Novas

07-03-2023 -

O doutor en Xeoloxía Fran Canosa fala este xoves en Fene sobre “Galicia, un paraíso xeolítico”

O ciclo Contando Ciencia, organizado pola Biblioteca “O Segrel do Penedo” do IES de Fene coa colaboración da Concellería de Ensino de Fene, continúa esta semana cunha nova conferencia a cargo do doutor en Xeoloxía e director do proxecto Xeoparque do Cabo Ortegal, Fran Canosa. A cita será o xoves, ás 19.30 horas, no salón de actos da Casa da Cultura con entrada libre e de balde até completar o aforo.
06-03-2023 -

Exhibición deportiva, representación teatral e curso para conmemorar o Día da Muller en Fene

O Concello de Fene conmemora ao longo desta semana o Día da Muller. As actividades comezarán esta tarde, ás 19:30 horas, na pista polideportiva municipal de Centieiras, cunha exhibición de judo feminino a cargo do Club Artes Marciais Fene. Mañá martes, ás dez e ás doce e media, representarase na Casa da Cultura o monólogo "Golpes" (con temática sobre a violencia de xénero) para a rapazada do IES de Fene e do CPI A Xunqueira. Ademais, dende a Concellería de Benestar Social e Igualdade anuncian un obradoiro de mecánica básica para mulleres (do que se achegará máis información en datas próximas).
03-03-2023 -

O alcalde de Fene, Juventino Trigo, participou esta mañá na apertura do 6º congreso Galician Offshore International Hub (GointerHUB).

No decurso da súa intervención, Juventino Trigo afirmou que “máis ca nunca, empresas e administracións temos que comprometermos no desenvolvemento dunha industria e tecnoloxía vencellada ás enerxías alternativas, para contribuír deste xeito a frear o cambio climático, e evitar a emisión á atmosfera de CO2”. E a eólica mariña, dixo Trigo, “é un espazo de oportunidade para conseguir eses obxectivos e pular polo desenvolvemento industrial da nosa comarca”.
27-02-2023 -

Fene prepárase para tres días de oportunidades e prezos imbatibles

Un total de 23 comercios de todo tipo van participar durante esta fin de semana no primeiro Outlet Fene deste ano 2023. De venres a domingo os establecementos ofrecerán unha chea de artigos rebaixados e outras oportunidades nun evento organizado pola área de Promoción Económica e Turismo en colaboración coa asociación de comercio, hostalaría e servizos O Cruceiro. O outlet desenvolverase o venres en horario de 10 a 13:30 e de 17:00 a 20:00h, o sábado de 10:00 a 14:00h e de 17:00a 20:00h e o domingo só pola mañá, de 10:00 a 14:00h.  
27-02-2023 -

O Museo do Humor Xaquín Marín e Demo Editorial presentan o I concurso de banda deseñada de humor “Demo pequeno”

“Achegar os escolares galegos ao mundo da banda deseñada, fomentando a súa creatividade dende unha perspectiva humorística” é o principal obxectivo do concurso de banda deseñada e humor “Demo pequeno” que promoven o Museo do humor Xaquín Marín e Demo Editorial. O certame, para o que xa está aberto o prazo de presentación de obras, vai dirixido a mozos e mozas galegos de 8 a 16 anos, que poderán participar de xeito individual ou por equipos de dúas persoas (guionista e debuxante). Valorarase “a composición do debuxo e o uso de diferentes técnicas pictóricas pero tamén a propia historia e o sentido humorístico da mesma”. O prazo de presentación de orixinais finalizará na medianoite do venres 30 de abril de 2023.
24-02-2023 -

"O circo" do colexio Jorge Juan Perlío chega á Casa da Cultura

O vindeiro luns, 27 de febreiro, inaugúrase na Casa da Cultura de Fene a exposición sobre o circo que o alumnado e profesorado do CPR Jorge Juan Perlío elaborou neste curso, no marco do seu proxecto escolar anual. O acto será ás 16 horas e contará coa presenza do alcalde de Fene, Juventino Trigo, do Concelleiro de Cultura, Justo Ardá, do director do colexio, Ángel del Río Correa, e da representante da Anpa Sonia Fernández Veiga. A exposición permanecerá aberta ao público do luns 27 ao sábado 4 de marzo, en horario, de luns a venres, de 10 a 13 e de 16 a 20 horas, e o sábado, de 10 a 13 horas. Ademais, ao longo da semana, proxectarase na Casa da Cultura algunha producción cinematográfica con temática circense para animar á comunidade escolar do centro e á veciñanza en xeral a visitar a exposición.
23-02-2023 -

Día de Rosalía

O Concello de Fene súmase á iniciativa da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG) e fai un chamamento á veciñanza a conmemorar o “Día de Rosalía” neste 23 de febreiro, agasallando cun libro en galego e cunha flor ás amizades e persoas queridas e a espallar nas redes sociais, co lema #cumpriuseaxustiza, a obra de Rosalía. Asemade, súmase á conmemoración  publicando o manifesto que a AELG lle encargou este ano á escritora Carme Adán e que se pode descargar dende esta páxina. 
17-02-2023 -

Trece comparsas arrufarán o día grande do Entroido fenés

Paso a paso, Os Colludos, Os Argalleiros, As Xoaniñas de Chao, Os contos da Anpa Belén, Scratchados de Fene, A Canteira, Os Parrandolos, Os xogos de Centi, A Revolta de Trasancos, Os Fitipanthers, Santa Compaña e Oje Ferrol. Son as agrupacións que se inscribiron este ano para participar no desfile e posterior festival de comparsas que organiza a Concellería de Cultura para o mércores de cinza, día grande do Entroido fenés. Para facilitar a organización do pasarrúas e interromper o menos posible o tráfico, nesta ocasión as comparsas concentraranse na pista do CCRD de Perlío ás 17.30 para iniciar o desfile que concluirá na praza do alcalde Ramón José Souto González. Pero a xolda comezará en Fene xa o día anterior, o martes de Entroido, cunha festa infantil, reparto de lambetadas e verbena.
16-02-2023 -

Un Concello limpo depende de todas e de todos, colabora

A Concellería de Medio Ambiente do Concello de Fene apela á responsabilidade da cidadanía por unha xestión adecuada dos nosos residuos así como ao civismo para evitar a proliferación de vertedoiros incontrolados no noso municipio.
Como reforzo a esta petición, nos vindeiros días procederase á pegada nos colectores municipais de cartelas con información sobre o servizo de recollida de voluminosos e sobre que residuos podemos, ou non, depositar nos colectores.
16-02-2023 -

O Concello asina o acordo de compra do novo inmoble municipal en Naturais de Fene

O baixo e o entresollado situado na confluencia do Camiño da Casa Nova con Naturais de Fene é desde onte de titulariedade municipal. Así quedou reflectido no documento de compra-venda subscrito na notaría de Fene polo alcalde, Juventino Trigo, e polos representantes de Parque de Cela S.L., propietaria de ambos inmobles que pasan agora a mans do Concello por un prezo de 310.000 euros máis impostos. Deste modo certifícase unha operación na que o Goberno local levaba dous anos traballando e que, ademais, conta cunha achega provincial de 248.000 euros. A finalidade das novas dependencias, unha vez acondicionadas, será acoller o Xulgado de Paz, as oficinas de Promoción Económica e Turismo, o departamento de Promoción e Emprego e o Arquivo Municipal, así como utilizar o baixo como garaxe.