Novas

12-12-2022 -

Moita actividade cultural durante o Nadal... pero tamén deportiva

Hai uns días, a Concellaría de Cultura do Concello de Fene publicou o amplo programa que vai desenvolver até a chegada dos Reis Magos de Oriente. Porén, a Concellaría de Deportes tamén concentra nestas datas un bo número de propostas de entretemento relacionadas coa actividade física compartida en familia. O ciclo de Nadal botará a andar a vindeira fin de semana coa Gala de Nadal - Exhibición de ximnasia artística do Club Ximnasia Ferrolterra, o sábado 17 de decembro ás 17 horas no pavillón da Xunqueira, e cunha segunda gala de Nadal -Exhibición de patinaxe artística do CPA Inercia, o domingo 18 a partir das 12.00 horas na mesma instalación deportiva. Námbolos dous casos, a entrada será libre e de balde aínda que se convida aos/ás asistentes a colaborar na recollida de alimentos non perecedoiros que promoven as entidades organizadoras.
09-12-2022 -

A Xunta de Goberno Local aprobou a concesión das subvencións a entidades sen fins de lucro, en réxime de concorrencia competitiva, do exercicio de 2022.

O Concello de Fene ten entre as súas prioridades políticas fomentar a participación da cidadanía como xeito de contribuír á democratización da sociedade e impulsar a extensión do uso social do galego, contribuíndo á normalización do seu uso en todos os ámbitos. Dende esta perspectiva, o apoio ao movemento asociativo no seu normal funcionamento e no desenvolvemento das actividades que lle son propias constitúe un dos piares da actuación municipal. Coa aprobación das bases que rexeron esta convocatoria, publicadas no BOP do 11.10.2022, establecéronse os criterios e o procedemento para canalizar o citado apoio mediante a concesión de subvencións municipais destinadas a prestar servizos e realizar as actividades que complementen ou suplan aos atribuídos á competencia municipal ou que, en xeral, contribúan ao fomento dos intereses xerais ou sectoriais da veciñanza de Fene, subvencións que se outorgan en base aos principios de obxectividade, concorrencia e publicidade. Rematado o prazo de presentación de solicitudes e emitido pola Comisión Avaliadora o preceptivo informe-proposta, a Xunta de Goberno Local, en xuntanza que tivo lugar o pasado mércores día 7, aprobou a concesión de subvencións ás 30 entidades que se acolleron a esta convocatoria.
07-12-2022 -

Case 800 deportistas tomarán a saída este domingo no XXXVI Memorial Adolfo Ros

Todo listo para unha nova edición do Memorial Adolfo Ros, a principal carreira popular do calendario comarcal que percorrerá os concellos da ría na mañá deste domingo 11 de decembro. Ao peche das inscricións, a Federación Galega de Athletismo contabilizou 782 deportistas nos oito apartados que terá a proba, a maioría delas para a distancia absoluta de 21 quilómetros. Este ano a organización recaeu no Concello de Fene, quen, en colaboración con Ferrol, Narón e Neda, ten preparado un amplo dispositivo para que esta auténtica festa do deporte sexa, de novo, todo un éxito.
07-12-2022 -

Mulleres demandantes de emprego de Fene e comarca son as destinatarias do Programa Integrado para o Emprego de Galicia

A Xunta de Galicia vén de conceder á Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol unha nova edición do Programa Integrado de Emprego de Galicia. A administración autonómica e o Servicio Público de Empleo Estatal financian esta convocatoria que vai dirixida a mulleres en situación de desemprego empadroadas nos Concellos de: Fene, Cedeira, Valdoviño, Narón, Neda, Cabanas, Ares ou Mugardos, que cumpran algún dos seguintes requisitos: estar desempregadas (e inscritas como demandantes de emprego); contar con certificado de discapacidade; estar en risco de exclusión social sendo beneficiarias do tramo de inserción da renda de inclusión social de Galicia; ser vítimas de violencia de xénero; ou menores de 30 anos con baixa cualificación. As mulleres interesadas en ampliar información ou inscribirse no programa poderán solicitalo, no caso de Fene, na Área de Formación e Emprego “Pancho Allegue”, teléfono 981 492 767, correo-e: orientacion.laboral@fene.gal. O prazo de solicitude remata o día 15 de decembro.
07-12-2022 -

Abre o prazo de inscrición para os contos para bebés na Biblioteca de Fene

As familias interesadas en apuntar ás súas crianzas á sesión de contacontos que Barafunda Teatro ofrecerá na biblioteca municipal o xoves 15 e o grupo O Titiribaile o 16 de decembro, poden anotalos dende hoxe até o vindeiro 14 de decembro na propia biblioteca. Ámbolos dous espectáculos están dirixidos a bebés, de 0 a 4 anos o primeiro e de 0 a 3 o segundo. A reserva realizarase presencialmente ou por teléfono, no 981 342 302, de luns a venres (agás festivos), de 16 a 21 horas ou o sábado, de 10 a 13 horas. Con esta dobre sesión de contacontos comeza este ano o ciclo de actividades que organiza a Concellería de Cultura de Fene ao redor das festas de Nadal.
05-12-2022 -

Fene acende hoxe o Nadal

A Concellaría de Promoción económica e Turismo prenderá hoxe luns de comezo da ponte da Constitución e da Inmaculada todas as luces do Nadal instaladas nas últimas semanas por practicamente todo o territorio municipal. Á decoración luminosa destínanse nesta ocasión algo máis de 23.000 euros, co obxectivo de darlle a Fene un ambiente festivo durante as datas máis entrañables do calendario. O orzamento sobe un chisco con respecto a outros anos, ampliando tanto luces como outros elementos para que as entradas ao concello e sobre todo o rural cobren máis protagonismo. Neste sentido, ao longo da xornada quedarán colocados no seu sitio os photocalls con motivo do natalicio deseñados por Ito Mosquera, nos que propios e alleos poderán retratarse e compartir despois as fotos nas redes sociais municipais, enviándoas a comunicacion@fene.gal.
05-12-2022 -

O Concello de Fene presenta un completo programa de actividades para o Nadal

Cunha dobre sesión de contacontos na biblioteca municipal, o xoves 15 e o venres 16 de decembro, comeza este ano o ciclo de actividades de Nadal organizado pola Concellería de Cultura do Concello de Fene. O programa inclúe, amais dos contacontos, o tradicional festival de panxoliñas e un concerto a cargo de Eugenia Sanmartín. Tamén se anuncian dúas exposicións na Casa da Cultura e, ao remate das festas, o venres 5 de xaneiro, a cabalgata das SSMM os Reis Magos de Oriente e a recepción real na praza do alcalde Ramón Souto González. Os nenos/as (entre 6 e 12 anos cumpridos) que queiran participar como paxes reais na Cabalgata, poderán apuntarse até o 29 de decembro no Rexistro Xeral do Concello (aforo moi limitado, por orde de solicitude). Folla de inscrición dispoñible en www.fene.gal a partir do 16 de decembro. Por outro lado, dende a Concellería de Deportes tamén avanzan que, do 27 de decembro de 2022 ao 6 de xaneiro de 2023 estará instalada a Caixa de Correo Real na entrada da Casa do Concello.
05-12-2022 -

A exposición máis “Heteroxénea” de Francisco Pérez Alonso amósase en Fene durante o mes de decembro

Ás oito do serán inaugúrase na Casa da Cultura de Fene a exposición “Heteroxénea”, do zamorano Francisco Pérez Alonso. Trátase dunha mostra de pintura, escultura e reproducións de instrumentos musicais realizados, a maioría, en madeira. Na pintura, salientan as obras cinéticotemáticas pertencentes ás series “Ferrol cineticotemático”, “Ferrol-Ucha” e “Madrid cineticotemático”. Tamén se inclúen cadros dunha serie libre e esculturas realizadas en pizarra, madeira, aceiro inox ou pedra. A mostra poderá visitarse até o vindeiro 30 de decembro en horario: de luns a venres, de 10.00 a 13.00 horas e de 16.00 a 21.00 horas; os sábados, de 10.00 a 13.00 horas; e domingos e festivos, pechado. A partir do 23 de decembro (inclusive), o horario será: de luns a venres, de 10.00 a 14.15 horas; e os sábados, domingos e festivos, pechado.
02-12-2022 -

O Concello de Fene e INDICAN promoven unha campaña sobre a responsabilidade que implica sumar un animal á familia

"Milleiros de cans que foron agasallos polo Nadal ou Reis acaban meses despois encadeados, invisibles, engaiolados ou abandonados". Con esa frase tan dura como real encabézanse os carteis de grande formato que desde esta semana se están repartindo polas instalacións municipais, en locais de entidades, polos colexios e en establecementos comerciais de Fene, dentro dunha nova campaña de concienciación promovida pola asociación Iniciativa Dignidad Canina (INDICAN) en colaboración coa Concellaría de Medio Ambiente do Concello de Fene. A iniciativa fai unha chamada de atención  sobre a responsabilidade e compromiso que implica a chegada dun animal á familia, algo que en moitos casos non se medita suficientemente e que despois ten consecuencias dramáticas para o novo membro. Nas próximas semanas o colectivo, que insiste unha vez máis en que cans, gatos e outros animais non son xoguetes nin obxectos, desenvolverá charlas nos centros de ensino e, ademais,  todos os mércores ás 11:00h emitirá en Radio Fene o espazo "Radio Animal".
01-12-2022 -

Abre o prazo de preinscrición para a Campaña da Neve da Deputación da Coruña

Sete nenos ou nenas de Fene poderán gozar este ano da experiencia de participar na “Campaña Neve” da Deputación da Coruña. O programa, dirixido a rapaces/a de 11 a 15 anos (inclusive), sufragará boa parte dos custes que supón a viaxe, estadía, manutención e actividades na estación de montaña Valgrande-Pajares (Asturias) dende o 13.01.2023 ao 16.01.2023. A cota de participación que corresponde ás familias ascende a 85 euros por persoa. Dende o xoves 1 até o venres 16 de decembro está aberto o prazo para facer as preinscricións dos nenos/as no Departamento de Cultura e Deportes de Fene (Avda. Naturais 44, entresollado), de luns a venres en horario de 09.00 a 13.30 horas.