Novas

09-02-2022 -

Novo grupo de educación física contra a fatiga oncolóxica

O Concello de Fene abrirá un novo grupo da actividade de Educación física contra a fatiga oncolóxica, destinado a persoas que pasaran a enfermidade recentemente ou que se atopen actualmente en tratamento. A actividade desenvolverase no pavillón da Xunqueira, en San Valentín, os luns e mércores de 17:00 a 18:30 horas.
Trátase dunha actividade de intensidade suave a moderada, que trata de axustarse en tódolos casos ás características e posibilidades de cada persoa. Baséase nos contidos propios da Educación Física, así como tamén exercicio cardiovascular, mobilidade articular, estiramentos, relaxación, respiración, forza a nivel funcional, equilibrio, coordinación,... empregando para tal fin os exercicios físicos e os métodos máis aconsellables para cada persoa.
 
08-02-2022 -

O judo galego dase cita en Fene

Coa celebración da segunda xornada da Liga Galega Rías Altas de Judo botará a andar este sábado no pavillón da Xunqueira de San Valentín unha intensa fin de semana adicada a este deporte. Serán dous días, o sábado 12 e o domingo 13 de febreiro, nos que confluirán distintas actividades como a segunda xornada da Liga Galega Rías Altas de judo, unha charla sobre as novas normas de arbitraxe, unha master class cun judoka olímpico ou unha nova xornada de Xogade (Xogos Galegos Deportivos en Idade Escolar). As actividades están organizadas pola Concellería de Deportes de Fene, Club Artes Marciais Fene e AD Judo Ferrolterra. Entrada libre até completar o aforo.
08-02-2022 -

Non pasa nada, pasa algo?

O alumnado do obradoiro dual de emprego Reinicia VIII participará ao longo desta semana no programa  “Non pasa nada, pasa algo?”, subvencionado pola Consellería de Sanidade. Trátase dunha actividade encamiñada a manexar unha información obxectiva e veraz que lles axude a adoptar decisións autónomas e responsables en beneficio propio e no ámbito laboral, reforzando actuacións preventivas.


Programa enmarcado no proxecto de prevención de condutas adictivas, realizado conxuntamente coa agrupación de concellos de Neda e Mugardos e  subvencionado pola Consellería de Sanidade.
08-02-2022 -

O Concello modifica a ordenanza das plusvalías rebaixando os coeficientes de cálculo do imposto e introducindo unha bonificación do 90% para as herdanzas de vivenda habitual

O Concello de Fene aprobou no pleno do xoves pasado adaptar a ordenanza do Imposto de Incremento do Valor dos Terreos Urbanos (coñecido como "plusvalía") á nova normativa que regula ese gravame, despois de que o Tribunal Constitucional tumbase a maneira de calcular o seu importe. O Real Decreto-Lei publicado polo Goberno en novembro pasado dáballes aos concellos un prazo máximo de 6 meses para axustar as súas ordenanzas ao marco estatal, que introduce a posibilidade de pagar o imposto en base ao valor catastral do inmoble no intre de vendelo ou ben sobre a diferenza entre o prezo de compra e o de venda. No caso de Fene, ademais de refacer o texto consonte o decreto estatal, tamén se aproveitou para actualizar a súa redacción, rebaixar os coeficientes que se aplican e incorporar unha bonificación do 90% da cota tributaria para as vivendas herdadas que se destinen a residencia habitual.
07-02-2022 -

Aberto o prazo para participar na XXVI edición dos Premios Curuxa do Humor

Coa publicación das bases no BOP núm. 25, do luns 7 de febreiro de 2022, abre o prazo de presentación de debuxos para o XXVI concurso de humor gráfico “Curuxa do humor” que organizan a Concellería de Cultura e o Museo do Humor de Fene. Os premios Curuxa teñen como obxectivo recoñecer o traballo dos mellores humoristas gráficos do momento (tanto galegos coma de calquera recuncho do estado español), amais de procurar unha maior proxección pública do Museo do Humor de Fene, un dos poucos do seu xénero que existen no noso país e no mundo.
04-02-2022 -

San Valentín reúne este domingo o melloriño da artesanía local e comarcal

O paseo marítimo de San Valentín acollerá durante toda a xornada deste domingo 6 de febreiro a Feira de Artesanía organizada pola Concellaría de Promoción Económica, na que se darán cita 24 postos de dentro e fóra de Fene. A iniciativa busca poñer en valor a creación de proximidade ofrecéndolles ás artesás e artesáns participantes un espazo compartido -baixo carpa- no que expor e vender as súas manufacturas. 
03-02-2022 -

As acuarelas de Antonio Rivas Pol amósanse en Fene neste mes de febreiro

Este venres, 4 de febreiro, inaugúrase na Casa da Cultura unha exposición de acuarelas de Antonio Rivas Pol. O acto, previsto para as 19.30 horas contará coa presenza, amais do artista, do alcalde de Fene, Juventino Trigo, e do concelleiro de Cultura, Justo Ardá. Tamén intervirá, en calidade de presentador do evento, o licenciado en Historia da Arte e autor dos libros A paisaxe da nación e Castelao. Plástica e pensamento.1903-1916, Suso Piñeiro. A mostra de Antonio Rivas Pol poderá visitarse en Fene até o vindeiro 28 de febreiro, de luns a venres, de 10.00 a 13.00 horas e de 16.00 a 21.00 horas, e os sábados, de 10.00 a 13.00 horas. Os domingos e festivos a sala de exposicións permanecerá pechada.
01-02-2022 -

Moxom doa ao Museo do Humor unha das esculturas da exposición De boas madeiras

O alcalde de Fene, Juventino Trigo, e o escultor Xosé Manuel Rodríguez “Moxom” asinaron este luns o convenio de doazón polo que o artista ourensán doa ao Museo do Humor de Fene unha das pezas que formaron parte da exposición “De boas madeiras”, que se puido ver na Casa da Cultura ao longo do mes de xaneiro. Trátase da peza titulada “Fifi”, realizada en madeira de piñeiro e pintada con pinturas plásticas e acrílicas. As suas medidas son: 73 x 53 x 193 cm. Segundo se recolle no documento asinado por ámbalas dúas partes, a obra “pasará a formar parte dos fondos do Museo do Humor, podendo exhibirse nas súas dependencias, en mostras itinerantes ou publicacións propias”. Na sinatura do convenio de doazón, amais do alcalde e do artista, estivo tamén presente o concelleiro de Cultura de Fene, Justo Ardá.
27-01-2022 -

Fene converterase o sábado e o domingo na capital mundial do baile deportivo

O pavillón municipal da Xunqueira vivirá este sábado e domingo dúas xornadas moi intensas. Alí daranse cita cerca de 500 bailarinas e bailaríns  procedentes de 26 países no que será un dos eventos de baile deportivo estándar e latino de maior relevancia de cantos se teñen celebrado no Estado. E non é para menos, xa que a Dance Sport Cup Fene 2022 reunirá en San Valentín "ao mellor do mellor" destas disciplinas nun encontro con probas desde a categoría Junior até a Senior 4 (+de 60 anos). Ademais, no marco desta copa tamén se desenvolverán as series clasificatorias europeas de baile deportivo latino para obter o pase  aos Xogos Mundiais que terán lugar nos Estados Unidos no mes de xullo. As entradas poden adquirirse a través desta ligazón e a competición poderá seguirse por internet a través de LaLiga4 Sports e nas canles da Federación Española e da Federación Mundial de baile deportivo.
24-01-2022 -

Fene abre un novo prazo de licitación da xestión do Punto Limpo do Vilar do Colo

A Plataforma de Contratación co Sector Público recolle desde hai uns días a reapertura do prazo de licitación do contrato de explotación e mantemento do Punto Limpo do Vilar do Colo, despois de que a primeira convocatoria quedase deserta. As empresas interesadas teñen até o próximo 16 de febreiro para presentaren as súas propostas sobre un prezo que se incrementa en case 66.000 euros para os tres anos de vixencia máxima do contrato. O procedemento especifica que a participación na licitación se reserva a empresas que posúan a cualificación de Centros Especiais de Emprego e de iniciativa social ou a empresas de inserción reguladas.

O Concello licitou en outubro un contrato de xestión do punto limpo cun prezo base fixado en 207.175,08 euros. Finalmente a convocatoria quedou deserta e, por este motivo, a Comisión de seguimento formada polos tres municipios promotores -Fene, Cabanas e Ares- acordou publicala de novo recalculando o importe de saída, que se ascende agora a 272.972,58 euros, IVE incluído.