que a rúa volva quedar aberta xa ao mediodía ou primeira hora da tarde do domingo, unha vez que finalice o traballo do dispositivo especial de limpeza da zona.
27-12-2022 -

Todo preparado en Fene para darlle a benvida ao 2023

O Concello de Fene ultima os detalles da grande festa coa que recibirá o ano 2023 na Praza do Alcalde Ramón José Souto González. Alí xa está instalada a carpa que acollerá o evento a partir das 01:00h da noite de Aninovo, animado pola Orquestra Miramar e o picadiscos DJ Frank Fairlane, con barra a prezos populares, servizo de gardarroupa e remate, preto do amencer, con chocolate e churros de balde. A área de Promoción Económica e Turismo organiza por primeira vez unha cita deste tipo, que pretende atraer a Fene non só público do territorio municipal, senón tamén do resto da comarca. A entrada é gratuita e non require reserva previa.
26-12-2022 -

Contos e música para despedir o ano en Fene

O ciclo de actividades organizado pola Concellería de Cultura para o Nadal continúa este mércores, 28 de decembro, ás 12.00 horas, cunha sesión de contacontos a cargo do grupo Compañía Eléctrica. A función, titulada “Festa”, vai dirixida a nenas e nenos de Infantil e Primaria e desenvolverase no salón de actos da Casa da Cultura de Fene. Actividade de balde, con aforo limitado pero sen reserva previa. Tamén esta semana, o venres 30 de decembro, está prevista unha actuación da cantante e actriz Eugenia Sanmartín, co espectáculo “Curumín”. Será a partir das 21 horas no CCRD de Perlío con entrada libre e de balde.
19-12-2022 -

Abre o prazo de inscrición para o Campa Nadal e para a actividade de patinaxe para persoas adultas e rapazada

Do 19 ao 23 de decembro está aberto o prazo para anotarse no programa de conciliación e deporte Campa Nadal e na actividade de patinaxe para adultos e rapaces/as, que se desenvolverán do 2 ao 5 de xaneiro no pavillón da Xunqueira de San Valentín. As inscricións realízanse no propio pavillón en horario de 9:30 a 13:30h. Máis información nos teléfonos 981 492 804 e 981 340 366.
16-12-2022 -

O Concello convida a nenas e nenos a participar como paxes reais na Cabalgata

Fene recibirá ás Súas Maxestades os Reis Magos de Oriente o vindeiro 5 de xaneiro e, coa vista posta nesta data, o Concello de Fene convida ás nenas e nenos a tomar parte na Cabalgata como paxes reais. Para iso, é preciso anotarse no Rexistro Xeral, entregando a ficha de inscrición –disponible aquí-. É requisito ter entre 6 e 12 anos cumpridos e o aforo está limitado, cubríndose por orde de solicitude. O prazo pecharase o 29 de decembro.  En total seleccionaranse 24 paxes reais (8 por carroza) e o criterio será por orde de solicitude. 

A Cabalgata partirá ás 17,30 horas de Perlío –fronte a Aguilar- para percorrer a Avenida Marqués de Figueroa, Cruce de Fene e Avenida de Naturais rematando na Praza do Concello onde se lles dará a benvida aos Reis.

Así mesmo, a organización contactará o 3 de xaneiro coa familia (vía telefónica e correo electrónico) para indicarlles a carroza correspondente e comunicarlle indicacións.

Sinalar que os paxes dos Reis Magos instalarán o vindeiro día 27 de decembro na casa consistorial de Fene un buzón real para que as nenas e nenos do municipio poidan depositar as súas cartas. Nesta liña, o Concello anima aos máis pequenos a escribir as súas peticións e desexos e entregar as misivas as cales serán recollidas polos mesmos paxes para a súa entrega aos Reis Magos.
13-12-2022 -

Últimas prazas dispoñibles para a sesión de O Titiribaile na Biblioteca Municipal

No marco da programación de Nadal que organiza a Concellería de Cultura, este venres, 16 de decembro, actúa na biblioteca municipal Xosemaría Pérez Parallé o grupo O Titiribaile con “Chegados a este punto”, espectáculo dirixido a crianzas de 0 a 3 anos. As prazas xa están prácticamente cubertas pero aínda queda algunha dispoñible. As persoas que se queiran anotar, poden facelo na biblioteca municipal de Fene, presencialmente ou no teléfono 981 342 302 (horario de 16.00 a 21.00 horas).
12-12-2022 -

As corais e rondallas de Fene reúnense este sábado no Festival de Panxoliñas do Concello de Fene

A sociedade Agarimo de Sillobre acolle este sábado, ás 20 horas, o XX Festival de Panxoliñas no que tomarán parte as cinco formacións locais que interpretarán os clásicos tradicionais destas datas. No encontro musical, o primeiro que se celebra tralo inicio da pandemia, participarán a Coral Polifónica O Pote de Maniños, a rondalla Perla del Río, a rondalla Estrelecer, o Tradicoro e, como anfitrioa, a coral Polifónica Agarimo de Sillobre. Cada unha delas interpretará tres panxoliñas, entre as que se poderán escoitar pezas tan coñecidas como “Noite de paz”, “Bicos e paz”, “Meu pequeno” ou “Mariñeiro”, e así ata xuntaren un repertorio de 15 clásicos en galego e castelán. O evento é con entrada gratuíta e está promovido pola Concellaría de Cultura como xeito de poñer en valor a longa tradición que existe en Fene arredor da música coral. Da organización encárgase a SCRD Agarimo, que lle toma o relevo á Sociedade O Pote, anfitrioa en 2019 deste festival que cada ano se celebra na sede dunha formación do municipio.