Novas

15-06-2021 -

A Banda do Verán leva o seu espectáculo de danza, música e clown á Casa da Cultura de Fene

Danzamos no verán!!! é o espectáculo que o vindeiro xoves, 24 de xuño, presentará “A banda do verán” en Fene. A actividade, dirixida a público de educación infantil e primaria, comezará ás 12.30 horas no salón de actos da Casa da Cultura, con entrada de balde e aforo limitado, segundo a normativa COVID19. Para asistir a esta función, cómpre facer reserva de praza na Biblioteca Municipal, do 17 ao 23 de xuño, presencialmente ou no teléfono 981 342 302.

En “Danzamos no verán!!!” mestúranse a música e a danza con elementos teatrais ou de clown. Trátase dun espectáculo participativo cheo de música, de historias, de danza e coreografías que mergullan aos rapaces e rapazas nunha divertida festa e nun soño de verán…. O show está creado a partir do libro disco “Estamos no verán” da Editorial Galaxia (nomeado como mellor álbum en lingua Galega nos “VI Premios de la Música Independiente”). Estilos como o funk, o rock, o pop, o reggae ou a bossa nova atópanse neste espectáculo recomendado para os nenos e nenas de educación infantil e primaria.

A Banda do Verán está formada por músicos profesionais de contrastada solvencia que á súa vez exercen a docencia e que salientan pola súa experiencia laboral e didáctica na música e no teatro infantil. Desde o ano 2007 levan os seus espectáculo por toda Galicia e Portugal.
15-06-2021 -

Xaquín Marín Formoso, gañador na categoría de "persoas" do XII premio Rosalía de Castro de Lingua da Deputación da Coruña.

O alcalde, Juventino Trigo, e o Goberno Municipal de Fene felicitan ao debuxante fenés Xaquín Marín Formoso, gañador na categoría de "persoas" do XII premio Rosalía de Castro de Lingua da Deputación da Coruña. 

Á hora de outorgar o recoñecemento, o xurado do certame valorou" o compromiso continuado no tempo, o alcance social do seu traballo e o feito de facer humor gráfico nun contexto histórico de especial dificultade en plena ditadura franquista e en medios de comunicación onde a presenza do galego era residual". 

A candidatura de Xaquín Marín ao certame provincial foi presentada polas áreas de Museo e Normalización Lingüística, co apoio da concellería de Cultura e do Goberno Municipal de Fene. 

No mesmo certame, tamén acadaron recoñecemento a Agrupación Astronómica Coruñesa Ío, na categoría de entidades, e o Twitter en galego, para iniciativas de xente nova.
Máis información sobre o premio, na web da Deputación da Coruña  
https://bit.ly/3pTJzXO
14-06-2021 -

A Deputación e o Concello de Fene acordan solucións para a seguridade do tráfico na Armada, na Rúa da Fraga e na estrada Barallobre-San Marcos

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, reuniuse hoxe na sede da institución provincial co alcalde de Fene, Juventino Trigo, e os concelleiros de Urbanismo e Obras e Servizos, Manuel Polo e Mar Piñeiro. No encontro ambas Administracións acordaron poñer en marcha distintos proxectos para a mellora da seguridade de distintos viais da rede provincial de estradas ao seu paso polo municipio.
14-06-2021 -

Liberdade de ser e sentir, 28 de xuño día da diversidade sexual

A área de Igualdade do Concello de Fene adhírese un ano máis á Campaña “LIBERDADE DE SER E SENTIR!” da Deputación da Coruña na súa aposta por visibilizar a igualdade das persoas independentemente da súa orientación sexual e identidade de xénero e có fin de normalizar e sensibilizar á sociedade sobre as diversidades sexuais e xerar unha sociedade máis tolerante e igualitaria.

O Concello de Fene colocará a bandeira cos cores da arco da vella na fachada da casa consistorial e convida a toda a veciñanza a facer o mesmo, lucíndoa dende as súas fiestras.

As actividades que se levarán a cabo, o material da campaña, vídeos, palestras, xornadas... atópanse na web seresentir.gal, polo que animamos á veciñanza a visitar a páxina e participar delas.
11-06-2021 -

IX Trofeo de Baile Deportivo Concello de Fene este domingo no pavillón de A Xunqueira

O pavillón de A Xunqueira, en San Valentín, acollerá este domingo 13 de xuño a IX edición do Trofeo de Baile Deportivo Concello de Fene. Puntuable para o ránking nacional, celebrarase en horario de 11.30 a 19.30 horas coa participación de bailaríns e bailarinas de todas as idades.
10-06-2021 -

San Xoán 2021

O Concello de Fene abre o prazo de solicitude para a comunicación de fogueiras en terreos privados para o San Xoán.

Prohíbese neste ano 2021 a celebración das tradicionais fogueiras de San Xoán en solo público municipal, espazos de titularidade municipal e praias durante a noite do 23 de xuño ao 24 de xuño.

As comunicacións deben presentarse antes das 14 h do 22 de xuño de 2021 a través da Sede Electrónica ou ben de maneira presencial, aínda que nese caso será obrigatorio solicitar cita previa no 981492707, no correo citaprevia@fene.gal ou a través do sitio https://sede.fene.gal/opencms/gl/cita/

Podes descargar aquí o modelo de comunicación e o bando informativo coas condicións xerais e específicas para a realización das luminarias.
09-06-2021 -

A andaina debuxada encherá este fin de semana de creatividade o Camiño Inglés

O Camiño Inglés ao seu paso por Ferrolterra acolle esta fin de semana a Andaina Debuxada que organiza o Concello de Fene no marco do proxecto “Viñetas do Camiño”, impulsado desde as súas concellerías de Turismo e Cultura ao abeiro do programa O Teu Xacobeo da Xunta de Galicia. A ruta está organizada en dúas etapas, o sábado pola mañá e pola tarde e o domingo pola mañá, con paradas nos seis concellos polos que discorre a ruta nas que estarán debuxando destacados artistas da contorna.

Hai arredor de medio cento de persoas inscritas para empregar os autobuses gratuítos que o Concello de Fene dispuxo para a volta. A marcha organizarase, coa axuda de Protección Civil, en grupos de vinte persoas nos que haberá que cumprir o distanciamento e demáis medidas establecidas para as actividades de natureza.
08-06-2021 -

Fene di NON á basuraleza

O Concello de Fene, a través da concellería de Medio Ambiente, ven de sumarse ao proxecto "LIBERA, unidos contra a basuraleza" (residuos abandonados na naturaleza). O programa inclúe unha "grande recollida colaborativa nacional" que terá lugar este sábado, 12 de xuño, "para liberar a natureza do lixo que outros tiraron e non retiraron". No marco desta campaña "1 m2 contra a basuraleza", o Concello de Fene habilitou tres puntos de recollida para a limpeza que se desenvolverá esta fin de semana: na praia de Maniños, no Río Cádavo e no Camiño Inglés ao seu paso por Fene.
08-06-2021 -

Convocada unha nova xornada de formación online sobre o acompañamento dixital e a prevención de condutas adictivas

A área de Benestar Social e Igualdade desenvolverá unha nova  sesión formativa no eido da prevención das conductas adictivas. Obradoiro dixital dirixido a persoas adultas que se desenvolverá nas seguintes datas:

Data: xoves 10 e 17 de xuño 
Hora: de 16.30 a 18.00h.
Este obradoiro dixital está orientado para todas aquelas persoas adultas que busquen un espazo formativo dinámico onde falar sobre as redes sociais e como  adaptarnos á comunicación dixital coas novas realidades derivadas da pandemia; aprenderemos a mellorar a nosa seguridade en internet (revisar termos de privacidade nas diferentes aplicacións que usamos a diario, crear contrasinais seguras, etc.). Tamén trataremos os conceptos de identidade e pegada dixital, para coñecer a información que ten internet sobre nós e que pegada deixan as nosas accións nas redes. Todo isto abordarémolo tendo en conta as emocións e necesidades que nos espertan os usos das TRIC (Tecnoloxías da Relación, a Información e a Comunicación) e valorando o noso benestar dixital a través dos usos saudables e aqueles hábitos ou rutinas que nos poden estar a ocasionar certos riscos na nosa saúde ou seguridade.


08-06-2021 -

Caiac, Paddle-Surf, ximnasia de mantemento e un campamento no CMI Unidade de Fene engádense á oferta lúdica municipal para o verán

O Concello de Fene desenvolverá ao longo dos meses de xullo e agosto o programa de conciliación "Un verán diferente II", que tivo aberto o prazo de preinscricións até o 4 de xuño. Porén, a maiores destas actividades para rapazada de 3 a 12 anos, o consistorio tamén ten preparadas outras propostas dirixidas tanto a nenas e nenos como a mocidade e persoas adultas. Así, en colaboración co Mesón O Emigrante, desde principios de xullo e ata mediados de agosto poderemos gozar das augas de Almieiras navegando en caiac ou practicando paddle surf e durante os dous meses centrais do verán tamén teremos ximnasia de mantemento ao aire libre no paseo marítimo de San Valentín. Ademais, o Concello e o CMI Unidade de Fene tamén colaboran na organización do campamento lúdico e deportivo "Dálle ao play", que terá lugar nas instalacións da entidade na primeira quincena de agosto. Para anotarse nestas actividades -agás para a ximnasia, que non o require e será de balde- hai que solicitar cita previa desde este mércores 9 de xuño contactando co Departamento de Cultura e Deportes nos teléfonos  607 615 962 / 981 340 366.